Vigo: “Un sombreiro cheo de contos”, contacontos con Miguel Ángel Alonso Diz
Ramón Nicolás: “Tiña moi claro que quería fuxir do saudosismo ao falar da relación entre Galicia e Arxentina”
Entrevista de Montse Dopico a Ramón Nicolás en Praza:
“(…) – Praza (P): A Noite dos lapis é un dos episodios da represión cometida pola ditadura arxentina. En 1976, varios estudantes de secundaria foron secuestrados e despois torturados e, a maioría deles, asasinados. Por que escolliches este feito para facer unha novela?
– Ramón Nicolás (RN): O argumento levaba dándome voltas desde había algúns anos e, indefectiblemente, está vinculado coa miña traxectoria docente. O trato cotián con adolescentes levoume a pensar o que podería ocorrer con aqueles que, comprometidos con problemas sociais e que viven o seu tempo con perspectiva crítica, se visen abocados á clandestinidade por mor dun cambio radical nun réxime ou nas propias estruturas políticas. Isto é, formuleime a sinxela, pero creo que non inocente pregunta nos días que vivimos, de “que pasaría se…?”.
E o que podería pasar foi o que xa pasou, isto é, a denominada “noite dos lapis” do 16 de setembro de 1976 en que a ditadura cívico-militar arxentina, obedecendo un plan sistematicamente deseñado para infundir o terror, secuestran, torturan e fan desaparecer un grupo de rapazas e rapaces. O encaixe histórico, por unha banda, estaba aí. Non nego que, ao tempo, resultou determinante unha viaxe veloz que realicei a Buenos Aires no ano 2012 por mor do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro: acumulei vivencias en apenas tres días que, tamén en parte, están recollidas neste libro. Da novela dixo María Xosé Porteiro na súa presentación en Vigo que era unha viaxe “cuántica”, no espazo e mais no tempo, e verdadeiramente hai moito diso, no plano histórico e no da memoria particular e colectiva.
– P: Cando lía o teu libro, pensaba en Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán, entre outros títulos que, a partir da ligazón entre Galiza e América, optan por contar historias acontecidas alá, en América, é dicir, pola historia dos nosos “outros”, que tamén é a nosa. No teu caso, escolles un tempo de ditadura en España e en Arxentina, pero optas por contar un caso de represión alá. Por algunha razón especial?
– RN: Na novela fago confluír experiencias duras aquén e alén mar aínda que o peso maior descanse nas vivencias na Arxentina. Hai multitude de conexións entre Galicia e Arxentina e no libro deixo moitas pistas sobre algunhas delas que só están, á mantenta, suxeridas e o que sempre tiña moi claro é que quería fuxir do saudosismo cando se fala da relación entre Galicia e Arxentina. Mais a razón de que a proposta se derive ao lado americano talvez descanse no que respondía na primeira pregunta, na admiración que sinto por un país como Arxentina que acubillou aos nosos exiliados e a milleiros de persoas emigrantes e tamén polo feito de que, con todos os problemas e atrancos que houbo, a xustiza tomou cartas no asunto tras a conclusión da ditadura: a sociedade civil gañou unha batalla e eu quería pór o acento neste feito.
Quería, por inmanencia, salientar que tras recorrentes reivindicacións se conseguiu xulgar aos responsables dunha represión brutal, dun verdadeiro xenocidio. Esta resposta aquí non a houbo e se cadra esta é unha das explicacións a tantos problemas e conflitos que había moitos anos debían de estar resoltos. Dalgún xeito aquela “transición intransixente” como a chamaba Lueiro Rey, aquela restauración borbónica ou como se lle queira chamar deita unha sombra mesta no presente.
Por outro lado, cómpre non esquecer: o cultivo da memoria, do que pasou, é algo modélico en Arxentina e remito tan só á existencia de dous símbolos como son o Parque da Memoria bonaernse ou o Espacio Memoria y Derechos Humanos (Ex-Esma), por exemplo, mentres aquí seguimos a falar do que acontecerá cos restos do ditador ou da usurpación do Pazo de Meirás sen cuestionarse a legalidade da Fundación Francisco Franco, sostida con cartos públicos, ou por citar outro exemplo esa pretensión de converter a illa de San Simón nun espazo lúdico cando, particularmente, non imaxino mellor lugar para erixir un verdadeiro espazo da memoria da represión que se deu en Galicia desde xullo de 1936. (…)”
Montse Pena Presas: “Se es crítica, suponse que as túas opinións son froito da túa sensibilidade, da túa lectura non profesional, das túas arroutadas femininas”
Entrevista de Montse Dopico a Montse Pena Presas en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia] é unha adaptación da túa tese. Salientas no limiar que os primeiros materiais críticos que cinguiron LIX e feminismo publicáronse en voceiros do movemento feminista, revistas ou fancines. Que consecuencias tivo isto? Como xurdiu, en xeral, a idea de facer a tese sobre feminismos e LIX?
