Pontevedra: presentación da edición de Follas Novas, de Rosalía de Castro, feita por Anxo Angueira
O xoves 12 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, terá lugar a presentación do libro Follas novas de Rosalía de Castro en edición de Anxo Angueira. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participa, xunto ao editor, Manuel Bragado.
Madrid: presentación de Sacar a bailar, de Rosalía Fernández Rial
V Edición de Microcatrorrelatos, 2017
Compostela: presentación de Galegos universais. Influencia de Galicia no mundo
Bases do XX Concurso de Poesía Concello de Carral
Compostela: obradoiro de poesía dirixido por Eduardo Estévez
A Coruña: obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez
O obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez, consiste en catro sesións sobre viaxes, que terán lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, os días 18 e 24 de xaneiro, e 1 e 8 de febreiro, a partir das 20:00 horas. A actividade é de entrada libre e sen preinscrición.
O contido é o seguinte:
– Viaxar aos mundos da emoción para acender os sentidos: 4 obradoiros con 18 lugares elixidos + unha despedida: Galiza.
– 4 sesións de hora e quince minutos cada unha, coa participación d@s asistentes.
– No 1º obradoiro repartirase unha carpeta para ir gardando as 5 fotos de cada sesión.
– En cada foto haberá un espazo para que cada participante escriba unha palabra ou frase sobre o lugar tratado, de xeito que ao final da sesión poidamos comentar os distintos sentires.
– Nas sesións haberá imaxes, vídeos, música, extractos orais ou cinematográficos que axuden á vivencia das emocións e á comunicación entre @s asistentes.
– A última sesión dedicarémola a Galiza como despedida do obradoiro e conclusións das distintas sesións.
– Posteriormente ao ciclo e durante o ano 2017, faranse 2 viaxes: unha por Galiza, e outra a un país do estranxeiro e ao lugar que fose elixido por quen asistisen ás 4 sesións do ciclo.
Henrique Rabuñal: “O escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito”
Entrevista a Henrique Rabuñal en Suma Ágora:
“(…) – Suma Ágora (SA): Hai algunha faceta na que ti te sintas máis cómodo?
– Henrique Rabuñal (HR): A verdade é que me sinto cómodo en moitas, pero especialmente na da poesía. Nunca deixei de escribir poesía e considéroa a como unha necesidade case desta sociedade. Ás veces comento cos alumnos, que teñen unha visión da poesía como algo que non vai con eles, que non é do seu tempo, que non di cousas que teñan que ver con eles e dígolles eu, que equivocados estades porque a poesía, como tantas cousas da literatura e da cultura, están moi pendentes do que nos pasa aos seres humanos.
– SA: E ti en que te inspiras para escribir?
– HR: Eu creo que en todo proceso de creación na escrita hai dous momentos ou dúas vertentes. A que ten que ver contigo, e eu moitas veces penso que o escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito, exhibe a súa intimidade, os seus dramas, os seus problemas. Todo ese mundo interior está en xeral no traballo literario e tamén no traballo poético. Por exemplo, a morte de meu pai suscitoume escrita e reflexión, a miña familia, a vida amorosa, a relación coas claves infantís, coa paisaxe, a interacción coa cidade. Eu son unha persoa moi preocupada pola cidade, escribín unha pequena historia da Coruña, A Coruña na historia, porque me interesa moito a vida institucional pero tamén esa intrahistoria. Entón dicía, por un lado esa viaxe cara dentro, pero despois obviamente na historia da literatura e da arte en xeral hai que estar moi atentos ao que acontece ao teu arredor, ás persoas que conviven contigo. Eu tamén intento introducir na miña literatura o que poderíamos chamar en xeral a temática social, as guerras, temas que teñen que ver tamén coa identidade e a lingua propia. (…)
– SA: Entón, cal á a túa visión da produción literaria en lingua galega na actualidade?
