Desde Sermos Galiza:
“Por segundo ano consecutivo, a plataforma A Sega celebrará a súa conmemoración anual da lingua e literatura, o Día das Galegas nas Letras, que se desenvolverá o vindeiro 15 de agosto. Despois de dar un par de pistas, e a poucos días de que teña lugar a xornada festiva que a Academia Galega decidiu dedicar a Filgueira Valverde, A Sega desvela o nome da muller que protagonizará a súa segunda festa das letras, a escritora nada en Extremadura que viviu boa parte da súa en Pontevedra e acolleu o galego coma lingua literaria, María Victoria Moreno.
Neste ano cúmprese unha década da morte de Mª Victoria Moreno, o que permitiría que o seu nome fora xa barallado pola Academia Galega para vindeiros Días das Letras Galegas. A Plataforma de crítica feminista A Sega non vai agardar a que isto aconteza e, como no ano anterior, decide dedicarlle xa a súa conmemoración anual que naceu para conmemorar ás mulleres, con tan escasa presenza na historia do Día das Letras Galegas.
Natural de Cáceres, María Victoria Moreno chegou a Pontevedra en 1963, cidade onde residiría e impartiría aulas a maior parte da súa vida, nos institutos Valle Inclán e Torrente Ballester e cidade tamén na que acollería o galego como a súa lingua de comunicación e escrita literaria. (…)”
A Asociación de escritoras e escritores en lingua galega entrega en Lugo os seus premios anuais, Diario Cultural
Convocado o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
“Urco Editora, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e Restaurante Pingallo, convocan conxuntamente o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. (…)
Primeira:
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa conforme a unha das seguintes normativas: RAG, AGAL ou Acordo ortográfico da lingua portuguesa, cunha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250.
Segunda:
O prazo de entrega remata o día 31 de agosto de 2015 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.
Terceira:
Para garantir o anonimato, os orixinais presentaranse por quintuplicado e en soporte papel en tamaño DIN-A4, mecanografados en letra Times de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, e debidamente encadernados.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da obra.
Cuarta:
A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro.
Quinta:
O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta:
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima:
A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor, polo que Urco Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.
Oitava:
Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Novena:
O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, o día 1 de novembro de 2015.
Décima:
A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.”
María Neves Soutelo fálanos do poemario Nestes Días
O Couto, Ponteceso: Manuel Rivas no Festiletras
Vilaboa (Culleredo): tertulia sobre A represión franquista en Culleredo, con Carlos Pereira
O mércores 13 de maio, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de A represión franquista en Culleredo. A entrada será libre para o público interesado.
Aberto o prazo para o Premio Fotopoético Carballo Mirando ao Mar
Coñécense as persoas gañadoras do V Certame de Poesía María Mariño 2015
“Un xurado de honra integrado por Alfredo Conde, Juana Corsina, Marisol López, Paula Carballeira e Javier Crespán, foi o encargado de seleccionar os dous traballos gañadores do Primeiro e Segundo Premio do V Certame de Poesía María Mariño, entre os 50 traballos que se presentaron ao Certame este ano.
Tralo esforzo, resultaron gañadores co primeiro premio, Óscar García Ramos, mestre no Instituto de Betanzos e xa galardoado en outros eventos literarios, e María Teresa Iglesias Yugat, mestra no Instituo da Estrada.
Os galardoados recibirán o Premio no transcurso de una Gala Literaria que terá lugar no Hotel Congreso de Teo o vindeiro sábado, 16 de maio ás 21:30 horas.”
Cuestionario Proust: Alfonso Láuzara
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfonso Láuzara:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Nobreza plebea!
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que sexan boas persoas. Ou polo menos que sexan persoas!
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan auténticas e leais. Son esixente mais tamén o dou todo!
4.– A súa principal eiva?
– Quizais algo teimudo. E algunhas cualidades en exceso tampouco son boas.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita e tamén a conversa oral, moito.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en sintonía cos sentimentos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento extremo e caer no total desacougo, en especial polos seres queridos. A saúde e a dignidade son vitais.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ser feliz sen deixar nunca de ser eu mesmo. Eu nunca serei yo! hehe.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza soñada. A matria arelada dende o barrio de Teis sempre perto do mar.
