Vigo: VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Unha outra literatura para un outro tempo

Do 26 de setembro ao 7 de novembro terá lugar o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Terá lugar a partir das 12:00 horas dos días sinalados, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

26 de setembro. Narrativa.
– Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados. Con Alberto Lema e Samuel Solleiro.
Sobre a relación coa posmodernidade.

3 de outubro. Poesía.
– Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía. Con Berta Dávila e Gonzalo Hermo.
Da incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético.

7 de novembro. Teatro.
– Teatro impuro para tempos bastardos. Con Antía Otero e Vanesa Sotelo.
Sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas.

Raúl Dans: “Hai que animar a ler teatro como outro xénero”

Entrevista de Camilo Franco a Raúl Dans en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se escribe teatro para públicos novos?
– Raúl Dans (RD): Henri naceu como un conto que quería escribir para a miña filla e que acabou como obra de teatro. É unha historia alegre, optimista e moi fácil de representar. Os rapaces están desacostumados a ler teatro ou a ir ao teatro. Por iso esta é unha peza simpática, incluso moi posibilista, que ten en conta todas as circunstancias de agora.
– LVG: ¿Cales son as características do texto?
– RD: É moi viable de producir, para títeres e bonecos, cunha historia optimista. Considero que é un texto divertido e fácil de representar. Está escrito pensando en facilitar a súa montaxe, sendo consciente das dificultades que pode haber agora para montar obras.
– LVG: No caso do texto para adultos Unha corrente salvaxe, ¿que vida escénica espera que teña?
– RD: Seguramente é o texto meu máis asequible. Creo que ofrece moitas posibilidades para ser montado e que ten atractivos para os directores. Ten unha trama con moitas sorpresas, con misterio. E creo que os personaxes da obra poden ser atractivos. Incluso diría que é teatro comercial de calidade, escrito para todo tipo de público. Pensando tamén no traballo dos actores.
– LVG: ¿Publicar teatro segue sendo a única alternativa a representar?
– RD: Facelos públicos quere dicir que poden ser lidos e coñecidos polas compañías. Por outra parte, creo que tamén é importante lembrar que o teatro tamén se pode ler, que tamén é texto. Creo que hai que animar á xente a que lea teatro como calquera outro xénero.”

O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con “imaxinación poética” da Fisterra

Desde Sermos Galiza:
“Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda.
Ferrín dedicoulle Estirpe, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”.
O libro Traballo de campo, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral A cura en Troia, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, Poesía irlandesa contemporánea, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña.
“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 75

Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.

Betanzos: apertura da Libraría Biblos

O xoves 15 de agosto abre as súas portas a Libraría Biblos en Betanzos (Rúa Santiago, 4), con este programa de actividades:
– De 11:30 a 13:00 h. Os ilustradores Xosé Tomás, Xoti de Luís, Suso Cubeiro, Xoán G. e Manel Cráneo asinarán as súas obras. Haberá globos para todos os nenos. Cinco grandes ilustradores galegos dedicarán os seus libros infantís e de adultos na libraría e na praza de Lanzós.
– 13:00 h. Presentación Café con Biblos e a obra En Betanzos, de Alfredo Erias, guía escrita e ilustrada para botar unha ollada á cidade e os seus barrios.
– 18:00, 20:00 e 20:30 h. Tapa dura, de Antón Coucheiro. Tres funcións de microteatro: entrada, 3 euros.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 e domingo 11 de agosto serán os últimos días desta edición da Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses dous días:

Sábado 10
– 19:30 h. Francisco Pillado asina exemplares das súas obras na na caseta da Libraría Couceiro.
– 21:00 h. Presentación do libro Los mejores poemas de amor, editado por Pigmalión. Participarán no acto: Luz Pozo Garza, Olga Patiño Nogueira, Miguel Anxo Fernán-Vello, Chema Paz Gago, Basilio Rodríguez Cañada e Antonino Nieto Rodríguez. Xosé Taboada e Paco Campos intervirán coa música e voz no acto.

Domingo 11
– 13:00 h. Encontros da literatura fantástica entre Contos Estraños e Urco Editora.
– 18:30 h. Presentación do libro pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado por Toxosoutos. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:30 h. Presentación do libro Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
– 20:00 h. Na Ponte ao vivo. O radio … visual de Ponte nas Ondas, conducido por Xurxo Souto con convidados/as do disco/libro/DVD.
– 20:00 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado en Redelibros.
– 21:00 h. Presentación do libro Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado en Redelibros.
Xesús Bermúdez Tellado, Puri Ameixide e Francisco Castiñeira asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o xoves 8

O xoves 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Xoves 8
– 12:30 h. Espectáculo de títeres da Compañía Babaluva, coa representación da obra Lume!, baseada no libro homónimo de Alberto Varela Ferreiro.
– 19:00 h. Presentación do libro Todos os días, de Alberto Ramos, publicado por Sotelo Blanco, premio Risco de Creación Literaria 2012.
– 20:00 h. Jacobo Fernández Serrano asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Nós.
– 20:00 h. Manuel Rivas asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
– 21:00 h. Presentación do libro Resina de poliéster, do escritor Xabier Correa Corredoira, publicado por Baía.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o mércores 7

O mércores 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Mércores 7
– 18:00 h. Presentación do libro O carballo, de Calros Silvar, publicado por Baía Edicións. O ilustrador explícanos como debuxar una árbore. Tamén participa no acto a editora Belén López Vázquez.
– 19:00 h. Presentación do libro Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado por Galebook. Participan no acto a autora do libro e un representante da editorial.
– 19:00 h. Sinatura de libros de Manuel Portas na caseta de Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación do libro Faneca Brava, do escritor Manuel Portas, publicado por Xerais. Participan no acto Ramón Nicolás, Manuel Bragado e o autor.
– 20:00 h. Antonio Seijas asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Nós.
– 21:00 h. Teatro Antroido representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

A Consellería de Cultura e Baía Edicións coeditan a obra de Raúl Dans para teatro de monicreques “Un mosquito de nome Henri”, X Premio Barriga Verde

Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Baía Edicións publicaron en réxime de coedición a obra de Raúl Dans Un mosquito de nome Henri, título que fora galardoado na modalidade infantil do X Premio Barriga Verde de Textos de Teatro para Monicreques. A obra fai o número 11 da colección que reúne todas as pezas recoñecidas con este galardón convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese a ser miope e ás múltiples dificultades coas que se topa. Dela valorara o xurado do premio o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual.
O ditame fixera referencia tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos.
No texto, que supón a primeira incursión de Dans na literatura dramática infantil, pódese entrever tamén unha crítica á sociedade de hoxe en día, ao tempo que se aprecia unha valoración positiva da vontade, a perseveranza e a realización persoal como obxectivo principal. (…)”.