– Montse Pena Presas (MP): O libro, máis que unha adaptación da miña tese, é unha parte dela, porque nesa investigación o que intentei facer foi cinguir os vencellos dos feminismos e da literatura infantil e xuvenil en tres ámbitos lingüísticos: o anglófono, o hispánico e o galego. Non obstante, por motivos evidentes, profundicei máis no ámbito hispánico ca no anglófono e no galego máis que no hispánico.
A primeira consecuencia que tivo que os materiais se publicasen de maneira espallada e en medios “alternativos”, ás veces de escasa difusión, foi que moitas veces non transcenderon o seu público cautivo, nin no momento de saír do prelo, nin por suposto tempo despois.
Isto provocou que a reconstrución e a recuperación do que fixeron as feministas dos anos 70 e 80 sexa complexa e laboriosa, pero sobre todo, dende o ámbito da academia, que moitas veces se pense que se está inventando algo cando, en realidade, hai xa moito tempo que esa iniciativa, esa investigación, esa acción na aula xa fora realizada por mestras implicadas coa coeducación. Neste sentido, paréceme fundamental a recuperación da memoria do movemento feminista, non só no ámbito no que se centra o meu estudo, senón en todos. Coñecer para avanzar, tamén no feminismo, é fundamental.
– P: Nun primeiro momento producíronse, segundo explicas, algunhas tensións entre ensinantes feministas e movementos de renovación pedagóxica. Por que e con que consecuencias para o feminismo?
– MP: Eran unhas tensións bastante lóxicas, moitas veces froito da colaboración e de que moitas mestras estaban á vez implicadas no movemento feminista e nos movementos de renovación pedagóxica. Compartindo ideais en certas ocasións, noutras as feministas previlexiaban a consecución da igualdade dende todas as perspectivas no sistema educativo, mentres os movementos de renovación pedagóxica apostaban por atender outras cuestións -poño como exemplo a renovación metodolóxica- que consideraban máis urxentes.
– P: Entre os grupos e colectivos que traballaron a prol do ensino igualitario estaban -ademais dos derivados de grupos feministas, dos partidos políticos e de sindicatos e asociacións de base educativa, ou da administración- os grupos independentes de mestras. Que achegaron, entre todos, e que papel tiveron estas últimas en particular?
– MP: O traballo que fixeron os grupos de mestras (nos que ás veces había tamén algún mestre) foi absolutamente fundamental e sería imposible, afortunadamente, de debullar. Mais si que podemos dicir que sobre todo se centraron en debater e cuestionar o marco educativo existente dende todas as súas perspectivas, estudaron a marxinación das mulleres en diferentes materias e manuais, realizaron bibliografías críticas de todo tipo de obras (educativas e literarias), experimentaron coa linguaxe, procurando que esta nos incluíse ás mulleres, e o máis importante segundo a miña perspectiva: deseñaron e puxeron en práctica estratexias coeducativas na aula, que se debatían en grupo e que logo se refacían se non funcionaban.