– HR: Eu creo que chegamos a uns niveis de excelencia impensables. Non quero facer comparacións porque son moi perigosas, pero eu que coñezo ben a literatura galega do XIX, da primeira parte do XX, digamos os clásicos da literatura galega e agora penso nalgunhas figuras, algunhas que xa non están con nós como podía ser Agustín Fernández Paz ou outras que si están, incluso de xente máis nova, e digo que novelística temos en galego máis impresionante! De calidade, de variedade, de todos os rexistros, para todos os públicos, todos os temas, incluso moitas cousas que están de moda no mundo foron anunciados ou foron xa cultivados na literatura galega. Sobre todo na narrativa, pero na poesía tamén hai unha renovación permanente. E no teatro, pasa como case sempre, hai moitos problemas para ser editado e nótanse os recortes que houbo no número de compañías e actrices, actores e outros técnicos do teatro o están pasando mal. Tamén houbo unha redución drástica dos medios de comunicación en galego, aínda que naceron marabillas como a Revista Luzes ou Tempos Novos. Entón a miña é unha visión de que estamos na excelencia e tal vez, como dicía un amigo meu, nunca tanto se leu a pesar de que se di que se le pouco, pero claro, no ano 1950 líase moitísimo menos e no 75 moitísimo menos. Entón nese sentido algo de esperanza teño, a pesar de que onte lía un traballo dun sociolingüista da Universidade da Coruña que dicía que os nenos das cidades galegas cada vez viven máis alleos á lingua galega. (…)”
Bases do V Certame de Relato Curto con publicación
“UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións.
Mostra o que ocorre e ensina a historia a través da acción estruturada en tres partes (introdución, nó e desenlace) deixando ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado.
Os principais obxectivos deste certame son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
1º Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega. Cando se promovan dende os colexios e institutos, serán descartados os grupos de relatos de temática semellante.
2º Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares ou profesorado).
3º Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.
4º Os relatos enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org
5º Enviaranse dous arquivos no mesmo correo:
1. Denominado DATOS (este arquivo é para a organización) no que figurará o relato completo e os seguintes datos do/a participante:
• o pseudónimo utilizado
• o nome e apelidos do autor/a
• o curso do alumno/a
• o centro escolar onde estuda o alumno/a
• o correo electrónico persoal
• o teléfono persoal
• o relato
2. Denominado RELATO (este arquivo é para o xurado) no que figurará:
• o título do relato
• o relato
• o pseudónimo utilizado
• a categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional ou adultos).
6º O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2017.
7º O xurado, formado por filólogos, escritores e/ou profesores e representantes de Kalandraka Editora, seleccionará os relatos finalistas de entre todos os presentados e designará entre eles catro relatos gañadores, un por cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos). A deliberación do xurado darase a coñecer no mes de maio de 2017. Os relatos gañadores nomearanse no acto de entrega de premios.
8º Os premios serán os seguintes:
• Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka,
un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas.
• Para os autores e autoras dos cinco mellores textos de cada categoría: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
• Para todas as persoas gañadoras e finalistas do certame (máximo 120): un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por
un escritor profesional Xabier P. Docampo.
• Tanto os relatos gañadores coma os finalistas publicaranse no Diario de Pontevedra.
9º A obra será propiedade da entidade organizadora, polo que os autores e autoras aceptan ceder todos os seus dereitos e a corrección gramatical e léxica para a súa publicación.
10º Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.
11º A participación no certame implica a aceptación das bases e a súa interpretación é responsabilidade da organización do certame.
12º Os datos persoais incluídos neste certame só serán coñecidos pola organización do concurso, quen garante o anonimato dos autores e autoras dos relatos durante todo o proceso de selección e deliberación do xurado e serán obxecto de tratamento automatizado no ficheiro da Federación cuxa finalidade é a xestión e control dos premios concedidos polo xurado. Os seus datos persoais non serán comunicados ou cedidos a terceiros. O interesado ou interesada poderá revogar o seu consentimento así como exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo de correo: certame.relatocurto@nontedurmas.org”