Elvira Ribeiro acada o Premio Leiras Pulpeiro de poesía

DesdeElvira Ribeiro Sermos Galiza:
“O Concello de Mondoñedo vén de dar a acoñecer o IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, cuxa gañadora é Elvira Ribeiro pola obra Playlist para unha retirada.
Elvira Ribeiro (Cerponzóns, Pontevedra, 1971) acadou o primeiro premio, dotado con 1.500 euros; o segundo foi para Óscar García Ramos, da Coruña; e o terceiro para Martiño Maseda. (…)”

Gálix: Socia de Honra 2015, Helena Villar Janeiro

DesdeHelena Villar Gálix:
“A xunta directiva de GÁLIX reuniuse en Santiago e, por unanimidade, decidiu nomear Socia de Honra 2015 a Helena Villar Janeiro.
Co gallo deste nomeamento, celebraremos o 9 de decembro un acto aberto ao público para homenaxeala. Este evento terá lugar no IES Xelmirez I de Santiago de Compostela ás 13:30 h.
María Solar será a encargada de realizar a laudatio e logo o alumnado do centro participará coa lectura de textos de Helena Villar Janeiro e manterá con ela un diálogo sobre a súa obra e vivencias.
O Presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o seu nomeamento.”

Manuel Rivas: “Os depósitos de esperanza non están na política nestes momentos”

EntrevistaManuel Rivas a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“No Sermos en papel desta semana entrevistamos a Manuel Rivas e publicamos un adianto de O último día de Terranova, unha novela complexa, unha historia preñada de ducias doutras historias. (…)
– Sermos Galiza (SG): Parece unha homenaxe aos vellos libreiros, pero a verdade é que nesta novela hai un cento de historias que poderían dar para outra novela, ten moitas posibles ‘spin-off’.
– Manuel Rivas (MR): O que hai é unha confluencia de historias, de vidas reais e imaxinarias. A vida de Eliseo, que parece tan imaxinaria, resulta que é unha das máis reais do libro. Pero digamos que a imaxinación permítenos chegar a realidades, ensanchar, facer moito máis ampla a realidade, chegar a lugares descoñecidos, que é o que diferencia a literatura doutros xeitos de contar. A imaxinación é o lévedo da realidade. É que parece que está a realidade e despois o mundo da imaxinación e da fantasía. Pois non, non hai ningunha boa creación que se presente como froito da imaxinación que non teña amarre coa realidade. E unha compoñente fundamental da realidade é a memoria, sen memoria queda amputada, mesmo deixa de existir. A imaxinación necesita da memoria e viceversa, se non sería un faiado pechado do que non teriamos a chave. A imaxinación para levedar necesita do humus da memoria.
– SG: No “hipersector da comunicación”, como se definía os medios en Galiza nun traballo do Consello da Cultura no que participabas, tamén pasa iso de que non dá morto o vello e non dá nacido o novo…
– MR: Hai cousas, pero temos unha crise demográfica que si que afecta moito o mundo da comunicación. Para renovarse tamén necesitamos nova xente, novos lectores, estamos nunha especie de lento afundimento a nivel colectivo, porque Galiza está fóra de xogo politicamente, se existe e se manifesta é pola creatividade da xente en diferentes eidos. Por iso que existan medios como Sermos, como Luzes… pero eu confío moito na xente, xa non confío noutras cousas. Paréceme que non están á altura das circunstancias as ferramentas políticas que temos. Para min houbo unha proba neste momento, que era a gran confluencia en Galiza, unha grande oportunidade para termos unha alternativa de presenza en todo o que vai pasar no Estado. Por primeira vez había esa oportunidade e desaproveitouse toda esa forza que viña da primavera. Entón eu neste momento non quero saber nada de certas cousas. É dicir, vou dedicar a miña enerxía alí onde hai depósitos da esperanza. Penso que non están na política nestes momentos. (…)”

Bruxelas: Xavier Queipo e Ramón Neto participan nunha homenaxe a Pier Paolo Pasolini (actividade suspendida por causas alleas ao acto)

OPier Paolo Pasolini domingo 22 de novembro, no Passa Porta (International House of Literatura in Brussels), de Bruxelas, Xavier Queipo e Ramón Neto participan, como membros do Brussels Poetry Collective, participan nunha homenaxe a Pier Paolo Pasolini, a partir das 17:00 horas. O programa completo do acto pode consultase aquí.

Vigo: presentación de Figuras da finitude, de Francisco Sampedro

O Francisco Sampedrovenres 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase Figuras da finitude, de Francisco Sampedro, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Pepe Carreiro, Xabier Cordal e Xosé Luís Méndez Ferrín.