“Entregáronse
os Premios Frei Martín Sarmiento nas tres categorías de educación primaria. As obras gañadoras foron: As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro, publicado en A Nosa Terra, no primeiro ciclo; Xoa, de Antonio Yáñez Casal, publicada en Xerais, no segundo ciclo; e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, publicada tamén en Xerais, no terceiro ciclo.” Vía Fervenzas Literarias.
Arquivo da categoría: Premios Literatura Xuvenil
Coñécense os gañadores dos Premios da Edición da Asociación Galega de Editores
Desde
a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 9 de marzo en Compostela a VII Noite da Edición de Galicia-Premios Ánxel Casal, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa creación, edición e comercialización. No acto entregáronse os Premios da Edición correspondentes ó ano 2011. O acto tivo lugar no Hotel A Quinta da Auga, e nel participaron destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Presidido por Manuel Bragado, presidente da AGE, contou coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, a Vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, do gremio de libreiros, o presidente da Associació de Editors en Llengua Catalana, entre outros moitos e moitas representantes de entidades relacionadas co sector. A gala foi conducida pola xornalista Iria Pinheiro. Unha proxección de vídeo, patrocinada por GADIS, e elaborada por Illa Bufarda, lembrou as figuras de Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares.
PREMIADOS
– Premio Francisco Fernández del Riego: Xesús Couceiro e a súa emblemática libraría, por toda unha vida adicada á promoción do libro e a cultura galega.
Tralas votacións dos membros do xurado, composto por editores, escritores, ilustradores, libreiros e xornalistas, entre outros, resultaron gañadores das cinco categorías contempladas nos Premios da Edición:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2011, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais, por ser unha ollada crítica da nosa sociedade, unha visión intelixente sobre como o pasado condiciona o noso presente, o xurado decidiu que o premio de Mención especial do xurado fose para Centauros do Norte, de Marcos Calveiro, obra destinada ó público xuvenil, pola súa calidade.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do ano 2011, Obra Gráfica de Conde Corbal, de varios, editado por Nova Galicia Edicións, pola calidade da edición, a posta em valor do autor e a súa obra e a escolla da documentación gráfica. Por solicitude expresa do xurado, Mención para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editada por Biblos, pola estética da linguaxe e por ofrecer unha visión persoal do autor, e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira, editado por Xerais, polo contributo documental e testemuñal a unha faceta pouco coñecida da ditadura franquista.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano do ano 2011, Poesía completa de Lois Pereiro, editado por Edicións Xerais, pola calidade da edición e por tratarse dunha edición literaria fiable e reunir a obra completa do poeta.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011, Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Editorial Galaxia, pola súa contribución ó achegamento da poesía aos nenos mediante a fusión do texto e a música. Por petición expresa do xurado, unha Mención especial para O Apalpador e a castaña máxica, pola recuperación dunha figura da mitoloxía infantil e a orixinalidade da edición ilustrada. Mención especial tamén para Canto de Nadal, de Charles Dickens, pola gran calidade da edición, así como pola contribución da tradución deste clásico ó corpus galego.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano 2011, Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo, editado por Edicións Xerais, pola magnífica tradución e edición crítica e pola súa contribución ao enriquecemento do galego cunha obra universal e imprescindible.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011, Contos por teléfono, de Pablo Otero, editado por Kalandraka Editor, pola calidade da ilustración e a súa contextualización. Mención expresa do xurado para o libro Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano, de Edicións Xerais, pola calidade da ilustración e da edición.
– Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ó libro educativo do ano 2011, As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo. Polo seu valor documental e a importante achega ao papel da muller galega na nosa historia contemporánea. Mención expresa do xurado para Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Kalandraka, pola escolla dun cadro especialmente necesitado dunha explicación didáctica e polo desenvolvemento pedagóxico e material de edición.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2011, Xavier Queipo, pola traxectoria da súa obra.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois, de Oqo Editora, pola innovación que conleva e a súa contribución á difusión dos contos para nenos a través doutros soportes.
