Arteixo: presentación de Tres logomonos: Colgados, Pisados, Esnakizados, de Gustavo Pernas

O mércores 16 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Cultural de Arteixo, preséntase o libro Tres logomonos: Colgados, Pisados, Snakizados, de Gustavo Pernas, publicado en Laiovento. No acto, no que participan  Francisco Pillado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Celina Varela Suárez e Ánxela Abalo, o autor fará unha lectura dramatizada de Snakizados. No mesmo espazo, o venres 18 de maio ás 20:30 horas, represéntase Pisados, de Áncora Produccións.

Madrid: actos das Letras Galegas con motivo dos 15 anos do Grupo Poético Bilbao

Pontevedra: presentación de Berros no roncar das ondas

O mércores 16 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría Cronopios de Pontevedra (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5), preséntase o libro Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender, poemas de Bernardino Graña e limiar de Xurxo Souto. O libro forma parte dun proxecto artístico que ten unha parte de exposición na rua, de 16 lonas de 180 x 120 cm, que xa estivo en Carril-Vilagarcía e Rianxo, e que do 16 ao 30 de maio estará en Pontevedra, continuando despois o seu percorrido polas rúas de outras vilas galegas. Máis adiante haberá tamén una exposición sobre papel con copias de calidade “fine art”.

Lugo: actos destacados do martes 15, mércores 16 e xoves 17 na Feira do Libro

Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do martes 15, mércores 16 e xoves 17 son as seguintes:

* Martes 15:
– 19:45 h. Inauguración oficial. Actuación dos alumnos de gaita e percusión de Tradescola. Pregón inaugural a cargo do escritor lucense Antonio Reigosa. Actuación dos alumnos de Tradescola.

* Mércores 16:
– 19:00 h. Valentín Paz Andrade na feira de Lugo. Lectura de textos do autor a cargo de Marina Cillero, Carmen Blanco, Amelia Balseiro e Tonina Gay, nun acto coordinado por Ángeles Fernández Maira.

* Xoves 17:
– 19:00 h. Presentación dos libros Os fillos do mar, de Pedro Feijóo e O misterioso Doutor Saa, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, publicados por Edicións Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.

Vigo: presentación de A princesiña que conducía unha locomotora, de Clara do Roxo

O martes 15 de maio, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o primeiro libro de Clara do Roxo, A princesiña que conducía unha locomotora, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Francisco Castro e Ledicia Costas.

Malpica: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O luns 14 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Cívico de Malpica, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirán, xunto ao autor, Francisco Souto e Xosé Cotelo.