A Coruña: Atmosferas, recital poético en diálogo coa música de Aida Saco Beiroa

OAida Saco 1 venres 1 de xullo, ás 21:00 horas, en Maquinaria Pesada (Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar Atmosferas, un recital poético en diálogo coa música en directo de Aida Saco Beiroa. Participan: Sonia Andrade, Pedro Casteleiro, François Davo, María José Fernández, Alfredo Ferreiro, Xosé Iglesias, Antom Laia, Tati Mancebo, Luís Mazás, Teresa Ramiro, Paco Souto e Ramiro Torres.

Alaia e a deusa, por Eli Ríos

DesdeEli Ríos A Sega:
“Como estes días anda tanto na moda o concepto de narrador mainsplainer, ou “home explicador“, recoñezo que comecei esta novela procurando marcas de xénero masculino e… quedei gratamente sorprendida! Ata a última páxina! Só me incomodou un chisquiño o feito de que, en varias ocasións, se referise á protagonista como “a neria”, pero, dándolle unhas voltas, concluín que, estilisticamente, non só é necesario senón imprescindible. Ou iso ou os deícticos ían ser unha tortura á hora de ler.
Recoñezo, tamén, que cando rematei a lectura tiña unha curiosidade case animal por coñecer a recepción desta obra e aló me lancei á rede. Oh, oh, oh! Sorpresa… Un par de críticas bastante destrutivas sobre o concepto do amor presentado nesta novela e unha boa morea de recomendacións de lectura nas revistas feitas por alumnas e alumnos de Secundaria. Sorpresa, pero non estrañeza. Por que? Imos ao allo! (…)
Outro tipo de narradores son posibles na ficción como é o caso e… aínda máis… Non procuredes aquí unha obra didáctica porque nada máis lonxe da realidade. Todo o comentado acae na narración cunha naturalidade nada artificial e o galego coidadísimo fan de Alaia e a deusa unha novela para desfrutar desde a primeira páxina ata a última. Si. Ata a última porque o xiro do final… (ata aquí podo ler)”

Compostela: representación de Manar: a derradeira caravana, de Lino Braxe

OLino Braxe venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (Rúa das Salvadas, s/n, Parque Vista Alegre), represéntase Manar: a derradeira caravana, de Lino Braxe e a compañía Teatro Proscrito. A obra chega a Compostela coa actriz Sabela Hermida e os músicos Hames Bitar (laúde) e Luís Taberna (percusión).

A edición en galego descendeu en 2015 mentres o sector medrou a nivel estatal

Desde Cultura Galega:
“A produción editorial en galego é a única que descende no conxunto do Estado. Así o revelan os datos da Panorámica de la Edición Española de Libros 2015 dos cales acaba de facer público un avance o Ministerio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. En concreto, en 2015 a publicación de obras na nosa lingua baixou un 3,1%, mentres o conxunto da edición estatal medrou o 2,8%, segundo recollen as cifras do ISBN. O noso é o único idioma estatal á baixa, xa que as publicacións en valenciano subiron un 22,2%, as feitas en catalán un 13,3% e as que saíron en euskera foron un 8,5% máis. A seguir estas cifras, a edición en galego supón o 1,9% da que se realiza no Estado, fronte ao 84,7% que se desenvolve en castelán, o 10% do catalán e o 1,7% do valenciano e do euskera.
En total, publicáronse en Galicia durante 2015 2.266 obras, das cales 1.394 foron en galego. Nos dous casos mantense a tendencia descendente que predomina desde 2011, cando se editaran 3.006 libros dos que 1.711 sairan na nosa lingua. Tamén a tradución se mantén á baixa, que nese período descendeu de 95 a 64 títulos vertidos para o galego.”

Compostela: presentación de A oseira, de Antón Blanco

OA oseira venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase A oseira, primeiro libro de Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996). No acto intervirán, xunto ao autor, Antón Lopo e Gonzalo Hermo. Pechará a sesión o pianista e poeta Afonso Traficante, compañeiro de Antón Blanco no proxecto musical Canine.