– Premio Edición Histórica 2012. XXV aniversario de Andavira Editora
O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.
Convocado o 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2012
“Baía Edicións convoca o Premio de Creación Meiga Moira de Literatura infantil e xuvenil, que se rexerá polas seguintes
– PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 16 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación do orixinal e o ditame do xurado a obra obtén outro premio ou é publicada, a autoría vese obrigada a comunicalo á editorial e non poderá recibir este premio.
– SEGUNDA. O orixinal, escrito en letra Times, corpo 12 e a dobre espazo, enviarase xunto con cinco copias debidamente encadernadas a:
BAÍA EDICIÓNS
Polígono Pocomaco, 2ª Avda.
Parcela A2 / 22. 15190 A Coruña.
O prazo de recepción de orixinais remata o 17 de Maio de 2012.
– TERCEIRA. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico da autoría, así como o título da obra e grupo de idade ao que vai dirixida (8 a 12 anos ou 12 a 16), indicando no mesmo: Premio Meiga Moira 2012.
– CUARTA. O premio, que poderá quedar deserto, considerará un único galardón, ao que se lle asigna unha dotación económica de 2.500 euros. A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, renunciando a persoa gañadora aos dereitos de autoría da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da editorial. No caso de realizarse unha segunda edición, esta rexerase polo modelo de contrato de autoría propio de Baía Edicións. A obra finalista será publicada segundo contrato de autoría estabelecido por Baía Edicións.
– QUINTA. O xurado está composto por cinco persoas de recoñecido prestixio, unha delas da propia editorial, que actuará, asemade, como secretaria.
– SEXTA. A resolución do xurado darase a coñecer o 17 de setembro de 2012.
– SÉTIMA. As obras non premiadas non serán devoltas pola editorial.
– OITAVA. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.”
Convocado o I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Letras na brétema
Desde
Certo:
“Veñen de convocar o I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Letras na brétema, co fin de promover a creación literaria e darlle pulo ás lendas de Barbanza entre os máis mozos. A teima dos relatos serán os mitos e lendas galegas, que poden ser reais ou ficticias pero deberán estar baseadas en feitos, personaxes populares ou tradicionais, ambientados -personaxes e lendas- na bisbarra da Barbanza. O prazo para a presentación de orixinais remata o 5 de marzo de 2012.
As bases completas pódense consultar aquí“.
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011
“Tras
un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”
Bases do Certame de poesía sobre os faros da Costa da Morte
“O
Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) convoca o Certame de Poesía sobre os Faros da Costa da Morte para poñer en valor a riqueza paisaxística e turística que teñen estes sinais luminosos da nosa costa, e máis concretamente da Costa da Morte, é dicir aquela que abrangue dende as illas Sisargas ata o Monte Louro. A razón da escolla dun certame de poesía é a de continuar o labor de grandes escritores galegos que se viron inspirados nestes senlleiros edificios, como foi o caso de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Antón Zapata García ou Miro Villar. A realización deste certame ten lugar grazas ao Proxecto Singular Percorrendo Vieiros da Costa da Morte aprobado pola Deputación da Coruña.
As bases polas que se rexerá o Certame son as seguintes:
1. Establécense tres categorías: na primeira poderán participar os nenos e nenas que teñan ata 12 anos; a segunda vai dirixida a rapaces de entre 13 e 16 anos; e a terceira a todos aqueles autores maiores de 16 anos. A idade contémplase con data de 1 de xaneiro de 2011.
2. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega, e terán como temática os Faros da Costa da Morte (das Sisargas ao Monte Louro). Cada persoa poderá presentar os traballos que quixer.
3. Non é requisito imprescindible que cada traballo conste dun único poema, mais si que teñan no seu conxunto unha relación. Non hai límite na súa extensión (malia todo, recoméndase que non supere os 200 versos).
