Farruco Graña: “Temos que converternos no centro do noso mundo e facernos con el”

Entrevista a Farruco Graña en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar o teu terceiro libro, Badaladas de Anllóns (Edicións Embora), no que volves á túa terra natal para contar novas historias.
– Farruco Graña (FG): Volvo á comarca de Bergantiños, onde o seu referente principal é Carballo, o concello onde nacín, aínda que a trama e os distintos relatos que conforman o libro fan referencia tanto a parroquias do concello de Carballo como da Laracha ou Ponteceso. E fai un salto cara á Mariña luguesa a raíz dunha peza musical de Rogelio Loureda que é ‘Campanas de Anllóns’.
– SG: Hai algún fío que una os relatos ademais do Anllóns?
– FG: O fío fundamental é o río Anllóns, as xentes do río, as campás do senfín de igrexas que van coroando todas as parroquias en torno ás cales se van desenvolvente o curso dos distintos afluentes que conforman o río. Ese é o fío fundamental, pero cada unha das historias ten entidade por si mesma, pero si que é certo que todas elas foron xurdindo segundo fun tendo ocorrencia de cada unha das historias, e acaban compartindo un certo ar de familia que poderiamos sintetizar no reto que foi para as nosas xentes dos dous últimos séculos ir afrontando os cambios que se lle presentaban, cambios derivados da transformación dunha sociedade netamente rural de finais do século XIX a unha sociedade cada vez máis urbana, ben sexa na cidade mesma ou nas vilas de referencia, pero tamén chegan eses cambios ás nosas aldeas. Nese sentido, o reto que supón afrontar eses cambios sen perder sinais de identidade dalgunha maneira van dando sentido aos distintos relatos. Os relatos parten, o primeiro deles, ‘O talismán’, do século XVI, que é un pouco a excepción, até os nosos días. Pero a maioría están ambientados no século XIX e XX, e tamén ten unha mirada singular ao mundo da emigración, sobre todo á europea. Procurei buscar o lado positivo ante a miseria e a pobreza que asolaba as vidas de moitas das nosas xentes, buscar o reto da aventura. Nese sentido, o fío condutor é o reto da aparición da transformación da nosa sociedade, cada vez máis urbana e tamén como conservar os sinais de identidade, porque ás veces ese ar de urbanidade, de nos deixamos levar polos tempos, pode acabar desembocando en abandonar as nosas raíces, e iso nunca. E iso dalgunha maneira procuro representalo nas diferentes vivencias que teñen as persoas que dan vida a estas historias. (…)
– SG: Levas escribindo desde a universidade, e agora compaxinas a escrita coa docencia e co teu labor político, tamén no terreo da xestión cultural. Como ves o sistema literario galego desde todas esas perspectivas?
– FG: O sistema literario galego salta á vista que está atravesando anos difíciles. De feito, no libro eu falo de que estes son tempos similares aos dunha guerra. Non hai mortes tan evidentes, nin edificios derrubados, pero no plano inmaterial hai moitísimos lazos, moitísima actividade que desapareceu e parece que pasou por aquí a apisonadora dunha guerra e, posteriormente, a consecuente represión do bando vencedor. Cal é o vencedor nesta ocasión? É o sálvese quen poida e quen non, que se apañe, a insolidariedade… Nese sentido a destrución foi importante e reconstruír todos eses lazos e lograr reconducir a actividade cultural está costando. Iso si, tamén espertou moito a imaxinación, non tanto no plano literario, senón no mundo do espectáculo, en maneiras de facer, en como os grupos musicais se van reestruturando e se foron combinando entre si para facer máis asequible a súa oferta. A xente non quedou parada, moveuse, pero foron anos duros. Eu no labor institucional como concelleiro de Cultura só levo dous anos, pero anteriormente na asociación Francisco Lanza de Ribadeo, decatábaste de que era era moi difícil. Mesmo aínda que haxa vontade política, os recursos minguaron moito, e o do libro é unha situación difícil. Eu non quero ser pesimista e quero mirar para adiante e achegar o meu minúsculo grao de area, pero hai que potenciar o libro galego e a nivel comarcal e local temos un papel importante que cumprir porque se non, pintan bastos. Pero quero ser optimista, iso si, co traballo de todos os días, non optimista de sentar e agardar a que pase o temporal. Non, movéndonos, facendo cousas e aventurándonos.”

