Roteiro Neixón no abrente da historia, con Milagros Torrado Cespón, o 20 de setembro

O Roteiro Neixón no abrente da historia, guiado por Milagros Torrado Cespón, forma parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. Esta actividade, subvencionada pola Deputación da Coruña, conta tamén coa colaboración da A. C. Barbantia e o Concello de Boiro.

– O roteiro presencial terá lugar o domingo 20 de setembro de 2026, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de encontro inicial a saída da porta do Centro Arqueolóxico do Barbanza (Neixón. Nine, s/n. Cespón, Concello de Boiro).

– A actividade é gratuíta e non é necesaria inscrición previa.

– Nota: é preciso levar calzado axeitado, dado que se vai ir polo monte.

“Hai case vinte anos que Pepe Carreiro nos presentou a Manicho Cativo, ese rapaz rebuldeiro que vivía no castro de Neixón e frecuentaba asiduamente os seus coetáneos de Baroña. Vinde, xentes, coñecer a súa historia mentres imaxinamos o baile do sol sobre Cortegada no enclave privilexiado onde o río Beluso se funde coa ría de Arousa. Poderiamos preguntarlle aos habitantes do promontorio se xa daquela cantaban o de “Vaite de aí, vaite vaite / cara de leite fervido, / xa me dixo miña nai que tiñas o mal cativo” como apuntara Bouza Brey a principios do século XX ou se para quitar ese mal recollían loureiros que queimaban nunha fogueira de vidras sobre tellas virxes como indica Milagros Torrado xa no século XXI. Seguiremos camiñando para intuír a vida nos castros, inzados de marisco e, se Manicho Cativo tiña razón, lambetadas do mel que os osos deixaban para eles. Debullaremos as fontes históricas e arqueolóxicas dun asentamento que se segue a encher de bulicio na súa romaxe de agosto en convivencia harmónica entre o relixioso e o pagán e que tamén coñeceu as noites arriscadas daqueles tempos predecesores de Fariña. E, como non, quedaremos mirando o interior da nosa ría dende a punta lembrando a Manuel Maneiro, eterno habitante de Neixón.”

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Monforte: actividades do 29 de agosto na Feira do Libro 2026

Parada do Courel: XI Festival dos Eidos 2026

Otero Pedraio e Castelao, a historia dunha amizade perdurábel no tempo

Entrevista de Antón Escuredo a Patricia Arias Chachero en Nós Diario:
“(…) Partindo dunha conferencia sobre Ramón Otero Pedraio que realizou no IES Castelao de Vigo no curso 2024-2025, a profesora e catedrática de Lingua e Literatura Galega Patricia Arias Chachero reuniu 30 escritos que explican e contextualizan a intensa relación entre o señor de Trasalba e o político rianxeiro.
A iniciativa xurdiu tomando como punto de referencia a conferencia que Otero Pedraio realizou o 18 de setembro de 1971 no Museo Carlos Maside de Sada (comarca da Coruña) co título d’A miña amizade con Castelao. “Primeiro, Xosé Manuel Soutullo, e despois, Xesús Alonso Montero animáronme a ir máis alá e facer unha colectánea que creo que serve moi ben de ponte para fechar o ano Castelao e abrir o Oteriano”, explica a Nós Diario e investigadora.
Arias Chachero, nunha extensa introdución, fai un percorrido cronolóxico polo principais momentos vitais que viviron xuntos Otero e Castelao que despois aparecen nos textos do primeiro. Porén, a editora evita citar os textos que se reproducen no volume. “O primeiro é dos anos 30 e o último publicouse en 1995, mais foi en 1975, coincidindo co 25º aniversario da morte de Castelao, que don Ramón falou e escribiu sobre el”, sinala.
Malia o intenso traballo de procura de documentación, esta profesora asegura que aínda quedan inéditos por descubrir. “Castelao e Otero Pedraio son, se cadra, os autores máis traballados da nosa literatura e, aínda así, seguen aparecendo documentos inéditos, como me pasou a min cun texto de 1957 que forma parte do libro Do San Lucas ó San Xohán, aínda sen publicar, ou unha carta que escribe a Virxinia en 1954”, afirma Patricia Arias Chachero en conversa con Nós Diario.
Nos textos publicados nesta edición salienta a amizade “de irmáns” entre ambos os dous protagonistas mais tamén a profunda admiración de Otero cara a Castelao, até o punto de ver nos anos 30 a transcendencia nacional do rianxeiro. “Don Ramón comeza a reivindicalo con moitísima forza neses anos, en plena actividade política, e di que hai que facerlle unha homenaxe, unha idea que se materializaría en 1932”, relata a investigadora.
Nos textos que aparecen neste libro, Otero Pedraio describe como coñeceu Castelao en 1920 e os diferentes momentos que viviron xuntos. “Os anos en Madrid son anos de convivencia intensa. Castelao collía o tren en Pontevedra e, xa en Ourense, subía Otero Pedraio”, conta a profesora. Dese período con moita actividade política hai moitas anécdotas que afondan no carácter e na maneira de ser dos dous. “Unha delas é aquela que sucedeu nun hotel en Madrid cando Castelao lle conta a Valentín Paz Andrade que está pasmado por descubrir que Otero canta ópera cando se afeita e pide dous almorzos pola mañá”, pon de exemplo Arias Chachero.
A relación con Castelao tamén descobre un Otero Pedraio inédito, como cando escribe un artigo furibundo contra os que desterraron o rianxeiro a Badaxoz en 1934. “Don Ramón era un home moi sereno, que tendía pouco a maledicencia e aí está tan furioso que escribe con indignación un artigo no xornal El Sol, un medio de moita difusión na época”, indica esta investigadora. (…)”

