Bergondo: homenaxe a Filomena Dato
Avelina Pérez gaña o XIII Premio Abrente
Desde Erregueté:
“Un xurado composto por Iria Azevedo (actriz), Melania Cruz (actriz), Roi Vidal (dramaturgo e premiado na edición anterior), Roberto Pascual (Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, en calidade de secretario) e María Touza (Concelleira de Cultura, en calidade de Presidenta), resolveu conceder por maioría o 13º Premio Abrente de Textos Teatrais, ao texto titulado: O día no que bicar a terra, de Avelina Pérez.
Segundo a acta, “o xurado defende o valor dunha peza profundamente crítica, na que bailan as palabras e as emocións. Unha peza de sensacións, una evocación constante de imaxes, dende unha postura sarcástica e envolvente, inclasificable. Trátase dunha disección, unha posoloxía do proceso creativo, unha obra retadora que nos sitúa na emoción fronte ao filtro do racional. O día no que bicar a terra é mutante, líquida, en constante tranformación, un texto vivo que nos libera do logocentrismo, da necesidade de entender e asociar a significados cada impulso poético da creación artística”. Igualmente, di a acta, a obra gañadora do Abrente 2018 é “un reto, na liña das catedrais do ‘teatro irrepresentable’ que logo e, polo tanto, demostran a súa forte pulsión escénica, modernizadora e innovadora”. (…)”
Estíbaliz Espinosa: “Na literatura randéome sen rede”
Entrevista a Estíbaliz Espinosa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Comecemos cunha idea de peso. Que supón para vostede a poesía?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Mmm, un clásico para crebar o xeo dun machadazo ☺
De nena, os poemas eran iso que lle dedicaba ao meu gato ou á virxe María [son a típica atea caldeada nun colexio de monxas]. Moito tempo despois, pensaba na poesía como unha radiación lingüística destas unidades de carbono que somos. Unha torsión da linguaxe, a ver até onde é capaz de chegar.
A nivel social, a poesía é un tanto bipolar: tanto a consideran como pura e xenuína dun corazón auténtico [oh, Stephen King escribe poesía en secreto, ten un paxaro azul que quere saír!], como a brasa inintelixible de xente tipo Asuranceturix, presuntuosa, vaidosa, un bluff nacido da música que chegou demasiado lonxe, unha vez emancipada na era Gutenberg e confinada en páxinas de libro. Faime chiste iso. Atráenme os paradoxos, os crebacabezas.
Esta mañá véxoa como un transbordador que quixen pilotar para chegar a outro lado, pero o outro lado en si non é o único que me interesa. Tamén interésame a nave en si. E iso que en ocasións sentínme unha intrusa na poesía, alguén que debería estar escribindo novela gráfica, relato, programas sinfónicos…ou dedicándome só á música ou á astronomía. Pero, sabes que pasa? Que cando por exemplo me exclúen do presunto Canon da Poesía, considéranme unha friki, invisibilizan un vieiro literario de hai 20 anos que gustará máis ou menos [e iso do gusto é boa miraxe tamén, xa non só o digo pola socioloxía da distinción de Bourdieu: as redes sociais deixáronolo clariño coa cantidade de cousas que significan like]… refórzanme as ganas de dar coa palabra, de dar voz. Ao revés que esa tendencia a empregar a poesía para certa vitimización autoindulxente, trato de non caer nese cliché. Vitimizacións, as xustas. Son cero conspiranoica, sei que non existe ningunha confabulación secreta e consciente para eclipsar a ninguén. Simplemente, as regras de xogo na literatura –e iso custoume varias saudades asumilo- entrañan ás veces compoñentes extraliterarias, mesmo azarosas. Claro que ninguén che vai dicir que é recoñecido por coñecer a fulanito, ser máis plasta ca unha carracha ou por certas serendipias: ao final, a lectura que facemos do recoñecemento é a dos méritos propios. E logo o tempo peneira o seu. [Pero o tempo máis aló dunha vida humana, claro. Resulta que a posteridade literaria é unha idiotez.]
