Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Arquivo da categoría: Teatro
Compostela: actividades destacadas dos 8 e 9 de maio na Feira do Libro 2021
O 8 de maio comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:
Sábado 8
– 12:30 h. Pregón de inauguración a cargo de Arantza Portabales.
– 13:00 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicada por Galaxia, e Historias de Mentes, publicada por Bululú.
– 13:00 h. Esther Carrodeguas asina Malcriada e 32m2, publicadas por Positivas.
– 18:00 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela, publicado por Xerais.
– 18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
– 19:00 h. Beatriz Busto Miramontes asina Um país a la gallega, publicado por Através.
– 20:00 h. Antón Reixa asina Outlet, publicado por Chan da Pólvora.
– 20:00 h. Andreia Costas asina Corazón de vaca e outras vísceras, publicado por Urutau.
Domingo 9
– 19:00 h. Carlos Negro asina Non cantan paxaros neste bosque, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Manuel Gago asina Nus, publicado por Xerais.
Carlos Labraña: “O obxectivo do teatro debe ser representalo nun escenario”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Carlos Labraña: “O obxectivo do teatro debe ser representalo nun escenario”. Entrevista arredor de Contra o reloxo. Pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación de Contra o reloxo, de Carlos Labraña
Ferrol: rolda de prensa de presentación de Alén, de Xaime Quintanilla
Manuel Lourenzo, premio de honra Fernando Rey
Desde a Academia Galega do Audiovisual:
“O Teatro Colón da Coruña acolleu o 10 de abril a Gala da XIX edición dos Mestre Mateo na que o actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey, en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega.
Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta desenvolveu unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais. Fundador de O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e a Compañía Casahamlet, a súa vocación docente convertiuno en mestre de varias xeracións de intérpretes.
Figura referente no compromiso co teatro e a creación dramática, foron dous personaxes audiovisuais os que lle deron unha inmensa popularidade entre o público: o pescador Melgacho, na serie Mareas Vivas e Vicente Otero, Terito, na serie Fariña.
Recibiu numerosos recoñecementos, aos que, a partir do sábado se engade o Premio de Honra Fernando Rey. Entre outros o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008). É profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.”
Saúde e Terra: Euloxio Ruibal
Outeiro de Rei: Memorias dun neno labrego, espectáculo teatral de Cándido Pazó
Representacións en abril e maio de A lingua das bolboretas, de Manuel Rivas, por Sarabela Teatro
A AGADIC lanza as axudas á creación 2021 e impulsa unha bolsa de dramaturxia co CDG
Desde Erregueté:
“Esta semana, coincidindo cos actos de celebración do Día Mundial do Teatro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, e os seus órganos depentes, AGADIC e Centro Dramático Galego (CDG), abriu o prazo para que as compañías de artes escénicas soliciten as axudas á creación deste ano, así como unha convocatoria para a recepción de proxectos de escrita dramática coa fin de desenvolver unha dramaturxia que será coproducida polo teatro público.
A convocatoria vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo en Galicia. As bases continúan a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención.
Así, a Modalidade 1 inclúe os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Na Modalidade 2, para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.
Pola súa banda, á danza e artes do movemento, integradas na Modalidade 3, destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.
As axudas inclúen unha Modalidade 4 para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.
Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.
O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos.
Bases axudas á creación escénica
Bolsa de dramaturxia e creación
Con este procedemento preténdese darlle impulso á promoción da dramaturxia galega contemporánea, mediante a convocatoria a todo o sector para que presente proxectos de escrita dramática, co compromiso de formalizar, coa entidade/profesional seleccionada pola comisión técnica profesional que se constituirá para este efecto, os correspondentes contratos de creación dramatúrxica do proxecto seleccionado.
A esta primeira convocatoria, dotada con 4.000 euros, seguiralle unha segunda, dotada con 12.000 euros, para levar a cabo este ano, en réxime de coprodución co CDG, un espectáculo teatral a partir da dramaturxia elaborada polo presente procedemento.
Poderán presentar os seus proxectos as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia. Quedan excluídas as asociacións e as restantes entidades sen fins de lucro.
Xunto coa solicitude, deberá achegarse, no prazo de 20 días naturais, unha memoria explicativa do proxecto que conteña unha sinopse/proposta do texto (máximo 10.000 caracteres, espazos incluídos), a traxectoria das persoas ou do colectivo que participe na escrita e unha carta de motivación.
Bases bolsa de dramaturxia e creación“