A Coruña: homenaxe a Rosalía de Castro na A. C. Alexandre Bóveda

O venres 24 de febreiro, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha homenaxe a Rosalía de Castro, en conmemoración do 175º aniversario do seu nacemento. A partir das 20:00 horas, Pilar García Negro dará unha charla sobre a súa figura e César Morán rematará o acto lendo poemas da autora.

Santiago: Picaversos, con Estíbaliz Espinosa, Manuel Cortés e Manuel Outeiriño

O martes 14 de febreiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Míticos, onde participarán Estíbaliz Espinosa, Manuel Cortés e Manuel Outeiriño.

Ourense: recital poético de Celsa Barja

O martes 14 de febreiro, ás 19:30 horas, no Centro Cívico A Ponte (Rúa Eulogio Gómez Franqueira) de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético especialmente dedicado á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR). No acto, en que estará acompañada pola música de Israel Elíaz, realizarase, xunto ao público asistente, un Poema humano.

Vigo: presentación de Transición, de Fran Alonso, e recital poético con María Lado e o autor

O venres 10 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o novo poemario de Fran Alonso Transición, publicado en Franouren. No acto, presentado polo editor Manuel Ángel García, terá lugar un recital poético de María Lado e o propio Fran Alonso.

A Coruña: Estíbaliz Espinosa e Yasuhiro Yotsumoto no ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 6 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Polivalente do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n., continuación da Rúa Mosteiro de Caaveiro) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Poetas Di(n)versos, ciclo dirixido por Yolanda Castaño, no que participarán Estíbaliz Espinosa e o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto (Osaka, 1959), quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

Arteixo: recital poético-musical de Versus, coa participación de Óscar de Souto

O sábado 28 de xaneiro, a partir das 22:00 horas, no Café de Fábula (Rúa Uxío Carré, 17 -Praza do Balneario-) de Arteixo, terá lugar un recital poético musical, coa actuación en primicia de Versus, palabra e guitarra a cargo de Antón Borrazás e Miguel Queipo, e a colaboración, entre outros poetas, Óscar de Souto, que aproveitará para presentar poemas inéditos do seu último traballo literario Laios d´alma.