Así que son desobedientiña. Que non me consideran poeta nas antoloxías, retrospectivas? Pois velaí van, dúas cuncas. Aprendín a crer no que escribo, sei ben que quero dicir e onde vou…malia que esas coordenadas sexan as da incerteza. E ao final, collinlle cariño ao transbordador, gústame pilotalo mesmo para ir a ningures.
Se a pregunta foi de peso, a resposta deixoume baldada.
– P: Como concibe o proceso creativo?
– EE: Con optimismo na capacidade humana de observación lúcida e de inventiva: a alegría da que falaba Spinoza [o filósofo xudeu, nada que ver comigo, que eu saiba] nun mundo que tira de ti cara abaixo, que trata de apagarte se fulguras. A curiosidade é unha paixón animal, infantil, sagaz nun eido como o poético, non exento de imposturas amargadas, resentidas. Fuxo diso. Cultivo un escepticismo optimista, igual no fondo son unha melancólica ou unha idiota, pero tanto ten.
O proceso creativo para min é bastante introvertido e autoesixente. Non creo nesa superstición de escribir sen corrixir. A escrita ten moito de deriva pero tamén de rigor e técnica. Matino moito os temas, son teimas que levan comigo dende nena, e ás veces teño que raspar, furgar en silencio [e son nai monoparental de dous, imaxina que silencio], porque as modas poñen en bandexa falar de certos temas cando xa callaron socialmente. Igual que existe unha axenda política ditada polos medios de comunicación [debemos falar disto agora], existe unha axenda literaria [cómpre escribir disto agora]. É doado: sabes que se escribes novela negra en certo momento, malo será! Hai escritor*s expert*s en osmar as tendencias e engatarse a elas, e non falo só de best-sellers. Ben, opción moi válida sempre que se faga con estilo [ahhh, o punch da cuestión], cunha voz propia. Pero unha opción válida.
A min vaime a exploración espacial.
– P: Cal é o xerme de Curiosidade (Aira, 2017)?
– EE: Mentres o artellaba, pensaba nel como un libro de texturas diversas, un prisma de luz con algo Mentres o artellaba, pensaba nel como un libro de texturas, un prisma de luz con algo de crebacabezas. Funo escribindo en anos, pero tiña o título e o seu ADN, digamos, dende 2012-2013: sabía que quería abordar a curiosidade humana como punto de ebulición no que a ciencia pasa ao estado físico da literatura, que quería unha voz ás veces coloquial e outras divulgativa, non moralizante, con retranca, lizgaira. Como a propia curiosidade que vai dun tema a outro, dunha extensión a outra [texto longo, chío de Twitter], coa mesma actitude de captura e mordacidade. Non se fala moito da curiosidade como motor, ás veces si como defecto [sobre todo nese feminino de fisgona, curiosa, sabichona]: quería poñer sobre a mesa a relevancia desta actitude pouco grandilocuente, e a reivindicación da curiosidade feminina polas corgas non trazadas, non esperables [dende mitos como Pandora a figuras como a astrónoma que abriu á teorización da materia escura, Vera Rubin], da muller como mente ademais de, como de sobra sabemos, corpo.
Estou algo cansa de utilizar a beleza como punto de partida para protestar de que só se fale da nosa presunta [ou non] beleza. Cansa do eu, do meu sufrimento, eu. Sempre tratei de esquivar ese eu de melaza, falar dun nós dende unha perspectiva de cosmonauta. Ou falar dende outras perspectivas. Neandertal, tardígrado, humana do futuro noutro planeta… Un prisma de voces. (…)”
Xosé Benito Reza: “Aquí puxéronse remendos, pero non se buscaron remedios eficaces para o rural”
Entrevista de Montse Dopico a Xosé Benito Reza en Praza:
“(…) – Praza (P): Dicía nunha entrevista que fixera este libro [Terradentro] como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…
– Xosé Benito Reza (XBR): Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…
Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado… (…)
– P: Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…
– XBR: É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole…
– P: Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.
