A Coruña: Joan Margarit e Pepe Cáccamo no ciclo Poetas di(n)versos

Poetas dinversos

O martes 19 de xaneiro terá lugar a terceira sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, desta volta coa participación do catalán Joan Margarit, Premio Nacional de Poesía 2008, e o galego Xosé María Álvarez Cáccamo. Será ás 20:30 na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10, A Coruña), con entrada libre.

A Coruña: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio presenta este venres 15 no Fórum Metropolitano da Coruña o espectáculo poético-musical Once máis 15, libro-CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual. Versos que van dende Rosalía e Curros ata Antón Lopo e Daniel Salgado convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables.

O libro recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como pequenas biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición aporta imaxes das bandas e textos que os presentan.

No concerto no Fórum, dentro do ciclo Espazo Aberto, presentará o proxecto coas actuacións de Elanor, Xurxo Mares e Miguel Alonso. O concerto será o venres 15 de xaneiro ás 20 h e o prezo das entradas será de 3 euros.

Valadares: festival de performance e música

berio

O colectivo de artistas galegos asentado en Valadares organiza un festival de performance e música para estrear o ano 2010. As actuaccións, que virán da man de artistas do colectivos e outros convidados, terán lugar o vindeiro domingo 10 de xaneiro e o seguinte sábado día 16.

Este pequeno festival, denominado Re10, nace a partires da primeira Xuntanza de Creadores Experimentais no laboratorio Alg-a, celebrada o pasado outono, onde coincidiron artistas sonoros de varios netlabels do territorio nacional, entre outros Friendly Virus, Larraskito, Mantricum ou alg-a.

Durante as dúas sesións, de entrada libre, representantes destes selos virtuais, como Berio Molina, ofrecerán unha mostra dos seus procesos de investigación sonora. As sesións de Dj’s, o teatro e a poesía (da man de María Lado e Rafa Xaneiro) e as proxeccións dos últimos traballos dos videoartistas do colectivo completaran as sesións.

Vídeo: Recital de Uxío Novoneyra en Mazustegi (1991)

O 18 e 19 de maio de 1991 (sábado e domingo) o Fato cultural “Daniel Castelao” e a Asociación Cultural “Rosalía de Castro” celebraron o Día das Letras dedicado aquel ano a Alvaro Cunqueiro convidando a Euskadi ao gran poeta galego Uxío Novoneyra, que ofreceu recitais poéticos en Trintxerpe e Mazustegi (Bilbao). Na web que homenaxea ao poeta do Courel está disponíbel o rexistro en vídeo do acto de Mazustegi. Deixámosvos aquí a primeira entrega e ofrecémosvos a seguir as ligazóns das outras partes da gravación:

[2] [3] [4] [5] [6] [7]

Xove: presentación do poemario de Óliver Escobar

O poemario de Óliver Escobar Galician rhapsody, blues escocés presentarase o vindeiro domingo 3 de xaneiro de 2010 ás 5 da tarde no Salón de Actos do Concello de Xove. Óliver Escobar escolleu a súa vila natal para facer a presentación oficial da súa terceira obra literaria. O acto contará coa presenza dos escritores Victorino Pérez Prieto, Marica Campo, ademais do pintor Xoán Guerreiro e o profesor Bernardo Penabade. O libro é unha obra bilingüe, en galego e inglés, publicada pola editorial Morgante e a Universidade de Stirling (Escocia).