Sonia Villapol: “O preocupante non son as pantallas senón o que poden desprazar: horas de sono, exercicio, conversas presenciais ou simple aburrimento”

Entrevista de Susana Rois a Sonia Villapol en Nós Diario:
“(…) Cerebro en modo ON nace deste interese triplo e da vontade de axudarnos a entender mellor o noso cerebro, “comprender por que pensamos, sentimos e nos comportamos de determinada maneira durante a adolescencia, e descubrir que podemos facer, e que debemos evitar, para coidalo e favorecer un desenvolvemento cerebral saudábel”.
– Nós Diario (ND): Coñecemos ben o cerebro humano e as súas calidades?
– Sonia Villapol (SV): Aínda estamos lonxe de coñecer ben o cerebro humano. Canto máis descubrimos, máis conscientes somos da súa enorme complexidade. Para min, o máis fascinante é a súa plasticidade: a capacidade de cambiar, adaptarse e reorganizarse coa aprendizaxe, as experiencias ou despois dunha lesión. Entender como podemos potenciar esa capacidade de reparación é un dos grandes retos da neurociencia, e curiosamente un dos temas que investigamos no meu laboratorio.
– ND: Como cambia o cerebro ao longo da vida e en que momento sofre a maior revolución?
– SV: O cerebro cambia continuamente ó longo de toda a vida. A maior revolución prodúcese durante a adolescencia, cando se reorganizan as conexións neuronais: elimínanse as menos útiles, o que chamamos a poda sináptica, e refórzanse outras. Reorganízanse e madura progresivamente a cortiza prefrontal, relacionada coa toma de decisións e o control dos impulsos. É unha etapa de enorme plasticidade na que as experiencias poden deixar unha pegada especialmente importante. No libro digo que é como podar unha árbore: non se fai porque estea mal, senón para que medre mellor.
– ND: Afirma que o cerebro pode adestrarse e que lle gusta sentir progreso. De que forma se transforma ou se constrúe cando experimenta estrés, toma de decisións ou motivación?
– SV: O cerebro constrúese e modifícase constantemente a partir do que facemos e experimentamos. Aquilo que repetimos tende a reforzar determinados circuítos neuronais: cando aprendemos algo, tomamos decisións ou superamos un reto, o cerebro vai consolidando esas conexións. Por iso dicimos que tamén podemos “adestralo”. A motivación é fundamental, e como saber acendela, aínda máis. Cando percibimos que avanzamos ou conseguimos un obxectivo, actívanse os circuítos cerebrais de recompensa, nos que a dopamina ten un papel importante, e iso anímanos a continuar e favorece a aprendizaxe. Pola contra, un estrés intenso e, sobre todo, mantido no tempo pode interferir coa memoria, a atención e a capacidade para tomar boas decisións. Incluso, estudos recentes vinculan o estrés e o trauma na infancia con cambios duradeiros no desenvolvemento e funcionamento do cerebro, que poden aumentar a vulnerabilidade a problemas de saúde mental e física na idade adulta. Por iso son tan importantes os hábitos: o que facemos cada día acaba moldeando o noso cerebro. Podemos aprender a establecer rutinas, reducir hábitos prexudiciais e reforzar aqueles que favorecen a saúde cerebral. Esa capacidade de cambiar coa experiencia é precisamente unha das grandes fortalezas do cerebro: a súa plasticidade. (…)”