Alicia Fernández Rodríguez: “Estiven ano e medio escribindo Mamá Pelicano, un libro que eu creo moi duro”
Entrevista
a Alicia Fernández Rodríguez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que supuxo para vostede a obtención deste galardón?
– Alicia Fernández Rodríguez (AFR): Fíxome moita ilusión porque había moitos anos que non escribía e que non me presentaba a premios. Na adolescencia gañara moitísimos. De feito parei porque non sei a cal me presentei nun momento dado que non o gañei. Había moitos anos que non escribía nada, algún poema para algunha revista ou algo moi puntual. Estiven se cadra 13 anos sen escribir.
– EP: Agora reside en Sant Clement de Llobregat. Foi aquí onde escribiu a obra gañadora, Mamá Pelicano?
– AFR: Cando viñemos hai dous anos tiñamos en Santiago a libraría Chan da Pólvora, a única especializada en poesía de Galicia. Estiven levándoa a distancia durante uns meses e logo traspaseina, fixen traducións e, sobre todo, estiven ano e medio escribindo este libro. Foi chegar aquí, comecei o libro e acabeino haberá medio ano.
– EP: O xurado destacou o tratamento da familia e da maternidade dende un punto de vista “descarnado”. Coincide con esta apreciación?
– AFR: Non me toca moito falar a min sobre o libro, xa o dirá a crítica, pero é un libro que eu creo moi duro, doloroso, supoño que tamén necesitaba esa distancia física de Galicia para escribir algo así. É un libro que tiña dende hai moitos anos na cabeza, de feito acórdome no 2010 de falar do título cun amigo poeta que morreu, Francisco Cortegoso, pero non me sentei a escribilo ata que estiven aquí. (…)
– EP: Séntese máis cómoda na poesía?
– AFR: Si, escribín algún conto pero era moi pequena. Si que é certo que agora teño na cabeza un proxecto de novela que aínda non comecei, para o que estou tomando notas. (…)”
Rosa Aneiros, premio Merlín 2019: “Os heroes son rabudos, tamén teñen a súa parte escura”
Entrevista
a Rosa Aneiros na Televisión de Galicia:
“Xelís, o guieiro das botellas de mar gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2019. O libro, ilustrado por Andrés Meixide, conta a historia de Xelís e os guieiros da natureza loitando contra unha illa de plástico que ameza o planeta. A entrevista pode verse aquí.”
Compostela: visita guiada á exposición Son de Galicia, con Miguel Anxo Seixas Seoane
Compostela: entrega do Premio Voz de Liberdade a Marina Mayoral
Compostela: presentación de Os jeans de María, de Lois Alcayde
Compostela: presentación de Coa palabra na boca, de Xaime Iglesias González
100 Microhistorias encantadas
Se queres colaborar en 100 Microhistorias encantadas para celebrarmos o 15º aniversario (2005-2020) na Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia rescata unha lenda, un mito, un rito, un conto… e remíteo (podes acompañar fotografía) a correo@galiciaencantada.com
Aquí podes ver o que xa temos publicado para esta efeméride: #cenmicrohistoriasencantadas (Facebook e Twitter)
E aquí, todo o que hai na web: Galicia Encantada.
A Coruña: entrega do Premio de poesía Afundación a Miguel Sande
O
27 de novembro, ás 19:00 horas, na sede de Afundación na Coruña (Cantóns), terá lugar a entrega do premio de poesía Afundación a Miguel Sande. Neste acto, o escritor fará un recital, acompañado dunha peza audiovisual de Xes Chapela, creada ex professo e inspirada no poemario gañador. Este, agora en formato libro, Os filósofos xa non brindan con cicuta, será ademais presentado ao público nesta gala de entrega.
Adolfo Caamaño gaña o VII Certame de poesía Manuel María
Desde
Sermos Galiza:
“Cartograma para contido primixenio, de Adolfo Caamaño Vázquez, é a obra gañadora da VII edición do Certame de poesía en lingua galega Manuel María, convocado pola Casa de Galiza de Gipuzkoa. Está dotado con 400 euros. Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime axeitado.
Lintel, de Manuel Antonio Piñeiro, obtivo o segundo premio; e baixo o lema A miña pel en tatuaxes, de Francisco Javier Fernández, está o terceiro premio.”