Crónica da homenaxe “A Escritora na súa Terra – Letra E” a Helena Villar Janeiro

CRÓNICA

Mirarei este mar
cos ollos que hoxe inscribo nesta pedra.
Navegarei solpores en Rianxo
sen antes ter eu sido mariñeira.

Helena Villar Janeiro

Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire. 

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro, quen xa é Socia de Honra da AELG. Entregouselle en Rianxo o 25 de xuño, na que foi a vixésimo segunda edición desta homenaxe.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que foi homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Vexa aquí a crónica fotográfica completa da homenaxe (da autoría de Eduardo Castro Bal – A. C. Alexandre Bóveda – Ollo de vidro)

PROGRAMA

Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora)

Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello)

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro.

14:00 h. Xantar no Pazo de Rianxiño

Xantar de confraternidade.

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1

OFeira do Libro de Ribadeo 2016 venres 1 comeza a III Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Presentación de Lendo lendas, digo versos e Galicia encantada, con Antonio Reigosa, publicados por Xerais.
18:45 h. Conversa con Pedro Feijóo arredor de Morena, perigosa e románica, publicada por Xerais.
19:30 h. Faladoiro con Ledicia Costas: Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta, publicados por Xerais.
19:30 h. Sesión de sinatura de oso, mamá si?, con María Lado.
20:00 h. Inauguración da Feira do Libro. Intervencións: Farruco Graña, Concelleiro de Cultura. Pregón inaugural a cargo de Antonio Reigosa.
20:30 h. Presentación de Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata), con Pablo Vivín e Ramón Villares, publicado polo Consello da Cultura Galega.
21:15 h. Sempre en Ibiza. Aldaolado.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1

OFeira do Libro de Vigo 2016 venres 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:00 h. Pregón de Antonio García Teijeiro. Ao remate o autor asinará exemplares da súa obra na caseta da secretaría da feira.
19:00 h. Presentación dos libros de teatro As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Haberá unha representación teatral dun fragmento das dúas obras.
19:30 h. Sinatura de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
20:30 h. Presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Marga Romero, José Yuste Frías e Fran Alonso.

A casa das moças narcotizadas, por Susana Sánchez Arins

DesdeSusana Sánchez Arins AELG a A Sega:
“Lemos A casa das belas adormentadas para o clube de leitura. Conhecia o título por fazê-lo parte da coleção de Rinoceronte Editora, mas nunca cheguei a pegar nele. Tocava ler e lim. Recorreram os meus olhos as primeiras páginas e fiquei chocada. (…)
Evocação da mocidade, agressão sexual, arremedo de companhia, agressão sexual, gozar da contemplação da beleza, agressão sexual, a tentação duma última aventura, agressão sexual, deixar-se levar pola nostalgia, agressão sexual, dormir abraçado a um corpo suave, cálido e novo, agressão sexual, superar a timidez e a tristura que causa ensinar o corpo avelhentado, agressão sexual, o fervor mesmo religioso, agressão sexual, a absolvição de um passado turvo, agressão sexual.
É possível que só nosoutras vejamos uma agressão sexual no fato de dormir (sem permissão) com uma mulher inconsciente ? Ninguém mais leu uma agressão sexual no ato de mirá-la sem permissão, de admirá-la sem permissão, de acarinhá-la sem permissão, de uli-la sem permissão, de mexê-la sem permissão? Nenhuma das recensões, comentários, recomendações, que li sobre o livro reflexiona sobre isto, ou chama a atenção sobre isto, ou simplesmente explicita isto no seu discurso.
Todas oferecem uma “asepsia descritiva” que a mim me provoca arcadas, vontade de ghomitar todo o cânone literário que levo anos suportando sem mastigar nem reagir. (…)”