Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Vigo: presentacións dos números 8 e 9 da Revista Núa
O 21 de setembro, ás 22:00 horas, no Teatro Ensalle (Rúa Chile, 15) de Vigo, preséntanse os números 8 e 9, xunto a un avance do número 10 da Revista Núa.
Para esta ocasión contarán coas intervencións de:
– Escenificafión parcial da nova proposta escénica de sther carrodeguas: París-Dakar.
– Lectura dramatizada do texto de Carmen Abizanda: O fío de la vermella.
– Presentación visual do próximo número de Núa (10), por Julio Fernández.
– Avance dramatúrxico de Imprudentemente deseé, por Pedro Fresneda.
Vigo: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara
O sábado 21 de setembro, ás 20:30 horas, na Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 3) de Vigo, preséntase o poemario Noite~Día, de Alfonso Láuzara, publicado pola Porta verde do sétimo andar, con limiar de Rosa Enríquez.
A Coruña: presentación do segundo volume da toponimia de Nicandro Ares na Real Academia Galega
Desde a Real Academia Galega:
“O segundo volume da toponimia de Nicandro Ares, compilada e indexada por Antón Santamarina, completa a publicación da totalidade dos estudos toponímicos de Nicandro Ares por parte da Real Academia Galega.
O presidente da Academia, Alonso Montero, despois de escusar a ausencia do autor dos textos, Nicandro Ares Vázquez, debido á súa avanzada idade, salientou a importancia da publicación desta obra que recolle todos os escritos sobre toponimia dun dos grandes eruditos nesta materia no noso país.
Pola súa parte, o coordinador do Seminario de Toponimia, Ramón Lorenzo, destacou o gran labor de edición feito por Antón Santamarina, autor tamén dun exhaustivo índice de temas de grande utilidade para o lector.
Antón Santamarina, membro de número da Academia e editor da obra, comezou a súa intervención debuxando unha breve biografía de Nicandro Ares. Nado en Santa Eulalia de Bóveda, na súa mocidade ingresou no Seminario de Lugo onde foi alumno do arqueólogo Francisco Vázquez Saco, quen o introduciría no estudo desta especialidade e da epigrafía. Xa a partir de 1964, Nicandro Ares encamiña o seu interese cara á ciencia toponímica que, tal e como lembrou o profesor Santamarina, se basea na dilucidación da orixe dos nomes de lugar atendendo a dous principios: o respecto ás leis da evolución fonética das palabras e á súa congruencia semántica. “No caso daqueles termos escuros aínda a partir destes dous principios, hai que botar man dos textos antigos para procurar a súa orixe, e aquí é onde Nicandro Ares amosa un grande olfacto á hora de pescudala remexendo nunha gran cantidade de documentación”, apuntou Antón Santamarina.
Coa saída deste segundo volume de Estudos de toponimia galega de Nicandro Ares Vázquez, a Academia completa a edición dos 178 artigos sobre toponimia deste autor, publicados en diversos medios entre 1964 e 2011, e centrados sobre todo na casuística da provincia de Lugo.”
Compostela: Teresa Moure presenta Eu violei o lobo feroz
Desde Sermos Galiza:
“”A erótica dunha presa independentista acusada vagamente de vixiar arsenais de armas e Galicola, afastada do seu mundo nunha prisión do Estado”. Sen desvelar o argumento, podería ser este un resumo breve do libro Eu violei o lobo feroz, o primeiro poemario da escritora Teresa Moure e tamén a súa primeira achega en galego-portugués.
Adiada a presentación desde o Día da Patria por mor do accidente de tren en Angrois, Moure retoma esta tarefa pendente e lanzará o libro esta quinta feira en Compostela, nun acto convocado na facultade de Filosofía ás 20:00 horas no que estará acompañada polo tamén poeta Rafa Vilar.
Sermos Galiza conversou con Teresa Moure co gallo daquela primeira presentación marcada para xullo. Eis aquí o que contou.
Betanzos: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila
O venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario Raíz da fenda, de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, quen fará un agasallo a cada un dos asistentes, Elena Veiga Rilo e Fran Alonso.
Lugo: recital con poesía e música e presentación de Versus cianuro
O venres 20 de setembro, ás 20:00 horas, no Club Clavicémbalo de Lugo (Rúa Paxariños, 23), terá lugar a presentación do libro Versus cianuro. Na parte poética recitarán Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, María José Fernández, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Rochi Nóvoa Vázquez, Miro Villar, Paula Sánchez Lourido, Montse González Álvarez, Lupe Bao e José Estévez. E na parte musical Anxos, Branca, Pepa, Carolina, Os Fokgazais, e Foolmakers. A Plataforma contra as minas (Adega, Comisións Labregas e Fruga) lerá un comunicado como fin de festa. O acto será presentado por Lois Pérez e José Estévez.
Compostela: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato
O xoves 19 de setembro 2013, ás 20:15 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Goretti Sanmartín Rei, Xosé Manuel Sánchez Rei e Manuel Bragado.