O Centro Dramático Galego inicia mañá en Tui a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) arranca a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña mañá venres en Tui, onde chega tras unha estadía dun mes na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Esta será a primeira parada no percorrido galego deste espectáculo, que poderá verse tamén en Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Vigo.
En concreto, o Teatro Municipal tudense será o escenario da función de mañá, ás 20,30 h., para a que as entradas poden adquirirse de xeito anticipado no web www.culturatui.info, así como no despacho de billetes desde unha hora e media antes de que dea comezo o espectáculo.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Dez actrices
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.
Neorretranca e posmorriña poderá verse, a continuación, no Auditorio Afundación de Pontevedra (17 de maio, 20,30 h.), no Teatro Rosalía Castro da Coruña (24 e 25 de maio, 20,30 h.), no Teatro Lauro Olmo do Barco (31 de maio, 21,00 h.), no Auditorio Municipal de Rianxo (14 de xuño, 21,00 h.) e no Teatro Afundación de Vigo (5 de xullo, 20,30 h.).”

Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

Braga: IV Encontro Minho Galiza

Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”