Becerreá: homenaxe a Yolanda Castaño

Cartel_Pipa_09_alta

O vindeiro domingo celébrase a XVIII noite poética A Pipa 09 de Becerreá que nesta edición homenaxeará á escritora Yolanda Castaño. A cita é o domingo 27 de decembro de 2009 ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá, con razón ao seguinte programa:

1. Cerimonia de Entrega de Premios do XVIII Certame Literario A Pipa 09 da Alta Montaña Luguesa, por Yolanda Castaño e os/as representantes das institucións colaboradoras. Presentan Amparo Becerra e Rafa Ramos.
2. Presentación e conversa coa escritora homenaxeada Yolanda Castaño, a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
3. Proxección dos vídeopoemas titulados “O vídeo da Egoísta” e “(RE)SER(VADO)”.
4. Recital dunha escolma de poemas na voz da súa autora, Yolanda Castaño.
5. Cóctel e brinde.

Gondomar: Elvira Riveiro no club de lectura Lendo contigo

Mañá sábado, 19 de decembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, a poeta Elvira Riveiro participará na última sesión do ano 2009 do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, destinado a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. O libro proposto nesta ocasión é PAlAbrAs brAncAs, publicado pola editorial Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2007. PAlAbrAs brAncAs é un poemario moi especial, escrito unicamente coa vogal “a”, un marabilloso encontro con palabras que xogan a agasallarnos todos os “as” posibles.

A Coruña: Gala XXV aniversario da Xeración de amor e desamor

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 17 de decembro terá lugar a celebración da Gala XXV aniversario da Xeración de amor e desamor. Na mesma terá lugar a intervención poética de diversos integrantes desta xeración como Lino Braxe, Manuel Rivas, Miguel Mato, José Devesa, Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcarcel ou Xavier Seoane. O acto será presentado por Consuelo Bautista e durante o mesmo presentarase un libro e cd homenaxe a esta xeración poética. Será no teatro Rosalía de Castro, ás 20:30 h. con entrada gratuíta.

Culleredo: presentación do libro O pouso do fume

A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo organiza o próximo mércores 16 de decembro de 2009, ás 20.00 h, na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), o acto de presentación do libro O pouso do fume, de Dores Tembrás. No transcurso do acto tomarán a palabra Celestino Poza Domínguez, concelleiro de Cultura; Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor; Eva Veiga, poeta, e Dores Tembrás, autora.

A Coruña: Luz Pozo e Luís García Montero no ciclo Poetas di(n)versos

LuzMontero

O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.

Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.

Descargar folleto informativo en PDF