Artigo
en Sermos Galiza:
“Desde 1955, no máis cru da invernía franquista, unha ameaza pairou sobre Navia de Suarna, a construción dun encoro. A obra non chegou a se materializar, aínda que si se puxeron en marcha algunhas infraestruturas preliminares, con consecuencias desastrosas para concello e comarca. Máis de seis décadas despois, un contra-ataque en forma de versos e música tórnase o mellor antídoto fronte ás agresións ao patrimonio natural. O I Encoro Poético Musical na Vila de Navia tivo lugar o domingo 11 de agosto, con diversas actividades, entre elas un tributo á poeta Marica Campo.
“Unha espada de Damocles pendurada sobre as nosas cabezas máis de medio século”. Eran os 50, 60, do pasado século. O desenvolvimentismo da ditadura levaba por diante poboacións e medio ambiente natural. Galiza ficou gravemente afectada pola febre franquista dos encoros. Esa espada de Damocles, que ía atinxir catro municipios, non se acabou de cravar no corazón do Navia, entre outras cousas pola oposición veciñal. Mais “as consecuencias foron tremendas”, relatou o escritor Toño Núñez na presentación do I Encoro Poético Musical Vila de Navia de Suarna. E pormenorizounas: “Falta de investimentos e de obras, atraso nas infraestruturas e servizos, despoboamento, emigración, decadencia, parálise colectiva”.
Fronte esa agresión érguese agora unha resposta en forma de versos e de música. “Os encoros anegan terras, patrimonio, cultura, experiencia, esperanza, recordos… e este encoro poético e musical quere tamén anegar; neste caso, quere anegar estas terras de Navia de Suarna de versos e de música, de amizade e de camaradaxe”.
E ben, hoxe a ameaza xa non é tanto o encoro —en maio de 2010 o Parlamento galego rexeitou por unanimidade a súa construción ao aprobar unha iniciativa do BNG— como o despoboamento xeralizado do rural na Galiza, moito máis acusado nas terras dos Ancares. “Se todo o rural está doente, a montaña boquexa sen remedio. E Navia de Suarna, vila e concello, están na UVI”, denunciou Toño Núñez.
Este I Encoro Poético, con vocación de continuidade, é a primeira das iniciativas da recén criada asociación cultural Irmandiños Naviegos Amigos do Castelo. A cultura contra a desaparición. Ese é o desafío. “Quero aproveitar a ocasión para facer un chamamento a toda a veciñanza que teña unha faragulliña de sensibilidade cara á nosa cultura, cara ao noso patrimonio”, dixo o poeta e tamén narrador, autor de Navia, nai (2006).
A asociación ten entre os seus obxectivos “recuperar para o pobo” unha das xoias da comarca, o castelo de Navia, fortaleza construída no século XI e derruída en 1467, para logo ser reconstruída, durante a revolución irmandiña. “Pobre castelo! Habémolo permitir? Habemos permitir que o noso castelo morra de desleixo?”, perguntouse Toño Núñez, quen ve no monumento a sede ideal para “a nosa Casa do Concello”.
Xa está posto en andamento pois este encontro poético e musical “onde encoran as verbas nunha festa de irmandade” e cuxo primeiro tributo foi para Marica Campo, unha das escritoras do país que mellor ten cantado a terra da que estamos feitos.”
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para os 17 e 18 de agosto
O
18 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 17
– 18:00 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Cortizas.
– 19:00 h. Presentación de Talasonimia da Mariña Lucense, de Francisco Rivas, publicado por Edicións Embora.
– 20:00 h. Presentación de Matar o heroe, de Adolfo Caamaño, publicado por Galaxia. Con María Loureiro.
Domingo 18
– 13:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
– 20:00 h. Presentación de Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única, de Xulio Pardo de Neyra, publicado por Embora.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para o 16 de agosto
O
16 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Contada de contos a cargo de Anxo Moure co proxecto Cuco. Contos para coidar a Terra.
– 20:00 h. Presentación cruzada de Remexido de patacas, de Eli Ríos e As fauces feroces de Emma Pedreira, publicados por Baía Edicións. Con Belén López, da editora.
– 20:45 h. Presentación de O paraugas na raiola, de Paco Rivas, publicado por Baía. Con Bernardo Penabade e Belén López.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para o 15 de agosto
O
15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Presentación de Estrelas de manteiga, de Isabel Porto Collazo, por Sar Alejandría.
– 19:00 h. Paula Mayor asina Coloreando a provincia de Lugo, na caseta de Cortizas.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2019 para o 14 de agosto
O
14 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Anna R. Figueiredo asina Os bicos feridos, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:30 h. Pregón infantil a cargo de Carmen Basanta Expósito. Pregón a cargo de Antía Yáñez.
– 20:00 h. Presentación de O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. Con Anna R. Figueiredo.
– 21:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.
Teo: VII edición da entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo, o 20 de agosto
O
20 de agosto, ás 12:00 horas, no Salón de plenos da Casa do Concello de Teo, terá lugar a VII edición do acto de entrega do Caxato de Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol, para, posteriormente, no Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, en Oza (Teo), realizar a ofrenda floral en memoria e honra de Avelino Pousa.
