A
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presenta o programa da súa 34ª edición, cun total de 21 representacións e un reforzo de espectáculos de rúa.
O espectáculo de inauguración será Commedia, un xoguete para Goldoni, estrea absoluta e coprodución entre a MIT e a compañía de Cándido Pazó, para despois xirar por outros festivais de verán e teatros do país. O de clausura será a estrea en Galicia do espectáculo inglés The Table, de Blind Summit, premio do Festival Fringe de Edimburgo e un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como The Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune, entre outros galardóns.
A comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade son as liñas mestras que conforman o programa desta 31ª edición da MIT.
A inauguración terá lugar o sábado 14 de xullo ás 21:00 horas, no Patio do Xulgado de Ribadavia (Praza Maior, s/n).
Aquí pode consultarse o programa completo.
Arquivo da categoría: Teatro
Casa-Museo Manuel María: V edición do Convivio da Cultura Galega, o sábado 14 de xullo
Desde
a Fundación Manuel María:
“Outeiro de Rei, vila natal de Manuel María, acollerá o sábado, 14 de xullo, o Convivio da Cultura Galega, que chega xa á súa quinta edición. Esta xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría de Santa Isabel de Outeiro de Rei, está aberta a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza. A Casa-Museo Manuel María vén de presentar o programa e o cartaz da súa Vª edición. A programación será a seguinte:
11:30 h. Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María. Actuación do grupo de música tradicional Untia e do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– 12:30 h. Ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro.
– 13:00 h. Concerto da Banda Municipal de Música “Sons e Soños” de Rábade-Begonte-Outeiro, dirixida por Armando Morales Blanco, na Carballeira de Santa Isabel.
– 14:00 h. Xantar na carballeira (cada quen trae a súa comida).
– 16:30 h. Títeres. O grupo de teatro Pereira de Lobos representa Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo.
– 17:00 h. Foliada, para cantar e bailar, con distintos grupos de música tradicional (Untia, Treboada, Birloque Gaiteiros, Coitelo de pau, Parabéns, Reviravolta, Cantareir@s.comTigo…). Anima Xurxo Souto.
Entrevista a Carlos Caetano Biscaínho Fernandes
Entrevista
de Estela Pan a Carlos Caetano Biscaínho na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): O xogo, como se define e de que está composto?
– Carlos Caetano Biscaínho Fernandes (CCBF): O propio teatro é unha proposta de xogo que presentamos ao público, un convite á participación. O xogo prodúcese entre dous pólos: as formas oferecidas desde un ponto de vista concreto –isto é, a partir dunha lectura concreta– e a actuación do público, que completa a proposta.
– P: O teatro é unha arma. Como pode incidir na sociedade?
– CCBF: Non sei se unha arma. Para min é unha necesidade individual e colectiva, unha maneira de me recoñecer como ser humano e de recoñecer os demais.
– P: É a incerteza un mecanismo de creación?
– CCBF: Sen dúbida ningunha. Nas etapas de creación e preparación dun espectáculo a incerteza está necesariamente presente. Mais tamén en cada unha das funcións: por moi estrita que sexa a “partitura” que temos que interpretar, non podemos –nen debemos– descartar o imprevisíbel. As certezas dificultan o xogo.
– P: Como se consegue a aparición do imprevisíbel?
– CCBF: O imprevisíbel comparece, non hai que o procurar. A nosa función debe ser estarmos abertos a ela e tirarlle partido en termos teatrais.
– P: O espazo para o matiz, de que forma se crea?
– CCBF: Para isto debemos estar ben treinados e non nos refuxiar en apriorismos e ideas preconcibidas. (…)”
Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín
Desde Erregueté:
“O concello de Vilamarín prepárase para acoller un ano máis as tradicionais “Noites teatrais”, que este ano chegan a súa XXXI edición cun programa que inclúe espectáculos de referencia na dramaturxia galega e que se celebrarán do 9 ao 13 de xullo, cada día ás 22.30 horas, no auditorio municipal. O programa ofrece cinco días de espectáculos. Dará comezo o 9 de xullo co Grupo de Teatro de Vilamarín, no que participan actores de entre 12 e 65 anos co espectáculo Os cravos de prata. O día 10 será a quenda para a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, que presentará As ondas das pedras no río, unha adaptación do libro de Arundhati Roy O deus das pequenas cousas dirixida por Fernando Dacosta. O 11 de xullo actuará Ibuprofeno Teatro coa Casa O´Rei, a obra coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. O texto propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Ao día seguinte, o 12 de xullo, actuará Sarabela Teatro con O rei morre, unha adaptación libre da obra de Ionesco, dirixida por Ana Vallés, na que se reflexiona sobre o poder e a morte. O día 13 pecha a programación Contraproducións coa obra Fillos do Sol, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó sobre os últimos anos da vida de Eduardo Pondal e a súa loita por rematar a que el consideraba a súa obra mestra, Os Eoas. A entrada para os espectáculos é gratuíta.”
Monterroso: presentación de Auto do demo e a viñateira, No soño dos ollos e O proceso a Lucía Fidalgo, de Xosé Lois García
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 7 de xullo
O
sábado 7 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Presentación de Dramaturxia galega actual, de Esther F. Carrodeguas, Ernesto Is, Miguel Sande e Inherente Teatro, publicado por Á Feira Edicións.
– 19:00 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.
Lalín: presentación de Sen medo ao demo, de Comba Campoi
Afonso Becerra móstranos o teatro posdramático
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O teatro non é un xénero literario; é unha arte colectiva e colaborativa, na que a palabra e o texto actúan en pé de igualdade cos demáis elementos compositivos da representación escénica. Estas son algunhas das ideas sobre o teatro posdramático que desenvolve no seu ensaio Confio-te o meu corpo o profesor da Escola Superior de Arte Dramática Afonso Becerra. A entrevista pode verse aquí.”
O CDG programa unha función inclusiva do espectáculo Divinas Palabras Revolution con motivo da súa despedida do público
Desde
Agadic:
“O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Divinas Palabras Revolution regresa do xoves 5 ao domingo 8 ao Salón Teatro de Santiago para se despedir do público no mesmo escenario no que esta adaptación da obra de Valle-Inclán foi estreada o 12 de abril e onde, por vez primeira, se desenvolverá unha función inclusiva o venres 6.
Esta é unha das principais novidades da segunda estadía en Compostela desta montaxe, dirixida por Xron, que acaba de rematar unha xira de dous meses por outros oito espazos galegos mais o Teatro Español de Madrid. Cambian tamén os horarios de representación no Salón Teatro para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Para a función inclusiva do venres, contarase con tradución simultánea á linguaxe de signos e programa en lectura fácil, así como con audiodescrición e espazos para cadeira de rodas previa reserva. O pase, para o que se establece un prezo especial único de 5 euros, está organizado en colaboración coa ONCE, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Encontro co público
Retómase, ademais, o programa Encontros co Público, que desta volta terá lugar ao finalizar a representación do xoves para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo.
Esta versión, a primeira en idioma galego, de Divinas palabras achega unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.
As entradas para estas catro derradeiras funcións de Divinas Palabras Revolution poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.”



