Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular

Desde Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”

Follas Novas: descarga a primeira edición

Desde Cultura Galega:
“”Gardados estaban, ben podo dicir que para sempre, estes versos (…), cando non sen verdadeira pena, vellos compromisos obrigáronme a xuntalos de presa”. Así inicia Rosalía de Castro as súas palabras previas á primeira edición en 1880, en La Habana, do seu libro de versos en galego Follas Novas. Desde aquela, os amantes da poesía galega de Rosalía divídense entre aqueles que prefiren Cantares gallegos ou os que se manifestan a favor de Follas Novas como a principal obra en galego de Rosalía Castro. Agora podes ti tamén entrar no debate e escoller entre os dous textos. Co gallo do Congreso Internacional Rosalía de Castro, o CCG ceibou a primeira edición, habaneira, de Follas novas (en 1880).”

Por que Rosalía dixo que non volvería escribir en galego?

Reportaxe en Praza:
“(…) Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda. Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha antoloxía.
“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego, sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era, daquela, un ideal inimaxinable”. (…)
“Rosalía era unha muller sen patrimonio que aspiraba a ser profesional da escrita e vivir dela, por iso destina obras en castelán ao mercado editorial español. Pero tanto insistir en que era bilingüe non ten sentido: todos os escritores eran bilingües entón, no sentido de que usaban as dúas linguas. Pero Rosalía é a única que ten un proxecto para cultivar todos os xéneros literarios en galego. E o que ocorre é que acaba pobre, illada e marxinada: o seu proxecto parecía non ter seguidores. Eu creo que o que realmente molestou de Costumbres gallegas non foi tanto a súa suposta inmoralidade, senón o feito de que -e isto é algo do que non se fala-, Rosalía dixera nel que aprendera a amar a súa patria fóra, en contraste con España. Iso foi o que non lle perdoaron”, asegura Francisco Rodríguez. (…)”.

Alborada para Rosalía de Castro

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…

Vigo: presentación de Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo

O venres 15 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo, publicado en Galaxia. No acto intervirán Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, Manuel Forcadela, Silvia Penas, Víctor F. Freixanes, Ernesto Pedrosa e Alfonso Zulueta de Haz.

A poesía de Celso Emilio Ferreiro chega a Bangladesh

Desde o blog de Xerais:
“O Inditex Chair for Spanish Language and Culture da Universidade de Dhaka, en Bangladesh celebrou o Ano Celso Emilio Ferreiro programando actividades culturais dedicadas á figura do escritor galego. Catro paneis, coa biografía e poemas de Celso Emilo en galego, castelán e inglés, presidiron durante todo o ano as instalacións da Universidade. Ademais, editouse un folleto cos textos dos paneis que se distribuíron nas aulas. Ao longo do curso, e da man dos profesores Amparo Porta e Antonio Porto, os estudantes tiveron ocasión de coñecer tamén as versións musicadas dos poemas de Celso Emilio Ferreiro, como Irmaus (versionado por Fuxan os Ventos) e Deitado frente ao mar (versionado por Dios ke te Crew).”