– XBR: Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa… Pero o libro é un fin en si mesmo. (…)”
“Isidro Novo e os ‘Círculos Líticos'”, por Lois Diéguez
Artigo de Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“Publicamos a seguir un texto da autoría de Lois Diéguez como tributo á memoria do escritor e colaborador de Sermos Galiza Isidro Novo, falecido a 1 de febreiro de 2018.
“Os “CÍRCULOS LÍTICOS” son aneis de luz para sementar nas culturas e nos povos; talismáns para a nosa idea.
Dos controis da nosa criación polos distintos poderes faremos asas para voar en amplos ceos.
Converteremos as Torres de Almafí en museus dun pasado que foi… ao lonxe.
E dos museus construídos para encerrar o noso idioma faremos bosques de palabras a fartar a nosa lingua.
Uniranse a poesía, música, imaxe… nun só corpo colectivo propio: ser pedra contra a barbarie globalizadora, e rosa multicolor para a diferencia.
Foi este o Manifesto de “Círculos Líticos” que un grupo de escritores e activistas da cultura fundamos en xuño de 2002 en Lugo. Eran Isidro Novo, Antom Fortes, Marica Campo, Xoán Rompe, Anxo Rigueira e mais eu, e estreamos a nosa actividade con dous espectáculos realmente interesantes: A maré das negras ondas, por causa do accidente do Prestige, e Viva Palestina, polo recrúe por esas datas da represión do Estado israelí sobre Palestina. Presentábase A Maré como un espectáculo artístico con inspiración na maré das Negras Ondas e nos seus efectos en Galiza. “Un espectáculo que combina a poesía coa canción, as imaxes, teatro, danza, música, maxia, pintura…”. E Viva Palestina, como recitado de poemas do poeta palestino Mahmud Darwish e os propios dos componentes de Círculos Líticos, e músicas de Lluís Llach, Al Baraka, A Intifada ou Mercedes Peón. Nenos e nenas palestinos leron cartas tamén que outros nenos e nenas lles enviaban desde o seu torturado país. E intervencións en directo de artistas diversos (a cantante Pilocha, Mago Antón e Mago Teto, pintor Lomarti, escultora Mónica Alonso, contacontos Ana Carreira, actriz Esther Pedrouzo, coreógrafa Sara M. Alonso, radiofonista Paco Arrizado…).
Seguiron a estes espectáculos durante varios anos, con certa intensidade até 2009, outros de presentacións de libros ou temáticas variadas con motivo sempre de algún suceso que tivese incidencia na Galiza ou no mundo, e coa fin de mesturar a poesía cos outros campos das artes a través tamén de artistas diversos, de xeito que arredor de Círculos se foi creando unha verdadeira comunicación no mundo cultural galego, e de aí que cantantes, pintores, actores e actrices ou simplemente xentes do común, actuasen con naturalidade na produción e presentación cultural sempre no noso idioma. Lembro outro acto de grande incidencia, Camiños de lendas, arredor do Camiño de Santiago e celebrado en Triacastela en agosto de 2008 e que se presentou como espectáculo sobre o mundo lendario que rodea os camiños a Compostela, no que se fusionan as lendas tradicionais, a poesía, a imaxe e a música medieval, barroca e contemporánea, recollendo distintos temas desde Aragón, Navarra ou A Rioxa até O Cebreiro, Pico Sacro ou a Tumba de Prisciliano en Compostela. E outro de certa incidencia tamén foi o proxectado Pola Paz, Contra a Guerra, con motivo da invasión de Iraq por parte das forzas imperialistas de occidente, acto este desenvolvido desde o balcón do concello de Lugo.
