Manifesto da AELG de repulsa á guerra en Palestina

A AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), que conta entre os seus escritores galegos universais co palestino Mahmud Darwish, quere manifestar a súa total repulsa pola guerra en Palestina.

As escritoras e os escritores galegos, representados na AELG, condenamos toda forma de violencia e expresamos a nosa máxima solidariedade cos millóns de persoas palestinas, entre elas tantas nenas e nenos, que a esta hora ven ameazadas gravemente as súas vidas, privadas de auga potábel, subministración eléctrica ou corredores humanitarios que garantan unha mínima seguridade.

Queremos sinalar tamén que as nosas autoridades e gobernos deben instar á comunidade internacional, nomeadamente a Unión Europea, a que tome cantas medidas estean na súa man para deter o xenocidio que se está a cometer co pobo palestino, valéndose de prácticas terroristas, negando o cumprimento estrito do dereito internacional e incumprindo o artigo 33 do IV Convenio de Xenebra, que protexe as e os civís: “Non se castigará ningunha persoa protexida por infraccións que non cometese. Están prohibidos os castigos colectivos, así como toda medida de intimidación ou de terrorismo».

Ao tempo, refugamos que o mundo da cultura e, nomeadamente o literario, sexa tamén vítima deste conflito, por vía da censura e da  negación aos escritores e escritoras palestinos dos recoñecementos e da difusión aos que ten dereito a súa obra literaria, como vén de acontecer coa escritora palestina Adania Shibli na Feira de Frankfurt.

Finalmente, a AELG anima toda a cidadanía a participar nas mobilizacións previstas para mañá en varias vilas e cidades do país, convocadas pola Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes.

Compostela: Congreso “Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos”, os 10 e 11 de outubro

Pontevedra: II Jornada de Estudo Clara Corbelhe, “O político e os seus limites: olhadas desde a Galiza contemporânea”, o 7 de outubro

Compostela: Congreso Recoñecemento internacional de Galiza como nación, o 16 de setembro

Festigal 2023: programación da Galería das Letras e das Ideas

Negreira: Libros, patria, vermú 2023

Lourenzá: Curso de verán “Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX”