Moncho Iglesias: “A poesía de Darwix chega a todo o mundo porque é o berro dun pobo”

“A poesía de Darwix é unha poesía fácil, que pode chegar a todo o mundo, porque é o berro dun pobo, é como ler panfletos dunha manifestación, que tamén poden ser poéticos”. Así define Moncho Iglesias os textos do poeta palestino, que xa se poden ler en galego grazas á escolma bilingüe (árabe-galego) de 48 textos que vén de publicar Barbantesa baixo o título de Carné de Identidade. Os textos, que abranguen todas as etapas da obra de Mahmud Darwix, non son 48 por casualidade, senón que conscientemente se quixo facer referencia ao ano da ocupación de Palestina por Israel. Iglesias, tradutor e poeta (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Positivas) coñece ben a Darwix e coñece ben Palestina, pois dende hai anos é profesor na Universidade de Belén. O proxecto de traducilo ao galego naceu coma un hobbie, hai uns tres anos, e como un intento de deitar “unha ponte entre o árabe e o galego, entre Palestina e Galicia”. O carácter bilingüe da escolma permitirá, ademais que o libro se poida distribuír dalgún xeito en Palestina: “Estamos pensando en facer presentacións alí, para dar a coñecer Galicia e a cultura e lingua galegas, do mesmo xeito que coas presentacións que facemos en Galicia damos a coñecer Palestina”. É a primeira vez, ademais, que se publica en galego un libro traducido do árabe, pois até o de agora só tiñamos algunhas traducións de textos soltos, coma as realizadas por Xavier Frías Conde para A Trabe d’Ouro.” Vía Praza.

Parlamento das Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Álvarez Cáccamo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Falta normalidade: presenza suficiente dos nosos libros nos escaparates e nos andeis das librerías, circulación fluída e natural dos mesmos entre as mans dunha sociedade lectora galega non constituída preferentemente por escolares e profesorado, escritores e críticos, políticas de apoio e difusión por parte da administración, canles axeitadas para a visualización pública da literatura galega. Fáltanos, pois, a paisaxe da normalidade lingüística e cultural, máis ameazada hoxe por causa do rearme centralista dos gobernos de Galiza e de España. Como lector, a min sóbranme a hipervaloración de certos discursos poéticos atonais que se expresan en verborrea hermética de mal disimulada base libresca ou daqueles outros que asentan a súa proposta nunha ollada inxenuísta e elemental adobiada con chiscadelas de pretendida sorpresa provocativa. A carón destas dúas liñas de escola, que non me interesan, conviven hoxe en Galiza voces e rexistros variados, moi atractivos, densos e necesarios. Sobra tamén o exceso promocional de produtos narrativos febles e de consumo que con frecuencia desvían a atención que se debería prestar ao texto literario concibido como proposta para unha recepción activa e enriquecedora. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMAC: Na resposta á pregunta sobre as eivas e o prescindíbel nas nosas letras ficou apuntada algunha valoración do presente literario. Unha consideración restrinxida ao panorama textual colectivo de hoxe permite apreciar un bo nivel xeral de calidade, con algúns autores e obras que sobrancean por riba do horizonte medio. Como en todas as literaturas do mundo. A normalidade do discurso literario galego contrasta coa situación anormal do contexto sociocultural e político. (…)”

Dossier Autopoéticas, en Poesía Galega

“O dossier Autopoéticas recompila os materiais do repositorio de poesiagalega.org que encaixan nesta modalidade discursiva. Integran o sumario grupos de autopoéticas que, pola súa aparición nunha determinada publicación periódica ou colección editorial, constitúen corpus textuais coherentes e representativos da poesía galega contemporánea. Foron incluídos, ademais, materiais doutro tipo igualmente interesantes para a conformación dun panorama diverso e significativo da poesía galega contemporánea, que abrangue desde mediados da década de 1980 até a actualidade.” Desde Poesía Galega.