Por outra banda, na miña investigación non diferencio entre as labouras que realizaron uns e outros grupos de mestras, fosen independentes ou derivados dalgún partido político ou sindicato. É, ademais, moi posible, que existisen moitos máis grupos de mestras independentes que os que menciono no libro, por razóns fundamentais das que xa falamos: o espallamento dos materiais, a mutabilidade dos grupos, a dificultade para ter acceso a todas as súas achegas e a aínda en reconstrución historia do movemento feminista máis recente fanme pensar que son bastantes máis dos que se documentan. (…)”
Moaña: contacontos con Miguel Ángel Alonso Diz
“Os papeis de Luísa Villalta”
Desde Sermos Galiza:
“A obra poética de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) transitou os territorios que comparten música e escrita. Produciu o seu propio espazo no tempo en que eclosionaba a promoción dos 90. Catro libros publicados en vida valéronlle o favor da crítica e fieis lectores, defensores da súa proposta. A súa familia vén de ceder os seus fondos documentais ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Entre os máis de 1500 documentos que compoñen o legado -cuxa entrega se oficializou a pasada sexta feira na sede da institución, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística- constan “media ducia de poemarios manuscritos inéditos”. A súa revisión e exhumación, que realizarán as investigadoras do Piñeiro -que dirixe o crítico literario Armando Requeixo-, suporán unha reavaliación da poesía de Villalta. (…)
“Trátase dunha das autoras máis importantes da literatura galega recente”, afirmou o responsábel de Política Lingüística Valentín García, “e agradecemos á familia a entrega xenerosa deste legado que nos permitirá afondar no coñecemento da obra de Luísa Villalta”. Para facer efectiva a cesión, García, Armando Requeixo e Manuel González -secretario do centro- recibiron no Ramón Piñeiro a nai -María Gómez Castro- e a irmá -Susana Villalta Gómez- da escritora.
Ademais dos seis libros de poemas inéditos, entre os papeis de Villalta hai unhas 600 cartas de creadores galegos, cataláns, vascos ou portugueses; medio cento de cadernos de dietario; unha peza teatral sen publicar; un cento de conferencias anotadas a man; gravacións en vídeo e audio de eventos en que participou e documentación persoal.”
I Concurso Iconografías sobre Marineda
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e o centro comercial Marineda City convocan o I Concurso Iconografías sobre Marineda, que premiará en tres modalidades os mellores relatos e a mellor fotografía inspirados na cidade da Coruña. Os galardóns, cada un deles dotados de 1.000 euros, pretenden contribuír a estimular a creación artística baseada en referentes reais ou imaxinarios da Coruña, a cidade natal de Emilia Pardo Bazán, a escritora que bautizou literariamente a localidade como Marineda.
O prazo de presentación dos orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto para a modalidade fotográfica e o 3 de setembro para as modalidades de relato breve. A entrega dos premios terá lugar o 21 de setembro de 2018 no acto de celebración do 167 aniversario do nacemento da autora. Ademais do premio en metálico, as persoas gañadoras verán publicadas candasúa obra nunha edición preparada pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.
O I Concurso Iconografías sobre Marineda establece dous premios de relato breve, un en galego e outro en castelán. As persoas que desexen participar deberán facelo cun único texto orixinal e inédito e cunha extensión máxima de 4.000 caracteres.
No caso do I Concurso fotográfico Iconografías sobre Marineda, tres especialistas do mundo da fotografía e da crítica artística realizarán unha preselección das mellores imaxes presentadas. A gañadora decidirase nunha votación aberta nas redes sociais.
As bases do I Concurso Iconografías sobre Marineda con todos os detalles poden consultarse nesta ligazón.
Compostela: Tecín soia a miña tea, con Ana Hermida
Bergondo: homenaxe a Filomena Dato
Avelina Pérez gaña o XIII Premio Abrente
Desde Erregueté:
“Un xurado composto por Iria Azevedo (actriz), Melania Cruz (actriz), Roi Vidal (dramaturgo e premiado na edición anterior), Roberto Pascual (Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, en calidade de secretario) e María Touza (Concelleira de Cultura, en calidade de Presidenta), resolveu conceder por maioría o 13º Premio Abrente de Textos Teatrais, ao texto titulado: O día no que bicar a terra, de Avelina Pérez.
Segundo a acta, “o xurado defende o valor dunha peza profundamente crítica, na que bailan as palabras e as emocións. Unha peza de sensacións, una evocación constante de imaxes, dende unha postura sarcástica e envolvente, inclasificable. Trátase dunha disección, unha posoloxía do proceso creativo, unha obra retadora que nos sitúa na emoción fronte ao filtro do racional. O día no que bicar a terra é mutante, líquida, en constante tranformación, un texto vivo que nos libera do logocentrismo, da necesidade de entender e asociar a significados cada impulso poético da creación artística”. Igualmente, di a acta, a obra gañadora do Abrente 2018 é “un reto, na liña das catedrais do ‘teatro irrepresentable’ que logo e, polo tanto, demostran a súa forte pulsión escénica, modernizadora e innovadora”. (…)”