Crónica videográfica do XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Teoría de contrarios (I)

ObannerXICicloEscritoras-es_na_Universidade XI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Teoría dos contrarios. Arredor de camiños diverxentes non necesariamente excluíntes, tivo lugar do 26 de setembro ao 19 de outubro no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, con entrada libre.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa dos actos, da que destacamos hoxe as intervencións do 26 de setembro, baixo o título Literatura e/ou mercado?:

Inauguración do XI ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Teoría de Contrarios. Con Henrique Costas, Cesáreo Sánchez, Maribel del Pozo Triviño e Rexina Rodríguez Vega.

1Literatura e/ou mercado? Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego. Con Susana Sánchez Arins e Xesús Constela.

2Quenda de Preguntas. Literatura e/ou mercado? Reflexión sobre o concepto de gran público no sistema literario galego. Con Susana Sánchez Arins e Xesús Constela.

3

Afonso Becerra, coordinador de Literatura Dramática nunhas xornadas da AELG

Desde Afonso Becerrao Diario Cultural da Radio Galega:
Afonso Becerra coordina a sección de Literatura Dramática da AELG que organiza na Coruña a I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional. Na súa opinión, ‘a literatura dramática non se edita, non se estuda, non se escenifica. Non existe’. Pode accederse á entrevista aquí.”

A AELG realiza unha xornada sobre Literatura Dramática e Teatro Nacional

Desdebannerixornadalitdramaelg2016 Sermos Galiza
“A sección de Literatura Dramática da AELG nace coa vontade de poñer fin á situación anómala que vive a literatura dramática dentro campo cultural galego, sendo “un xénero sen apenas publicacións e case inexistente nos nosos estudos académicos”, comenta para Sermos Galiza Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da asociación e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza. Este feito deixa ver “unha eiva grande da literatura e cultura galegas”, engade. Trátase dun xénero que goza de prestixio noutras literaturas, representado por figuras imprescindíbeis como Shakespeare, Lorca ou o galego Valle-Inclán. E é que “non se pode estudar nin entender a literatura española sen considerar Luces de Bohemia ou La casa de Bernanda Alba”, aliás na Galiza esta situación de total descoñecemento da literatura dramática “denota que temos un sistema literario e cultural anómalo”. Unha situación cando menos preocupante dun xénero que se move entre o teatro e a literatura.
A I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional, baixo coordinación de Afonso Becerra, érguese como “un espazo onde realizar unha análise e partillar coñecementos sobre literatura dramática galega”, un encontro idóneo para poñer sobre a mesa a situación actual deste xénero en Galiza e “sacar algunha acción que nós poidamos levar adiante porque eu non creo que as institucións nos vaian a quitar as castañas do lume”.
Desde a organización propoñen un par de actividades, dous encontros abertos para todas as persoas interesadas, desde as dramaturgas e dramaturgos, estudosos das artes escénicas contemporáneas e tamén para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais. O interesante destas xornadas é que teñen non só un valor simbólico, “mais tamén de utilidade, deseñadas cunha clara orientación de proveito, laboral incluso, para que sexa rendíbel na nosa realidade cultural, e este é un pouco o obxectivo”. (…)”

A Coruña: presentación de Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena

OXosé Ramón Pena martes 8 de novembro, ás 11:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar unha roda de prensa-presentación do libro Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.

Xavier Queipo gaña o premio de poesía erótica Illas Sisargas con O Home Invisíbel

DesdeXavier Queipo Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo acaba de ser distinguido co XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por un poemario intitulado O Home Invisíbel.
O xuri do certame reuniuse na Coruña a pasada sexta feira e estivo composto por, na súa calidade de presidente, Francisco Souto, secretario da asociación cultural Caldeirón, ben como polo gañador da edición anterior, Mário J. Herrero, e por Antón Lois Noceda, animador sociocultural do concello de Malpica, que actuou como secretario.
Un total de 19 obras concorreron a este premio.
O fallo do xuri foi emitido por unanimidade e nel valorouse “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”.
Convocou este premio a Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do concello de Malpica.”

O Pleno da Real Academia Galega elixe a Chus Pato académica de número

Desde chus-pato-raga Real Academia Galega (foto da RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, na sesión que celebrou o sábado 5 de novembro, elixiu académica numeraria a María Xesús Pato Díaz. A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. Na mesma xuntanza de hoxe tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez.
Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, sen esquecer un arraigado compromiso ético coa condición feminina e co país, desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais. A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras. (…)
No mesmo Pleno foi elixido ademais novo académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle – Ourense, 1947). Docente de formación, compaxinou este labor cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía, recollida en numerosos artigos e libros e recoñecida desde hai tempo con numerosos premios. (…)”

Aberto o prazo de inscrición no curso: O folclore como recurso na estimulación cognitiva de persoas con demencia?

curso_folclore_e_alzh_imer_O Departamento de Educación do Museo do Pobo Galego e a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencias Tipo Alzhéimer (AGADEA) colaboran, desde 2006, coa finalidade de estimular, a partir do patrimonio cultural que o Museo atesoura, ás persoas con demencias tipo alzhéimer. Como froito deste traballo, nace en 2016 a guía Activando a Memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva, pensada para implementarse desde o ámbito da educación patrimonial e da terapia cognitiva.
No curso O folclore como recurso na estimulación cognitiva de persoas con demencia?, Beatriz Rey e Carme Campo, coautoras da guía, explicarán as diferentes fases de traballo para elaborar estes materiais e porán en práctica varios dos exercicios recollidos nela.
Será no mércores 23 de Novembro, de 16:00 h. a 19:00 h. no auditorio do Museo do Pobo Galego. Está dirixido a persoas do ámbito terapéutico, das eduación patrimonial e a coidadores e coidadoras de persoas con doenzas tipo alzhéimer.
O curso é gratuíto e conta con prazas limitadas polo que é necesario inscribirse antes do 18 de Novembro en deac@museodopobo.gal ou no 981 583 620.