4. O SEMESCOM establece para este Certame tres premios en cada categoría, coa seguinte dotación económica: a) Para a 1ª categoría, un vale para mercar libros ou xogos cuxo importe é distribuído do seguinte xeito: 1º premio: 75 euros; 2º premio: 50 euros; 3º premio: 25 euros. b) Para a 2ª categoría, un vale para mercar libros ou xogos cuxo importe é distibuído do seguinte xeito: 1º premio: 100 euros, 2º premio 75 euros e 3º premio 50 euros c) Para a 3ª categoría establécense as seguintes cantidades: 1º premio: 500 euros; 2º premio: 350 euros; 3º premio: 200 euros.
5. Os traballos enviaranse ao seguinte enderezo: Seminario de Estudos Comarcais, Rúa Vilar, 12 2º esq. 15.129 VIMIANZO. De cada traballo entregaranse 3 (tres) copias mecanografadas, escritas por unha soa cara, e grampadas ou encadernadas. Deberanse presentar nun sobre sen remitente indicando: PARA O CERTAME DE POESÍA SOBRE OS FAROS DA COSTA DA MORTE e a categoría na que participa. Dentro, acompañando o traballo, debe figurar un sobre pechado no que conste: no exterior, o lema do autor (que figurará tamén na primeira folla do traballo); e no interior, o nome e apelidos do autor, o NIF, o enderezo, o número de teléfono e o correo electrónico.
6. O prazo de admisión de orixinais rematará o 30 de decembro de 2011.
7. O xurado estará composto por tres membros: presidirao o presidente do SEMESCOM, ou persoa na que delegue, e dúas persoas máis de recoñecido prestixio no ámbito literario. A súa composición farase pública unha vez se peche o prazo de entrega dos orixinais.
8. Se o xurado estima que a calidade dos traballos así o require, pode declarar desertos un, dous ou os tres premios en calquera das categorías.
9. As deliberacións do xurado son secretas e delas estenderase acta correspondente. O xurado fará público o resultado a través dos medios de comunicación no día no que se falle o premio. Tamén se lles comunicará aos gañadores, quen se comprometerán a acudir a recibir o premio.
10. A concesión do premio non supoñerá a perda dos dereitos do autor do traballo. Non obstante, o SEMESCOM resérvase o dereito a publicar os traballos premiados.
11. Calquera incidencia non prevista nestas bases será resolta polo xurado.
12. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”
I Certame de Contos de Nadal en lingua galega do Concello de Melide
O Concello de Melide convoca o I Certame de Contos de Nadal en lingua galega, para autores entre 6 e 16 anos. O prazo para enviar os orixinais remata o 20 de decembro de 2011. As bases completas e o boletín de envío pódense descargar na seguinte ligazón.
Agustín Fernandez Paz, discurso de recepción do Premio Iberoamericano SM en Guadalajara
Desde Xerais:
“Agradecemos a Xulio Abollo esta gravación que recolle o extraordinario discurso pronunciado o 29 de novembro por Agustín Fernández Paz na FIL de Guadalajara con motivo da recepción do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Un documento para a nosa historia literaria. O discurso pode descargarse en pdf aquí.”
Candidatos galegos para os premios ALMA
“Fixéronse
públicas as candidaturas para a edición 2012 do Premio Memorial Astrid Lindgren (ALMA), un dos máis importantes da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional. Na lista figuran a escritora Fina Casalderrey e mais o ilustrador Miguelanxo Prado entre un total de 184 candidatos de 66 países. Esta é a lista completa de candidaturas. O nome dos gañadores darase a coñecer o 20 de marzo de 2012.” Vía AGPI.
Convocado o V Certame Literario Terras de Chamoso
“Por
quinto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:
1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
– CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
– CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
– CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
– POESÍA (de 30 a 60 versos).
– RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 23 de novembro de 2011.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato. Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 17 de decembro de 2011, no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).
Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.