PROGRAMA DE INTERVENCIÓNS
PRIMEIRA PARTE (na Casa do Concello de Teo)
1. Benvida por parte da Corporación de Teo.
2. Saúda de Alfonso Blanco Torrado en representación da Irmandade Avelino Pousa, Irmandade Manuel María e A. C. Xermolos.
3. Lectura da acta de concesión do Caxato Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol.
4. Intervención do mantedor do acto, Francisco Castro.
5. Entrega do Caxato Avelino Pousa Antelo á Fundación Penzol.
6. Intervención dun representante da Fundación Penzol.
7. Intevención da familia de Avelino Pousa Antelo.
SEGUNDA PARTE (no Paseo Avelino Pousa na Urbanización Os Verxeis, Oza/Teo).
1. Intervención dun representante da Irmandade Avelino Pousa, Irmandade Manuel María e A. C. Xermolos.
2. Ofrenda floral.
3. Intervención da familia de Avelino Pousa Antelo.
4. Intervención Institucional do Concello de Teo.
* Ao remate dos actos está programado un xantar no Restaurante María Castaña da Ramallosa (Teo). O prezo é de vintecinco euros (25 €)(pagarase no sítio). Quen desexe participar no xantar ten que AVISAR ANTES DO DÍA 17 DE AGOSTO ao email:erdao@hotmail.com ou ao tfno 636032750.
Vigo: VI Día das Galegas nas Letras, en homenaxe a Xela Arias, o 15 de agosto
A caza, de Alberto Vázquez, premio Castelao de banda deseñada
Desde
Sermos Galiza:
““Mundo propio e persoal”, “debuxo expresivo que xera unidade narrativa” e “imaxes que se manteñen na retina do lector”. Con estes argumentos o xurado da 14ª edición do premio Castelao de banda deseñada decidiu distinguir A caza, do coruñés Alberto Vázquez. Ademais premiou Uxío, de Martín Romero, que inaugura a categoría infantil e xuvenil do certame.
A caza será a cuarta obra como debuxante de Vázquez, dotada, segundo o xurado, dun “grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa [técnica de pintura xurdida no século II na China, considerada ‘arte do esencial’]”. Nado en 1980, é ademais un recoñecidísimo cineasta de animación.uxío
As súas curtametraxes Birdboy (2012), Psiconautas (2015) e Decorado (2016) obtiveron cadanseu Goya da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas do Estado. Os tres filmes baseáronse en cómics realizados por el mesmo. A nota do xurado do Castelao -organizado pola Deputación da Coruña- comunica ademais que Vázquez vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación, Psiconautas, os nenos esquecidos.
Uxío, de Martín Romero (Boiro, 1981), contén “unha filosofía sobre a vida e a cotidianidade dun xeito lixeiro e poético”. A que xa é a primeira obra premiada na modalidade infantil e xuvenil inclúe “un transfondo reflexivo moi intersante para o público infantil e xuvenil”.
Romero tamén é director de cinema de animación e autor de banda deseñada con títulos como As fabulosas crónicas do rato taciturno (2011) ou A débeda (2017).
O xurado do premio Castelao de banda deseñada formárono Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro e Albert Moneys, ademais da xefa de servizo de cultura da Deputación Mercedes Fernández Albalat e o deputado da área de Cultura, Xurxo Couto.”
A rosa de cen follas, de Cabanillas, obxecto dunha edición bilingüe en xaponés e galego a cargo de Takekazu Asaka
Desde
a Xunta de Galicia:
“Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador maior da nosa lingua propia no Xapón, presentou hoxe no compostelán Pazo de San Roque a nova edición bilingüe de A rosa de cen follas, de Ramón Cabanilllas, ao xaponés-galego. Asaka, Takiño en Galicia, xa lle dedicara en 2013 a Cantata ao autor cambadés. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación, na que reiterou “o agradecemento infindo da lingua e da cultura galegas, de todas e todos os galegos, a Takekazu Asaka, que é aquí, en Galicia, un máis de nós e, alí, no país do sol nacente, o máximo expoñente da proxección do noso idioma propio”.
Participaron canda eles na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei, autor do limiar da obra.
Asaka dá ao prelo Hyakuyō ô bara/A rosa de cen follas. Breviario dun amor (2019), versión en xaponés do cancioneiro amoroso de Ramón Cabanillas que reproduce a editada polo cambadés en Mondariz-Balneario no ano 1927. Engádelle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas, acompáñao dun limiar da autoría de Francisco Fernández Rei, de Bibliografía e dunha coda na que el mesmo dá conta dos motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés e da dificultade para traducir ao Poeta da Raza, polos abundantes dialectalismos cambadeses, complexas metáforas e polimorfismos.
Anuncia, no peche, a vindeira edición dun cedé cos catro textos de A rosa de cen follas que conteñen partitura musical: IV Era un piniño novo, A capilla [VI A capilla adormíase nas sombras], Aureana do Sil [XXVIII As areas de ouro] e XXXII O Rei tiña unha filla.
Ilustrado por Ataque e impreso en Nishida (Osaka), conta cos patrocinios da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do Concello de Cambados. (…)”
Xabier Paz: “O que máis me apaixonou de Galileo foi a súa capacidade de dedicarse con brillantez a diferentes actividades”
Desde
Xerais:
“Cíes Podcast emitiu unha entrevista con Xabier Paz sobre o libro: Galileo no espello da noite, publicado por Xerais na colección: Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón, a partir do minuto 29″.”
