A Coruña: actividades destacadas do xoves 17 en Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura

Do 4-DIPTICO-ABECEDARI@xoves 17 ao domingo 20 de decembro celébrase no Mercado de San Agustín da Coruña Abecedari@. I Salón do Libro e a Lectura, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 horas, e con entrada libre e gratuíta para o público interesado, nun evento organizado pola Asociación de Editores Coruñeses. Estas son as actividades destacadas previstas para o xoves 17 de decembro, dentro do seu programa: Abecedari@ 2015:

18:00 h. Contacontos Suleimán e Salúa, con Ali Ali e Francisco X. Fernández Naval.
19:30 h. Mário Herrero asina exemplares das súas obras no espazo da Livraria Suévia.
21:00 h. Presentación do libro 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca. A obra é tamén unha homenaxe ao editor Ánxel Casal, no día en que se celebra o 120 aniversario do seu nacemento.

O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás

DesdeManuel María Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”

Fervenzas Literarias. Enquisa para Os mellores libros do 2015

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Como cada mes de decembro nos últimos nove anos, en Fervenzas Literarias abrimos esta fiestra virtual para que as lectores e os lectores poidades dar as vosas valoracións sobre o que aconteceu -literariamente falando- no ano 2015.
Os lectores somos un elo indispensable na cadea do libro, por iso faise necesario que deamos a nosa opinión, que valoremos e escollamos libremente sobre os nosos gustos e as nosas preferencias e, en certa medida, que homenaxeemos a todas esas lecturas realizadas que nos avegaron. Velaquí tedes unha oportunidade para facelo. E nós, encantados de que o fagas!
A enquisa estará aberta ata o xoves 14 de xaneiro. Ao longo deste mes podes votar sobre o teu libro favorito de narrativa, de poesía, de ensaio, a mellor libraría, a mellor ilustradora ou ilustrador… Aquí ti fas as listas dos mellores libros do 2015!
Entre as e os participantes sortearemos un lote de libros. Agardamos polos teus votos!

Pódese participar desde aquí.”