El invisible anillo nº 16: entrega dedicada á poesía galega

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hai cousa dun mes un amigo púxome en contacto con Lur Sotuela, director da revista El invisible anillo, subtitulada Poesía, arte y literatura, publicación que particularmente descoñecía. Sotuela solicitoume un artigo arredor de cuestións biográficas e literarias de Celso Emilio Ferreiro e acabo de recibir un exemplar, subtitulado «Érase una vez… Galicia»,  que testemuña o excelente coidado que depositan desde a editorial Eneidanunha arriscada, heroica e marabillosa aventura que é, hoxe en día, soster unha revista destas características, nesta ocasión dedicada na súa totalidade á poesía galega, caracterizada no limiar como «de una riqueza abrumadora» e «fecunda y deslumbrante», mentres xa dispoñen no mesmo selo unha antoloxía que aparecerá no mes de outono baixo o título de Sinfonía atlántica. Antología general de la poesía gallega. A revista en si, inmellorable desde un punto de vista estético, conta con ilustracións ad hoc de Ginés Liébana, poeta e artista cordobés da xeración do grupo Cántico, e articula unha viaxe que vai mesturando  mostras de voces clásicas como as de Rosalía, Pondal, Curros, Cabanillas, Otero, Pimentel, Novoneyra, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio (en versións bilingües) até poetas dos nosos días como Méndez Ferrín, X. Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio L. Valcárcel, Darío X. Cabana, Claudio Rodríguez Fer e César A. Molina, onde boto en falta voces femininas, que as hai con talento e valía ben demostradas. Alén diso, incorpóranse diversos ensaios nucleados arredor de diversos aspectos da obra rosaliana, a cargo de Carmen Blanco e Arcadio López-Casanova; deténdose na figura de Álvaro Cunqueiro, cunha interesante lectura de C. Clementson; reparando na reescritura dos contos de fadas na poesía galega de hoxe a través da visión de Teresa Seara ao que se engaden unha serie de reflexións sobre o mundo clásico na poesía galega, subscritas por Carlos Beck. (…)”

A Coruña: actividades do venres 10 na Feira do Libro

O venres 10 de agosto finaliza a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), coas seguintes actividades destacadas:

– 18:30 h.: presentación de Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez e poemas de Bernardino Graña. No acto participará, xunto aos autores do libro, Teresa Seara.
– 20:30 h.: mesa redonda sobre Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, quen asinarán libros tras a finalización do acto.

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Berros no roncar das ondas

O martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender, poemas de Bernardino Graña e limiar de Xurxo Souto, quen, xunto ao autor das fotos, participará no acto. A exposición coa obra poderase visitar até o martes 14 de agosto, con horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00, e sábados de 11:00 a 14:00 h.

Cadeiras, Sober: VI Encontro á luz da lúa, da A. C. O Colado do Vento

O venres 3 de agosto, sobre as 21:00 horas, en Cadeiras (Sober), terá lugar un encontro poético e musical coa participación de Xosé do Incio, coa zanfona, Olga Novo e Xosé Lois García, poetas, Carmeliña, rapsoda, Teresa Grau, contacontos, Rosa García, poeta, os músicos Pucho e Lelo, o grupo O Trícole, os guitarristas Sergio e Joel e Fernando Estévez coa gaita. O acto está organizado pola A. C. O Colado do Vento.

Arteixo: nova edición dos Encontros Milpedras

O xoves 2 de agosto, a partir das 20:00 horas, na praza da Rúa da Capela de Arteixo, terá lugar unha nova edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Modesto Fraga, Mou de Lugh e Óscar de Souto, xunto a Karlos Barral e Alberto Laso na parte musical, e Javier de la Rosa como creador gráfico. O acto, organizado pola A. C. Encontros Milpedras e 3D3 Audiovisual, será presentado por Rubén Fenice, director do Taller de Litografía Milpedras.