Carral: entrega do Premio do Certame de poesía Concello de Carral a Xurxo Alonso, e presentación de As bicis, de Xabier Cid

A compañía A Feroz regresa ao Salón Teatro de Santiago esta fin de semana para celebrar a súa Afterparty

Desde Agadic:
“A Feroz regresa esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago con Afterparty, espectáculo de debut desta nova compañía galega que foi estreado o ano pasado neste mesmo escenario dentro do programa de residencias artísticas do Centro Dramático Galego. O público compostelán terá agora dúas novas oportunidades de ver esta proposta, escrita e dirixida por Lorena Conde, nas funcións de mañá sábado, ás 21:00 h., e do domingo, ás 19:30 h.
Este colectivo artístico botou a andar hai pouco máis dun ano para, nas súas propias palabras, transcender as barreiras persoais e poñer en común sobre o escenario as preguntas que comparten como xeración, ademais de todas as posibles respostas. Así xurdiu tamén Afterparty, peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e da procura de respostas por parte desa xeración que chegou tarde a todo. A Feroz defínea como “relato emocional no que reina o espírito do lixo, do exceso posmoderno”.
O resultado é un “artefacto escénico” no que a letra, a música, o espazo e o movemento corporal foron desenvolvéndose á vez durante un proceso de creación interdiciplinar. Inés Salvado, Beatriz Romero, Gustavo Freire e Lolo Castro son os encargados de lle dar vida ao espectáculo, para o que esta fin de semana contarán coas achegas de varios colaboradores sorpresa.
Para levalo ás táboas, contaron ademais coa escenografía de Álvaro G. Mallo e Cecilia Castro, o espazo sonoro de Manuel Abraldes, a fotografía de Tamara de la Fuente e a produción de Beatriz Romero.
A venda de entradas para estas dúas funcións xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, para o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.”

Fefa Noia comunícalle ao Consello Reitor da Agadic que deixará a Dirección do Centro Dramático Galego no mes de outubro

Desde Agadic:
“A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia, comunicoulle hoxe oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que deixará o seu posto no mes de outubro para emprender novos cometidos profesionais. O máximo órgano directivo da entidade, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, agradeceulle a Noia todo o traballo realizado nos últimos catro anos e desexoulle o maior éxito nos seus proxectos futuros.
Na súa reunión desta mañá, o Consello Reitor acordou tamén a inmediata posta en marcha dun procedemento público de selección cara á provisión da praza de coordinador ou coordinadora do Departamento de Produción Teatral da Agadic, que conleva, entre outras funcións, a dirección da compañía teatral pública e a planificación da actividade da súa sede escénica, o Salón Teatro de Santiago de Compostela. O posto quedará vacante a partir do 1 de outubro, data na que será efectiva a saída da actual directora.
Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval (integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán), de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e o que está actualmente en xira: Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.
A súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións, fórmula pola que o CDG contribuíu neste tempo á materialización doutras doce montaxes. Tamén incidiu no teatro familiar, incrementou a actividade formativa para escolares e para profesionais do sector, retomou a edición de textos teatrais e puxo en marcha iniciativas de conciliación, así como funcións inclusivas, xornadas de portas abertas e encontros para a conversa entre os equipos artísticos e o público.”

María Peinado: “Non ten sentido unha axuda á produción se despois a compañía non ten funcións”

Entrevista de Ernesto Is a María Peinado en Erregueté:
“Teatro da Ramboia vén de acadar o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais con O meu Mundo non é deste Reino, “unha proposta de gran coherencia co universo dramático do poeta lugués”, segundo a resolución do xurado. A compañía, formada por María Peinado, Fran Lareu e Anxo García, estreará a obra no próximo mes de novembro con deseño de iluminación de Germán Gundín e técnica de Roi López. A propia María Peinado, directora da montaxe, explícanos en detalle como vai esta nova posta en escena dunha das pezas fundamentais da literatura dramática en lingua galega.
– Erregueté (E): Cal foi o punto de partida do proxecto?
– María Peinado (MP): O proxecto xorde coa vontade de continuar coa experiencia iniciada por Anxo García con Teatro da Ramboia, aló polo 2012. Persegue o obxectivo de xerar un espectáculo multidisciplinar, contrabandeando ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e outras expresións artísticas. Fran Lareu e eu mesma sumámonos ao equipo coa idea de xerar unha liña de creación que mesture a tradición e a contemporaneidade. Xa traballaramos xuntos os tres noutras ocasións e apetecíanos moito poñer en pé un novo proxecto. Queriamos partir dun autor galego e mentres buscabamos un texto dramático, anunciouse o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Anxo xa coñecía a Farsa de Bululú. Encantounos e pareceunos a oportunidade e o contexto perfecto para afondar en todo o anterior.
– E: O meu Mundo non é deste Reino vai mesturar teatro actoral con monicreques. De que xeito convivirán estas dúas linguaxes na escenificación?
– MP: En realidade, a convivencia destas dúas linguaxes en escena non é algo novidoso. Son moitas as compañías de dentro e fóra do país vinculadas ao teatro de obxectos que teñen traballado isto mesmo ao longo da súa traxectoria. O meu Mundo non é deste Reino explorará os límites entre unha linguaxe e outra, tanto a nivel espacial coma interpretativo. O teatriño expándese e os manipuladores asumen distintos roles dentro da propia dramaturxia. Penso que o propio conflito actor-manipulador, lonxe de ser conflitivo, é algo que de feito ofrece moitísimos xogos escénicos. A importancia non reside tanto no como, senón en seguir a incidir no feito de que o teatro de marionetas admite perfectamente esta vertente. (…)”

