Xosé Miguel Barrera Vázquez gaña o XLV Certame Literario do Concello de Vilalba

Desde o Certame de Vilalba:
“O Concello de Vilalba vén de anunciar o gañador do XLV Certame Literario de Poesía despois de que o xurado emitise na tarde do 19 de agosto o fallo. Lidos os 36 libros presentados a este Premio dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, acordouse por unanimidade proclamar gañador o poemario presentado co título Poema da rúa das aves, do autor Xosé Miguel Barrera Vázquez.
O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo formado por expertos no eido literario: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, Catedrático de Historia; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal e Xulio Xiz, xornalista.
Xosé Miguel Barrera é natural de Vilalba, aínda que actualmente reside na vila madrileña de Torrelaguna, sendo membro do Grupo Bilbao de escritores afincados en Madrid e colaborador da revista de poesía OLGA. Na súa actividade literaria figuran publicacións en galego e castelán, como os libros de poesía Loita de Silencio, Árbore do Desespero e Poemas do Tempo Silenciado. Tamén ten colaborado en diversas publicacións colectivas como a revista Xistral.
Tamén ten publicacións en diversas revistas colectivas de escrita castelá como La Espadaña, Cartapacio ou Piedra Lisa. Entre algúns dos recoñecementos do autor destacan a de finalista do concurso de guión do proxecto Una Tela en Blanco polo texto “Una tarde en el parque” e no concurso poético Chozas de la Sierra, na súa VIII edición, acadou a Mención de Honor polo poema “Lamento por la muerte de un amigo”.”

A IX edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten gañadoras-es

A IX edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten gañadoras-es.
O Aquarium de Donosti en colaboración co Centro de Física de Materiais CSIC/EHU acolleu o 6 de setembro de 2019 o acto de entrega de premios do xurado e do público, cun total de 377 relatos que participaron na presente edición do concurso.
​A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores; así mesmo, propuxo unha persoa para o xurado, Pura Salceda.

Estes foron os relatos nas categorías xuvenil e adulto en galego, resultando gañadores e finalistas os seguintes:

Xuvenil
Relato gañador: “(Pa)ciencia”, de Carlota Díez Herrero.
Relato finalista: “A fantástica formación da Lúa”, de Sandra Rodríguez Macía.

Adulto
Relato gañador: “Gedankenexperiment”, de Agustín Agra Barreiro.
Relato finalista: “A linguaxe secreta dos xardíns”, de Puri Covelo Abeleira.

Máis información, aquí.
Vexa aquí a galería fotográfica do acto de entrega de premios.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica, unha invitación á cidadanía para pensar e imaxinar a ciencia desde a creación literaria. O seu obxectivo é fomentar o achegamento ao pensamento científico a través da escritura.
Inspiraciencia non é só os relatos. Máis aló do concurso, organízanse charlas, talleres, exposicións, propostas para a aula, lecturas, etcétera, para profundar nas variadísimas relacións e hibridacións entre ciencia e literatura.

Tabela dos libros. Setembro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Xesús Constela: “Non todo pode ser novela negra e material de consumo para institutos. Por camiños faltos de innovación non imos a ningures”

