Vilagarcía: curso sobre ficción televisiva impartido por Xosé Antón Cascudo

O 22 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, e o sábado 30 de decembro, de 10:30 a 13:30 horas, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, Xosé Antón Cascudo impartirá o curso sobre ficción televisiva A vida en series, en dúas sesións (nas datas e horarios indicados). A actividade é organizada polo Cineclube Ádega. Este é o trailer realizado polo cineclube sobre a actividade e o resto da programación deste mes de decembro.

Deixe a súa mensaxe despois do sinal, as voces do novo libro de Arantza Portabales

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Catro mulleres, o contestador, algúns homes, un gato, a tecnoloxía da incomunicación, catarse, ou o encontro coa liberdade…De todo isto, creo, ten este monllo de historias, de voces que Arantza Portabales tece nesta novela. Deixe a súa mensaxe despois do sinal… Ou de como ás veces é moito mellor falar só… Pode escoitarse aquí.”

Betanzos: presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval

O mércores 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a novela Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, publicada por Galaxia. No acto participa, xunto ao autor, Inma Doval.

Vilagarcía: presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro

O martes 19 de decembro, ás 20:30 horas, no Salón García de Vilagarcía de Arousa (Rúa Alcalde Rey Daviña), preséntase O xardineiro dos ingleses, a novela coa que Marcos Calveiro se fixo co Premio García Barros 2017, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Sonia Outón, concelleira de cultura, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

Ferrol: presentación de Tenrura, de Antón Cortizas

O mércores 20 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Cívico de Canido (Rúa Poeta Pérez Paralle, s/n), en Ferrol, en colaboración coa A. C. Muíño do Vento, preséntase Tenrura, de Antón Cortizas, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Rafael Aguirrebengoa e Xavier Alcalá.

Guitiriz: Poemas Pendurados de Farolas, en xaneiro

O sábado 13 de xaneiro, a partir das 17:00 horas, en Guitiriz, terá lugar a terceira edición de Poemas Pendurados de Farolas, adicados este ano ao lema LUMES NUNCA MÁIS!
As persoas interesadas poden enviar os seus poemas en formato word a dosvilares@gmail.com e info@culturaliagz.com, con data límite do 28 de decembro, e, ademais de ser pendurados das farolas de Parga e Guitiriz, serán posteriormente editados en PDF formato libro nos soportes dixitais de Culturaliagz.com e Galiciadigital.com para a súa descarga gratuita.