Isidro Novo foi figura clave no traballo destes anos, con iniciativa, orixinalidade e con grande sentido creativo. E logo, a voz timbrada, musical e firme que posuía axudábao grandemente nas actuacións. O mesmo entusiasmo para a comunicación co público tamén. Penso agora nas longas horas, no traballo exhaustivo que fixemos todos os compoñentes do grupo para desprazarnos principalmente pola provincia de Lugo cos espectáculos sempre orixinais e mesmo divertidos, completos no sentido artístico, e novidosos. Foron datas de grande riqueza para a lectura e creación de textos propios ou doutras culturas, analizándoos con sentido crítico e clara obxectividade. Sempre me gustaron os libros de Isidro e tamén os de Antón Fortes, un poeta certamente orixinal, profundo e de coidada estética. Os seus versos curtos crean de por sí un mundo amplísimo e valente, rico, emocional, para o goce e mesmo a fantasía. Xoán Rompe é un bo cantante e activista cultural polifacético, moi unido a Radio Clavi e á sala Clavicémbalo de Lugo, o mesmo que Anxo Rigueira, filósofo, que posúe un grande coñecemento en todo o relacionado co deseño e as artes gráficas. Marica Campo, que estivo máis activa na primeira etapa de Círculos Líticos, é poeta dun grande dominio da forma e con grandes acertos no conto e narracións curtas.
E Isidro, enxeñoso, con amplo sentido do humor e ironía, cun mundo creativo extenso e orixinal, foi peza fundamental do grupo. Durante eses anos publicou Súa de si (2003), Rosa lenta (2004), Un escuro rumor tralo silencio (2005), novelas que revelan a súa grande experiencia narrativa e ese mundo tan propio del no que a fantasía, a beleza e o xeito particular de ver a vida e os personaxes o converten nun importante expoñente da nosa literatura nacional. Como tradutor realizou un bo e intelixente traballo coa novela de Benito Vicetto Os fidalgos de Monforte, ao pasala ao galego, obra que se editou no 2009 dentro do Proxecto da Ruta dos Fidalgos polas terras monfortinas, que debe seguir durmindo nos sotos da Xunta. Estou seguro de que a experiencia de Círculos Líticos axudou á súa obra, como nos axudou aos demais a ver as cousas con amplas e distintas perspectivas.
Non me dou afeito á morte de Isidro e son especialmente as atinadas e traballosas horas de Círculos Líticos as que máis me veñen á lembranza; e Loli, a súa amada que tanto compartiu connosco tamén, e Bruno. Sei o mal que o están pasando agora. Coido que o acougo ante a traxedia, despois de asimilala, tocala, insultala, é precisamente isto, lembrar e soñar, aplaudir as tardes felices que agora idolatramos supoño que debido á imposibilidade da súa repetición. Así que no novo regreso ás tres obras que sinalei estará a recuperación das conversas mantidas sobre elas con el. E no seu eco, quizá, o sabor das cereixas daquel outro acto que tanto nos fixo rir. O riso, esa outra forma de se burlar da morte. E a historia, a valentía e o traballo que nunca, nunca se poden esquecer, e menos por quen saben deles.”
Bases do I Premio de novela Camiño de Santiago
Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018
Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”
Sober: roteiro arredor da figura de Xosé Lois García
Desde a A. C. O Colado do Vento:
“O domingo 22 de xullo terá lugar un roteiro adicado ao escritor chantadino Xosé Lois García. Consistirá nun roteiro circular, sinxelo, con saída ás 10:00 horas do Campo de Pinol, pasando pola igrexa de Pinol, por Cadeiras, Sampil, o Souto do Tellada, ou a igrexa de Lobios. A idea é afondar na poesía de Xosé Lois García que adicou a Sober. Para o roteiro non é preciso anotarse.”
Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para os 21 e 22 de xullo
O 22 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 21
– 13:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas no lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.
Domingo 22
– 12:00 h. Falando de libros coa ilustradora Lara Torres Rodríguez (O cataventos, de María Victoria Moreno), acompañada por Andrea Jamardo, e o escritor Héctor Pose (Mar de invernía e Arponera Café).
– 13:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.