Compostela: A Lei do libro 2006 a debate, o 19 de abril

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

PROGRAMA

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo, Universidade da Coruña

Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo
Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas, AELG
Pilar Rodríguez, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición aquí.
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Día Mundial da Poesía con Yolanda Castaño

Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Con 17 anos ‘elevou as pálpebras‘ e xa non puido parar de exhalar versos. A poesía vai canda ela a Nova Delhi, a París ou a Bilbao, de onde acaba de chegar. Desde hai 9 anos mesmo consegue que dialoguen poemas e poetas do mundo nese punto de confluencia que é o ciclo Poetas Di(n)versos. Hai xa tempo que queriamos que volvese ao Zigzag, e hoxe (21 de marzo) era o día perfecto. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Yolanda Castaño

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 24 de marzo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Entrevista a Ana Romaní en Zigzag

Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
Ana Romaní ocupará a vacante de Xohana Torres na Real Academia Galega. Ollada de xénero, poesía e xornalismo cultural entran nunha institución cun plenario maioritariamente masculino, e que nos últimos anos segue a loitar por unha maior presenza da muller coa chegada de Fina Casalderrey, Chus Pato ou Marilar Aleixandre. Hoxe, esperamos a que Ana Romaní saíse do seu Diario Cultural da Radio Galega para roubarlle uns minutos de conversa. A entrevista pode verse aquí.”

Rosalía Fernández Rial, sobre Bonus Track: “Hai unha evolución que é inherente á persoa”

Artigo en La Voz de Galicia:
“A carballesa Rosalía Fernández Rial presentou na biblioteca Rego da Balsa, «na casa», a súa nova obra Bonus Track e a súa primeira aproximación ao vasto mundo do relato. Bonus Track por dous motivos, di Fernández Rial. O primeiro, pola gran carga musical que leva consigo o libro, pois as cancións actúan como fío condutor ao longo de toda a obra. A segunda razón corresponde a un aspecto máis íntimo, máis poético.
«Correspóndese con iso que sentimos cando nalgún momento da nosa vida nos parece que non queda nada, pero de repente aparece un bonus track que nos fai recuperar a esperanza», explicaba Rosalía en Radio Voz o pasado mércores. Isto é, dun xeito ou doutro, o que lles sucede aos protagonistas dos 22 relatos que compoñen este volume, cuxa mensaxe principal radica no positivismo, na esperanza.
«Na sinopse, de feito, excribín: Son relatos que tecín con letras de cancións e con derradeiras esperanzas. Non me gusta condicionar moito ao lector á hora de interpretar a obra, non creo que a escritora sexa a que teña a visión máis obxectiva, nin moito menos», apuntaba. Gran paso o dado por Fernández Rial nesta obra, pois abandona momentaneamente a lírica, o que dende sempre foi o seu campo por excelencia. Aínda así, explica ela, os relatos levan implícita unha gran carga poética, «aínda que o xeito de escribir sexa diferente. Hai unha evolución que é inherente á persoa. Os cambios que vou sufrindo eu vense reflectidos na miña escrita».
Ao seu potencial público obxectivo indícalle que se «deixe levar», non só polas verbas, senón pola musicalidade. De feito, anímaos a escoitar unha listaxe de reprodución feita pública pola editorial na que figuran todos os temas que soan ao longo da obra. «Considero que pode enriquecer enormemente o relato, xa se escoiten antes, durante ou despois». (…)”