Vilalba: presentación de A gotiña viaxeira, de Toño Núñez

O 16 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría Nube de Papel de Vilalba (R/ Xosé María Chao Ledo, 20), preséntase o conto infantil A gotiña viaxeira, de Toño Núñez, publicado por Edicións Fervenza. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado de Lorena Lagüela, por parte de Nube de Papel, e do escritor e administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda. Ademais, na presentación contarase coa actuación especial do grupo poético-teatral Corredores de Sombra.

O CDG abre os camerinos, as oficinas e a biblioteca da súa sede para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán as seis pezas desta edición, que se desenvolverá nas dúas vindeiras fins de semana.
Nunha primeira quenda, con tres pases desde mañá e ata o domingo cunha capacidade máxima de 15 persoas, o público irá percorrendo os devanditos espazos para gozar dunha peza en cada un deles. Así, no camerino poderá verse Váter (comedia claustrofóbica), un texto de Roberto Salgueiro sobre dous personaxes que quedan encerrados no servizo dunha sancristía e sobre como a desesperación saca á luz as súas verdadeiras personalidades. Pablo Aldrey e Borja Salgado son os seus intérpretes, baixo a dirección de Beatriz Bravo.
Nas oficinas situadas no último andar da sede do CDG, Teatro En Punto presentará Margarita, monólogo de Sonia Barros dirixido por Roberto Leal. Trátase dunha proposta baseada nun artigo da xornalista Maruja Torres sobre unha muller que se veu obrigada a rachar coas normas que rexen a sociedade actual.
Sorpresa!, de Enconarte, é a terceira das accións curtas da fin de semana, para a que a biblioteca do Salón Teatro será o escenario da festa que Nora lle preparou ao seu home polo seu 40º aniversario. A anfitrioa, á que lle dá vida Arantxa Treus, recibirá alí os convidados mentres todos agardan con expectación a que chegue o homenaxeado. A peza está dirixida por Déborah Vukušic, quen é tamén coautora do texto xunto á propia Arantxa Treus.
Horarios e venda de entradas
Cunha duración total dunha hora, os pases desta primeira quenda de Teatro Ob-sceno terán lugar mañá, Día das Letras Galegas, e o sábado ás 19,00 h. mais o domingo ás 20,30 h. na sede da compañía da Xunta, onde eses mesmos días se exhibirán tamén dous espectáculos de Redrum Teatro: Contos do recreo (mañá ás 18,00 h.) e Invisibles, espectáculo de concienciación social sobre a violencia de xénero coproducido co Centro Dramático Galego (sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.).
Tanto as entradas para estes pases, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Redrum poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes, desde 45 minutos antes do comezo para Teatro Ob-sceno e desde dúas horas antes para Contos do recreo e Invisibles.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.
Pola súa banda, a biblioteca acollerá Sofía, achega unipersonal de Marta Pérez, próxima ao teatro-conferencia e realizada a partir do espectáculo da compañía Inversa Teatro Sofía e as postsocráticas que puido verse o ano pasado no Salón Teatro; e Pulso, de Teatro En-Trance, unha peza de Paula Sanmartín inspirada na figura de Neal Cassady, icona da chamada Xeración Beat.
Esta segunda quenda de Teatro Ob-sceno desenvolverase canda a estrea no Salón Teatro doutra das propostas do programa de coproducións do CDG: SOMA, unha experimentación escénica que xorde da colaboración entre o coreógrafo e investigador galego Javier Martín e o escultor e performer catalán Joaquín Jara.”

Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de poesía Concello de Carral

Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica.
No ano 2004, Xurxo Alonso xa gañara este premio co libro Breviario de Aldemunde.
O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio Concello de Carral terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis, de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”