Rosalía Fernández Rial: “O único que nos pode salvar da barbarie é a axuda mutua, compartir uns valores e establecer uns límites que nos protexan”

Entrevista de Raquel Castro a Rosalía Fernández Rial en Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): En primeiro lugar, Rosalía, parabéns de novo por este premio. Dime, que foi o que te levou a presentar a peza a concurso?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Moitas grazas! Fíxome moitísima ilusión obtelo, a verdade. Sempre fun moi sensible á necesidade de pezas teatrais dirixidas a adolescentes e nunca deixei de crealas para contextos escolares. Traballo con persoas desta franxa de idade e realicei a Tese sobre o uso da expresión dramática como ferramenta pedagóxica nas aulas de lingua. Por iso, ao ler a convocatoria e corroborar a filosofía do certame, parecíame que a última obra que escribira encaixaba co propósito presente nas bases.
– E: Fóra de campo recolle moitos temas que poden afectarlle á nosa mocidade, como o perigo das redes sociais, do que se comparte nelas… Ti cres que a nosa rapazada non é consciente do perigoso que é deixarse levar polas “redes”?
– RFR: Penso que resulta moi difícil ser consciente da dimensión que poden acadar as redes e en certas etapas da vida iso complícase aínda máis. Ben é certo que cada vez existe máis conciencia e información sobre o tema pero non resulta menos verdadeiro que certas redes teñen cada vez máis forza e presenza na vida das mozas e mozos.
– E: O protagonista masculino é un “influencer” que vai enredando a toda a que se lle achega. Por que cres que é tan importante amosarnos constantemente, vivir cara os demais, para deixar de ser nós mesmas?
– RFR: Por natureza somos seres sociais e as posibilidades de conexións con outras persoas que nos abren as redes eran impensables hai uns anos. O problema reside, precisamente, na imaxe que proxectamos ao amosarnos nas redes e o perigoso que pode resultar perder os espazos de intimidade, a autenticidade e a construción de vínculos verdadeiros e sans dentro dese contexto. Se descoidamos iso, efectivamente, deixamos de ser nós mesmas e é aí onde nacen “os monstros”. (…)”

Boiro: XIII Romaría das Letras no Barbanza

Lugo: actividades do 17 de maio na Feira do Libro 2024

Bueu: programación das Letras Galegas 2024

Paseos Literarios por Compostela 2024

Os Paseos Literarios por Compostela 2024 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.

No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2024, terá lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A participación nos paseos é libre e gratuíta, non sendo precisa inscrición previa. O punto de saída en todos eles será a carpa principal da SELIC, na Quintana.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Escenarios de Compostela. Paseo sobre o mundo teatral en Santiago
Paula Carballeira
Data: 12 de xuño, 16:30 h.

Compostela en pegadas moradas. Historias de escritoras contadas na cidade
Arancha Nogueira
Data: 13 de xuño, ás 16:30 h.

Paseo Crime en Compostela, que levará o público polos escenarios da novela de Carlos Reigosa que cumpre 40 anos e polos espazos do xénero negro da cidade.
Mario Regueira
Data: 15 de xuño, ás 16:30 h.

Paseo Crime en Compostela, que levará o público polos escenarios da novela de Carlos Reigosa que cumpre 40 anos e polos espazos do xénero negro da cidade.
Mario Regueira
Data: 16 de xuño, 16:30 horas.