Lalín: presentación de Tundra, de Carlos Negro
Psicofonías, de Marcos Abalde, e Alianzas, de AveLina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Desde a CRTVG:
“O xurado do undécimo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu outorgar o galardón desta edición á obra Psicofonías, escrita por Marcos Abalde Covelo, pola súa “estrutura dramática moi eficaz e ben construída cunha escenografía contextual que conxuga o relato de suspense coa realidade social”. O xurado valorou tamén “a utilización dos recursos sonoros e textuais para lograr a creación dunha atmosfera de intriga conducida cunha habilidosa medida cara a un final climático de gran impacto emocional”. (…)
A adaptación radiofónica de Psicofonías, con dirección de Santiago Cortegoso, foi interpretada por Fernando Dacosta e Iria Sobrado e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Contabilizados os votos recibidos a través da conta de correo electrónico e do contestador automático, a gañadora do Premio da Audiencia foi a obra Alianzas, de Avelina Pérez, directora teatral, dramaturga e actriz. (…)
Con dirección de Santiago Cortegoso, Alianzas foi interpretada por Salvador del Río e Marián Bañobre, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
Ambos os dous premios, o do xurado e o da audiencia, están dotados economicamente con 3.000 euros cada un. Quedaron como finalistas Proxecto Tempo, de Clara Gayo, e Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde.
O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso; a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro, o crítico de teatro Antón Lopo, a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa Diario Cultural, Ana Romaní.
61 obras presentáronse a esta undécima edición do certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”
Ferrol: presentación de Tripas, de Alberte Momán
Vigo: sinatura ilustrada de Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide
A Estrada: presentación de O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo
Marcos Calveiro e O xardineiro dos ingleses
Entrevista de María Solar a Marcos Calveiro en Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Pepe Carreira le un cachiño de O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro, editado por Galaxia. Entrevistamos o autor, que gañou con este libro o premio García Barros. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Uxía Casal sobre Saturno tamén e deus
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Uxía Casal publica unha edición revisada de Saturno tamén é Deus. Pode escoitarse a entrevista aquí.”
Vilalba: IV Recital Poético Solidario Internacional
Fervenzas Literarias. Enquisa para Os mellores libros do 2017
Desde Fervenzas Literarias:
“Un ano máis, abrimos en Fervenzas Literarias esta fiestra para que poidas votar os que para ti foron os mellores libros do 2017 máis outros aspectos relacionados coa literatura nas vinte categorías que propoñemos. Todas e todos vos sodes os responsables de confeccionar estas listaxes co mellor do ano. O poder d@s lector@s!!!
Lembra: non é obrigatorio cubrir todos os campos. Se non liches por exemplo ningún libro infantil, ou un libro de poesía ou ningún libro de teatro, non te preocupes, valora aqueles campos que queiras, sempre que o fagas antes do domingo 15 de xaneiro do 2018.
Como en anos anteriores, entre todas e todos os participantes sortearemos un magnífico lote de libros. Se queres participar neste sorteo recorda deixarnos os teus datos de contacto. Se es o gañador ou gañadora publicaremos o teu nome na listaxe de Os mellores libros do 2017.
IMPORTANTE: Para que o resultado final sexa o máis limpo posible levaremos ao igual que todos os anos un control de IPs duplicadas e tomaremos igualmente todas as medidas necesarias para evitar votacións que poidan dar pé a fraude nos resultados finais, incluíndo a eliminación de enquisas sospeitosas. Lembrade! É unha enquisa para escoller os mellores libros do ano, non aos escritor@s con máis número de amigos. Grazas pola vosa comprensión!
Pódese participar desde aquí.”