A Agrupaçom Cultural O Facho presenta mañá venres 20 na Coruña o libro De Roncevales a Compostela, escrito polo sociólogo e antropólogo Manuel Rivero Pérez. A obra é ao mesmo tempo unha reflexión sobre o ser humano e unha crónica de viaxes onde o autor fala da historia e da arte dos lugares polos que pasa. O acto terá lugar ás 19:30 na Fundación Ronsel (r/ Hospital, 21, baixo) da Coruña.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Santiago: presentación do novo libro de Goretti Sanmartín
Mañá xoves 12 de febreiro preséntase na Libraría Pedreira (Rúa Home Santo, 55, Santiago de Compostela) o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín, editado por Xerais. No acto participarán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure, Manuel Bragado e a autora do libro. Será a partir das 20:30, con entrada libre.
“Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente”.
Ferrol: presentación de libro na Galería Sargadelos
Este venres 13 de febreiro presentarase na Galería Sargadelos de Ferrol o libro Para que serve a historia de Galicia escrito polo Profesor de Historia Antigua da USC José Carlos Bermejo Barrera. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre.
A Coruña: presentación de libros de Lino Braxe e Alberte Momán
Mañá mércores 11 de febreiro ás 20:30 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) presentaranse os libros gañadores do II Premio Illas Sisargas de poesía erótica convocado conxuntamente polo Concello de Malpica e a Asociación Caldeirón desta localidade. Os libros premiados foron Baile Átha Cliath de Alberte Momán, con ilustracións de Paco Souto; e Baixo o Sol de Mesina de Lino Braxe, con ilustracións de Sol Rivas. O acto contará coa participación de Paco de Tano, Sol Rivas e os dous autores, Lino Braxe e Alberte Momán. A entrada é libre.
Presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño
O próximo luns 2 de febreiro ás 18 horas terá lugar a presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño. Soños, proxecto, compromiso de Manuel Lombao. O acto celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) en Santiago de Compostela, e contará coa participación do editor Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.
Emilio Pérez Touriño “debulla na súa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua”. O libro ofrece tamén un retrato máis persoal do presidente da Xunta de Galicia, que fala “das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia”.
Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.
Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008
A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.
Gondomar: presentación de A fada das lapas
Hoxe ás 20:30 na librería Libraida de Gondomar o escritor Manuel Janeiro presenta o seu último libro, A fada das lapas, editado por Galaxia e ilustrado por Zita Delaco. A entrada é libre.
Presentación de libros: Miradas alleas

Mañá mércores 28 de xaneiro ás 19:00 horas preséntase no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela a colección de libros Miradas Alleas e o ciclo de conferencias Como nos viron, como nos ven. O acto está organizado polo Clube Internacional de Prensa e a Secretaría Xeral de Comunicación.
Vigo: presentación d’ O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar
Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 na libraría Librouro de Vigo, presentarase a novela O Globo de Shakespeare (Xerais), de Santiago Jaureguizar. No acto o autor conversará sobre a obra con Manuel Bragado, director da editorial. Esta novela foi merecedora do Premio Terra de Melide 2008.
Xinzo: presentación da novela A vida que non é, de Rafael Laso Lorenzo
O 2 venres de xaneiro, ás 20:30 na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, terá lugar a presentación do libro A vida que non é (Tambre), de Rafael Laso Lorenzo. No acto intervirán Ignacio Chao Castro (editor), Antón Riveiro Coello (escritor) e o autor.