Entrevista de Montse Dopico a Xesús Constela en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha familia chinesa explotada por un compatriota. Unha parella de axentes de policía que investigan un incendio. Unha muller que vive deitada no sofá da súa casa. Un avó que conta historias de dragóns. Uns pais moi antigos que crían a súa filla como supoñen que é mellor para ela. Son os protagonistas de Lisa deitada, a túa última novela. Cales foron os primeiros personaxes que xurdiron para escribila? Como xorden os demais a partir deles?
– Xesús Constela (XC): Teño o costume de anotar ou pegar en cadernos todo canto pode servirme para utilizar con posterioridade nalgún escrito, e hai moitos anos, aló polo 2000, na Voz de Galicia apareceu unha noticia que falaba dunha muller de Sabadell que vivira os seus últimos nove anos sen se mover para nada dun sofá. Recorteina, pegueina nunha folla dun caderno, e ao redor escribín: “Como era a súa vida cotiá? Quen lle daba de comer? Quen a limpaba?” Moitos anos despois rescatei a noticia e nese momento naceu Lisa. O resto dos personaxes foron nacendo despois arredor dela.
No que ao tema dos chineses respecta, hei dicir que me encanta viaxar e que me considero un gran viaxeiro, e quizais por iso non acepto que ninguén se vexa na obriga de abandonar o lugar onde vive por necesidade e non polo mero pracer de coñecer outros lugares, outras culturas e outros costumes. Os chineses que viven ao noso redor non deixan de ser como os nosos emigrantes e considero que alguén ten que reivindicar unha mellora nas súas condicións de vida.
Son moito máis que o camareiro que nos serve o chop suey no restaurante, a caixeira que nos cobra no bazar ou a persoa que nos fai a manicura, aínda que a xente sempre se queda no máis superficial. Por iso decidín traballar na novela coa familia do avó Jianguo.
As grandes viaxes que permiten os medios de transporte modernos non son bidireccionais. O primeiro mundo viaxa por pracer, o terceiro malvive e non está autorizado a se desprazar ao primeiro sen unha serie de requisitos que me parecen absolutamente intolerábeis.
– P: As distintas historias vanse intercalando, na novela, sen transicións. E só ao ir avanzando podemos decatarnos das relacións entre esas diversas historias. É como se fose un conxunto de relatos que se van entrecruzando. Non é, claro, unha estrutura que non estea presente na narrativa actual mais, algún hai motivo especial para construír a novela dese xeito?
– XC: A vida non é lineal. O pensamento non é lineal. As conversas non son lineais. Procuro unha narrativa que tampouco sexa lineal, achegada o máis posíbel á realidade, que, por certo, tampouco é lineal.
Cada personaxe, ou cada grupo de personaxes da novela, vive nun universo propio que en principio parece illado dos universos dos demais, cando non pode estalo dende ningún punto de vista. Todos formamos parte dunha comunidade que todos estamos, para ben e para mal, inevitabelmente interrelacionados, e xustamente iso foi o que quixen reflectir na narración. Lisa convive cos veciños, os veciños conviven entre eles, a familia de Lin Min e Wang Yong fai o mesmo, igual que acontece con Combarro e Souto, os policías… Pero hai un punto no que todo conflúe por unha serie de peripecias do destino. Acaso non é así a vida? (…)”

Premios no Festival do Teatro Galego do Carballiño en 2019

Desde Sermos Galiza:
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ (Fetega) do Carballiño puxo esta sexta feira o ramo á súa edición de 2019, que se celebrou na primeira semana de setembro. A entrega do seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindíbel” ao mundo das artes escénicas marcou o acto de clausura.
Non foi o único premio entregado na gala de feche do Fetega. Así, o xurado escolleu como mellor monologuista a Pepo Suevos, 4 segundos da compañía ÍO recibe o galardón a Mellor Espectáculo de Rúa, Machi Salgado a Mellor Actor e Patricia Vázquez a Mellor Actriz. Curva España, da compañía Chévere leva o premio a Mellor Espectáculo.
O Fetega do Carballiño fai tres décadas. Cinco compañías conformaron o groso da programación da edición número 30, do 2 ao 6 de setembro e que tamén incluíu monólogos, novo circo e animación de rúa. Este ano ampliou o seu nome e pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada.”

Outeiro de Rei: XV cabodano Manuel María: entrega da Navalla do Manuel

Cada 8 de setembro, cabodano de Manuel María, ten lugar no Concello de Outeiro de Rei, un emotivo acto de lembranza ao poeta da Terra Chá, e sobre todo amigo, organizado pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos, Memoria da Chaira enteira, co seguinte programa:

15:00 h. Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra (quen queira apuntarse ao xantar de confraternidade, pode facelo chamando ao teléfono 646413890).
17:00 h. Recital de poesía en Penas de Rodas.
18:00 h. Levamos unha rosa ao cemiterio de Outeiro de Rei, acompañada de versos e comunicados. Benvida co Canto da Irmandade: O carro (Letra: Manuel María, Música: Baldomero Iglesias, Mero) e o Himno galego.
18:30 h. Na carballeira de Santa Isabel farase entrega da Navalla Manuel María a Xosé Estévez por Branca Pazos, con lámina de Eneko. Entrega da Navalla do Manuel a xeito póstumo a Xabier P. Docampo, na man da súa familia, fai a presentación Mero Iglesias, con lámina de Suso Cubeiro.
Bocado comunal e grolo de Irmandade proveito de ben e futuro.
Recital de poesía e música.

A organización, todos os anos, entrega dúas estampas dedicadas a Manuel María, neste ano o texto pertencente á de Xabier P. DoCampo é da autoría de Baldomero Iglesias, Mero e o texto que acompaña á de Xosé Estévez é de Paco Martín. O logo da Irmandade Manuel María é obra do artista Martinho Picallo.