22 segundos, de Eva Mejuto, por Eli Ríos

Desde A Sega:
“”O que non se di é coma se non existise, dixéralle o avó un día, e xa ían sendo horas de existir. Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro” (p. 9). Estas primeiras liñas coas que comeza a novela de Eva Mejuto xa nos sitúan nunha temática de “portas para dentro”. Esa que non só resultaba invisible para as personaxes do relato senón tamén para a sociedade.
22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe_sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.” (contraportada). A escolla desa primeira persoa é un acerto por parte da autora porque nos aproxima a unha realidade continuamente ignorada. Si, é certo, que todas as persoas escoitamos falar de homes e mulleres trans, pero comprendemos o que significa? comprendemos os atrancos que as leis supoñen nun país no que nos manifestamos pola liberdade sexual de cada quen? comprendemos, e pregunto con sinceridade, o que supón o día a día nun mundo completamente inzado de prexuízos? Pois esa primeira persoa, Alex, cóntanos o cotiá, os problemas no diario, pero non só. Eva Mejuto opta por facer unha narración positiva, desde o respecto e cun amor infindo. Un amor infindo na familia ( nesa figura do avó que nos emociona páxina tras páxina), na parella ou no mesmo Alex no seu proceso de autocoñecemento e transición. Esta elección non é secundaria. Todo o contrario. Dignificar o contexto ou os procesos crea unha serie de referentes no que as persoas adolescentes que lean esta obra poden encontrar un espello no que mirarse. E son referentes positivos porque, para poder cambiar as cousas, é necesario construír. Pouco a pouco, pero construír. (…)”

Susana Villamor e Cruz Martínez, gañadora e finalista do V Concurso de micro-relatos OZOCOgz

Desde Sermos Galiza:
OZOCOgz entregou en Pazos de Arenteiro (Borobás) os premios do seu concurso literario de micro-relatos, que este ano facía a súa quinta edición. A gañadora do primeiro premio foi Susana Villamor, unha viguesa residente en Moaña (Morrazo) desde hai 26 anos e que xa sabe o que é gañar un concurso de micro-relatos: o da Lonxa Literaria de Moaña. Recibiu un diploma, un vale para a estancia dunha noite na casa de turismo rural Aldea Pazos de Arenteiro, unha camisola OZOCOgz, un lote de libros obsequio da deputación ourensá e un agasallo da asociación de diminuídos psíquicos Aaspadisi do Carballiño.
Cruz Martínez foi finalista e recibiu diploma, unha camisola OZOCOgz, lote de libros obsequio da Deputación de Ourense e agasallo da xente de Aspasidi. Nada en Armenteira (Meis) é colaboradora habitual de Sermos Galiza e Praza Pública. Gañou diferentes premios literarios, entre eles o XXII e o XXVI Certame Rosalía de Castro de poesía.
Antes da entrega de premios houbo un pequeno recital de música e poesía no que interviron Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Alexandre Cabanelas, Dani Soldevilla e Puntxa Rivers.”

A Coruña: entrega de premios da VII edición de Inspiraciencia

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, e que pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar a creación literaria como forma libre e persoal de achegamento ao pensamento científico e de explorar realidades antes non imaxinadas.

A AELG colabora ofertando prazas ás persoas gañadoras nos obradoiros da súa Escola de Escritores/as.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30

O venres 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Concerto-presentación de Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Nova Galicia Edicións. Participan Miguel Alonso, Servando Barreiro, Malvares de Moscoso e Maese Pedrido.
19:00 h. Miguel Alonso presenta O caso Quintana, publicado por Belagua.
19:45 h. Raquel Castro presenta Bestiario doméstico, publicado por Galaxia. No acto estará acompañada por Francisco Castro.
20:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina exemplares de Clara e o rapto do solpor, na caseta da Libraría Pedreira.
21:15 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. Participa Ánxela Gracián.

Gondomar: faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete

O venres 30 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete, publicado por Laiovento.

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30

O venres 30 de xuño comeza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Presentación do libro Aldeas sen voz, publicado por Canela.
20:00 h. Inauguración a cargo do concelleiro de cultura, Farruco Graña. Pregón da Feira, a cargo de Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Riadeo.
20:30 h. Humor e narración oral a cargo de Lois Pérez, con “Sacar a lingua a p(r)acer”.

Eva Mejuto: “Aínda quedan moitas cousas das que falar”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra (foto da Festa dos Libros 2017):
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A súa primeira novela [22 segundos] é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
– Eva Mejuto (EM): É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama El sexo sentido, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo. (…)
– DP: A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
– EM: Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.”