O 15 de xullo apúntate na túa libraría ao Libroestío

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“O xoves 15 de xullo celebraremos, en todas as librarías de Galicia, o LIBROESTÍO 2021: a festa do verán dos libros.
Cada libraría poderá organizar actividades durante esa tarde do 15 de xullo (desde presentacións de libros con escritorxs, ata música en directo, debates, faladoiros ou calquera outro evento cultural) para atraer a presenza das lectoras e lectores.
Para que a campaña chegue ao maior número de xente, precisamos colaboración e empregar as nosas ferramentas de comunicación (sitios web, redes sociais, boletíns, etc). Nesta ligazón [KIT LIBROESTÍO] podes acceder a varios formatos dos deseños para que os poidas incorporar aos teus sitios web, perfís sociais ou usalos naqueles soportes que consideres oportunos: bolsas, puntos de lectura, camisolas, cartaces, etc. Ademais de compartir este deseño, convidámoste a usar a etiqueta da campaña #libroestío nas túas publicacións nas redes sociais.
Desde a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia animámosvos a participar para consolidar esta festa do libro nos vindeiros anos. O xoves 15 de xullo queremos que sexa a gran festa do libro do verán!”

Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”

Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”

A polémica sobre o desleixo co Panteón de Galegos Ilustres volve da man de Rosalía

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“o 25 de maio de 1891, os restos de Rosalía de Castro foron trasladados por un grupo de próceres, co apoio da Sociedade Económica de Amigos do País, desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, Padrón, até o convento de San Domingos de Bonaval. Na capela lateral esquerda da igrexa, un mausoleo sufragado por emigrantes galegos en Cuba e esculpido por Jesús Landeira Iglesias acollía os restos de quen fora “groria da súa patria”. Nacía así o xermolo do Panteón de Galegos Ilustres. Co tempo, foron trasladándose alí os restos Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Castelao e, finalmente, Domingo Fontán.
A celebración do 130 aniversario podería ser festexada in situ pola cidadanía, mais as portas do Panteón permanecen fechadas desde que comezou a pandemia. O Arcebispado, propietario do lugar, alega cuestións de loxística para non abrir un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que garda simbolicamente a memoria da historia e a identidade da Galiza.
San Domingos de Bonaval pasou a ser propiedade do Concello de Santiago en 1837, grazas á Lei de Desamortización de Mendizábal, sen que durante máis dun século a Igrexa mostrase inconveniente ningún á nova titularidade. Mais á morte do ditador Francisco Franco iniciou un litixio que rematou, despois de tres décadas, cunha sentenza do Tribunal Supremo que lle permitía recuperar a propiedade do convento. O Museo do Pobo Galego xa se estabelecera alí e custodiaba as chaves do Panteón, ao que se accede a través do claustro. O primeiro que fixo o Arcebispado tras recobrar a titularidade do edificio foi fechar o Panteón durante semanas para forzar a Xunta de Galiza a asinar un pacto que regulase o seu uso.
En xullo de 2010, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, asinaban un convenio que permitía incluír a visita ao Panteón dos Galegos Ilustres dentro do funcionamento do Museo do Pobo Galego e dáballe a potestade á Xunta de utilizar o espazo para a celebración de actos institucionais durante cinco días ao ano dentro “do respecto á natureza da Igrexa”.
Desde entón, colectivos culturais e civís e partidos políticos veñen reclamando periodicamente que o Panteón pase a ser de titularidade pública e de libre acceso.
O Consello da Cultura mesmo chegou a presentar no Parlamento unha Proposta de Lei do Panteón da Galiza que o configuraba como “unha Entidade de Dereito Público, parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e elemento singular da súa identidade”, adscrita ao Parlamento e que foi elaborada xunto coa Real Academia Galega, o Museo do Pobo e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas.
A proposta foi ben acollida polos distintos grupos políticos e polo mesmo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, que anunciou que promovería esa lei. Mais a realidade foi outra: o proceso nunca chegou a culminar.
O BNG fixo súa a reivindicación e en 2011 elevou unha iniciativa parlamentar na que lle reclamaba ao Goberno galego que negociase coa Igrexa a cesión do Panteón. A petición non foi apoiada polo PP nin polo PSdeG, que recoñecían así os dereitos da Igrexa sobre o recinto. En 2015 presentou outra iniciativa na que se reclamaba “adoptar as medidas necesarias para garantir a titularidade e uso civil do Panteón de Galegos Ilustres”, por terse convertido nun espazo “no que lembrar digna e colectivamente a aquelas persoas máis relevantes na historia do pobo galego”. Só recibiu o apoio de AGE.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, declaraba nun acto que celebrara o Día de Rosalía, en 2016, no Panteón: “Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”. Esa cruel realidade permanece inmutábel: un dos símbolos máis representativos da nación permanece na escuridade e sen que se albisquen solucións pola determinación duns e a omisión doutros.
O traslado dos restos de Rosalía naquel mes de maio de 1891 adquiriu un carácter duplamente simbólico ao ser o primeiro acto coñecido en que a actual bandeira da Galiza ondeou por primeira vez. O simbolismo repetiuse máis de 90 anos despois, mais baixo outro signo radicalmente distinto, cando o traslado dos restos de Castelao desde o cemiterio bonaerense da Chacarita foi interpretado por moitos como unha operación política para lexitimar o novo réxime autonómico.
Un sector do nacionalismo opúxose radicalmente a aquel regreso do rianxeiro -malia que a iniciativa partira do deputado, daquela de Esquerda Galega, Camilo Nogueira– e a cerimonia rematou cunha brutal carga das forzas da orde pública contra os manifestantes que protestaban pola utilización da súa figura.”