Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021

“No Museo Meirande, Rande-Redondela, o sábado 11 de decembro de 2021, anunciouse o ditame da XXXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

O neno de lume de Ledicia Costas
Premio Merlín de Literatura Infantil 2021
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O neno de lume», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas e corresponde ao título O neno de lume.
O neno de lume en palabras do xurado:
O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade. (…)
Ledicia Costas ao coñecer o ditame do xurado dixo:
Recibir o Premio Merlín faime viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta, foi recoñecida con este mesmo galardón e a miña vida mudou dun día para outro. Coido que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo.
«O neno de lume» é unha novela ao xeito dos contos clásicos. Unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares. Creo que isto é o que máis me emociona: que o xuri premie unha historia coma esta.

Un elefante na sala de estar de Berta Dávila
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Elefante», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Un elefante na sala de estar.
Un elefante na sala de estar en palabras do xurado:
Un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.
O xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento.
A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.
Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente.

Os seres queridos de Berta Dávila
Premio Xerais de Novela 2021
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Seres queridos», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Os seres queridos.
Os seres queridos en palabras do xurado:
«Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás». Desta rotunda afirmación dedúcese, sen dúbida, que a cerna da obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai.
A protagonista de Os seres queridos queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade. A crianza deriva en sensacións de culpa e arrepentimento, así como en dúbidas sobre os propios sentimentos cara ao fillo causadas fundamentalmente polo temor de ter que se defender do que os demais pensen sobre as súas decisións.
Estes recordos, xunto con abundantes reflexións sobre o proceso creativo literario como unha forma capaz de canalizar os seus pensamentos, entrelázanse cunha narración meticulosa dos acontecementos vitais que lle van ocorrendo e que van conformando a historia.
Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade. (…)
Berta Dávila ao coñecer o veredicto dos xurados, dixo:
“Síntome agradecida e afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso. Só podo darlle as grazas ao xurado do premio Xerais por escoller como obra gañadora Os seres queridos, un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne: é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento.”

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.

Vigo, 11 de decembro de 2021″

Finalistas dos Premios Xerais 2021

“O venres 3 de decembro tivo lugar a primeira reunión dos xurados dos Premios Xerais 2021 para seleccionar as obras finalistas. O sábado 11 de decembro, a partir das 12:00 horas, farase público o veredicto dos Premios Xerais 2021. O acto de veredicto e entrega será emitido en streaming.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo  (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez  (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.”

Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Lois Pérez Díaz é o flamante gañador do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, polo seu libro A gruta da torre, presentado baixo o lema Un peso sempre se gastou, segundo o ditame do Xurado emitido o 23 de outubro de 2021, unha vez rematada a reunión levada a cabo no local do IESCHA, na Casa da Cultura de Vilalba, e que se deu a coñecer no acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa.”

Os Premios Xerais 2021 coñeceranse o 11 de decembro, onde compiten un total de 84 obras

“A situación provocada pola pandemia de COVID-19 levou a atrasar o ditame dos Premios Xerais 2021 ao mes de decembro. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de decembro. Os premios coñeceranse o sábado 11 de decembro.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 14 obras, está formado por: Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 26 obras, está formado por: Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.”

Bases do VI Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria.
B: Alumnos/as de Secundaria.
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico Sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Os orixinais presentaranse en formato PDF, en formato DIN-A4, en letra Times ou similar de corpo 12. Deben enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: clmestremanuelgacio@gmail.com acompañados doutro documento onde figure a identidade do autor ou autora (Nome, enderezo, teléfono e correo electrónico) e título da obra, facendo constar no nome do documento o título da obra e a palabra PLICA. Os documentos PLICA serán custodiados pola asociación que non os dará a coñecer, preservando a identidade do autor/a ata despois da deliberación do xuri .
5.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Vale de 300 euros para libros e material escolar en libraría Lino de Lestedo, para o primeiro premio.
Segundo premio un vale de 150 euros para libros e material escolar en libraría Lino.
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
6.- A data límite de recepción dos textos, remata o 30 de novembro de 2021.
7.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da Asociación Mestre Manuel Gacio.
8.- A asociación Mestre Manuel Gacio resérvase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste sentido, os autores renuncian a calquera compensación económica.
9.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”

Pablo Nogueira gaña o XVIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é o gañador do XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destacou da obra premiada, O clube de coleccionistas de selos (presentada baixo o pseudónimo “Catro latas”), “a súa perspectiva inclusiva e que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, salientando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
O xurado sinala a grande calidade das obras presentadas, destacando do traballo de Nogueira que se trata dunha obra “cunha escrita moi coidada, na que emprega moitas referencias a personaxes históricos e literarios, o que promove a posibilidade de diversificar os itinerarios lectores e o fomento da lectura. Elo converte á obra nun bo recurso literario para mestres e o seu traballo na aula”. O xurado, presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, estivo formado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño e Ana Malingre (secretaria).”