Vídeo da presentación, en directo, de amada Rosalía polas redes sociais, por Suso Díaz

Desde a web do autor:
“O 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, presentei en directo polas redes sociais, Facebook e Instragram, o libro amada Rosalía, adicado á nosa autora universal.
Foi unha presentación distinta, moi especial, á que calquera podía sumarse e seguila alá onde se atopase, tamén interactuar ou deixar o seu comentario.
Coido que é un novo xeito de achegar os traballos ao público que o demande, tamén os literarios, de amosalos ao mundo sen distancias e impedimentos físicos, un vieiro que cómpre ir explorando e aproveitando en prol da literatura, por que non?
Deixo aquí a gravación completa da presentación.”

Fallo do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde a Fundación Vicente Risco:
“Reunido o xuri do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por:
Alberto Moreira Baptista (CETRAD-UTAD),
Octávio Sacramento (UTAD),
Teresa Devesa Graña (Concello de Allariz),
Manuel Carrete Rivera (Concello de Castro Caldelas) e,
actuando de secretario, José Mª Eguileta Franco (FVR)
Acorda por maioria premiar a obra:
USOS E DESUSOS DAS TERRAS DE TOURÉM. TRANSFORMAÇÕES SOCIOTERRITORIAIS EM UMA ALDEIA RURAL FRONTEIRIÇA DO NORTE DE PORTUGAL COM A GALIZA, de autoría de Diego Amoedo Martínez
O traballo, centrado na aldea fronteiriza portuguesa de Tourém, en pleno Val do Salas, encádrase nos estudos de Antropoloxía. A obra establece un diálogo fluído, constante e poliédrico entre dous elementos esenciais, o habitante e unha aldea identificada como “a terra”, entendendo o primeiro como protagonista configurador secular do medio físico do que forma parte inseparable, e a segunda, como unha entidade que é moito máis que unha simple agrupación de vivendas. O diálogo entre ambos enriquécese progresivamente na medida en que entran en xogo as claves para definir a identidade dos “fillos da terra”, mulleres e homes que secularmente contribuiron a humanizar ata límites insospeitados unha paisaxe aparentemente natural, que forma parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês. A base económica agrogandeira, como tamén a propiedade da terra ou as relacións sociais e familiares trenzadas ao redor delas, reforzadas e sancionadas polas actividades dos ciclos festivos, contribúen a presentar ao lector un universo onde el mesmo, o habitante, é construtor e usuario dun escenario, un ecosistema artificial, que ao tempo lle serve de referencia e identificación en calquera parte do mundo.
Conforme as bases que permiten até dous accésits, o xuri propón, previo consentimento do autor, editar a obra Sen medo ao Demo (O teatro de títeres de Barriga Verde e a resistencia simbólica na Galiza da Postguerra).

Allariz a 27 de xaneiro de 2017″

Arraiano entre arraianos: as fronteiras na palabra de Xosé Luis Méndez Ferrín

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A súa última publicación é Arraiano entre arraianos, unha recompilación de artigos sobre as fronteiras de Galicia editados en diferentes xornais durante as tres últimas décadas. Ferrín recolleu, ademais, o premio Laxeiro este sábado. Pode verse aquí.”

Xosé Luís Axeitos fala do número 2 de Follas Novas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
‘A revista quere ser esa plataforma que acolla as novas lecturas que se están a facer (da obra de Rosalía de Castro)’. Xosé Luís Axeitos dirixe Follas Novas. Preséntase o segundo número da Revista de estudos rosalianos. Pode escoitarse a entrevista aquí.”