10.– A súa cor favorita?
– Sempre foi a vermella. Hogano tamén a azul celeste e a violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Pois… non sei, quizais as rosas vermellas, as mapoulas, a herba de namorar…, se cadra moitas que nin coñezo! ha ha ha.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal na rúa e o corvo mariño na ría.
13.– A súa devoción na prosa?
– Buf!, moit@s! Cortázar, Kafka, García Márquez, Saramago, Blanco-Amor, Dieste, Castelao…
14.– E na poesía?
– Buf!, moitísim@s! Por varrer para casa: Ferrín, Novoneyra, Celso Emilio, Manuel Antonio, Manuel María… Rosalía naturalmente, ata poetas do meu tempo! E no plano internacional: Baudelaire, Walt Whitman, Lorca, Alberti, Eugénio de Andrade, Torga, Benedetti…
15.– Un libro?
– Complicada escolla. Direi O crepúsculo… ou calquera de contos de Ferrín.
16.– Un heroe de ficción?
– Eu son de realidades.
17.– Unha heroína?
– Da heroína paso! Xa teño dabondo co licor-café!
18.– A súa música favorita?
– Rock, cantautores/as de sempre, folk, jazz, blues…
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís, Chagall, Klimt, Picasso…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera nai-coraxe anónima ou loitadores/as silenciad@s.
21.– O seu nome favorito?
– Loaira, p. e., que é a miña sobriña. Gústame que teñan musicalidade, así moitos soen levar sons en “s” como sonia sara ou susana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A desconsideración total polos demais.
23.– O que máis odia?
– A ruindade, a hipocrisía e falsidade, a incoherencia. A traizón!
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Direi Hitler a xeito de metáfora de tantos inhumanos repugnantes que a Humanidade ten padecido.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos Cravos Vermelhos. E a Revolución Cubana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber facer feliz sempre a quen se quere, sobre todo a quen o merece.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Feliz, con amor e a conciencia tranquila.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Bo humor con ese punto necesario de mala hostia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inocencia. E o medo: quen ten cu, ten medo!, non? Malia que non gusto de covardes. Pasa o mesmo coa ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas aos demais o que non queiras que che fagan a ti. Tenta non facer dano gratuíto e loita sempre polo que queres.”
Obras gañadoras dos Premios AELG 2015
Estas son as obras gañadoras dos Premios AELG 2015, que premian as mellores obras editadas en 2014, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
– Blog literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás [https://cadernodacritica.wordpress.com/]
– Ensaio
Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)
– Literatura Infanto-Xuvenil
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro (Edicións Xerais de Galicia)
– Xornalismo Cultural
Montse Dopico
– Narrativa
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia)
– Poesía
A distancia do tambor, de Eva Veiga (Espiral Maior)
– Teatro
Obras completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)
– Tradución
A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, que tamén se entregaron na Gala das Letras:
– O premio Mestres e Mestras da Memoria, que chegou á súa terceira edición, que se concedeu a Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e a Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
– O Premio AELG Institucións 2015, que se concede a aquelas entidades que contribuísen á divulgación da lingua e cultura galega e que este ano, pola súa defensa dos dereitos profesionais dos/as xornalistas, por ter o idioma galego e o xornalismo cultural como prioridade, e por promover os valores éticos na escrita xornalística, foi concedido ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e polo seu empeño en que Galiza teña uns medios de comunicación galegos e en galego e, por tanto, pola súa contribución ao proceso de normalización lingüística e cultural, á Asociación de Medios en Galego. Recolleron o premio Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego.
– E máis o Premio AELG 2015 Escritor Galego Universal, que na súa décima edición recolleu o escritor brasileiro Luiz Ruffato; este galardón que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga, e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores e autoras que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
No transcurso da Gala das Letras a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou tamén o seu recoñecemento anual “Os Bos e Xenerosos”, que chegou este ano á súa duodécima edición e que supón un acto de recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura. Neste caso, pola súa contribución en diversos eidos do Xornalismo, sempre á altura das necesidades do seu tempo e, particularmente, por poñer os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en galego, foron nomeados Bos/Boas e Xenerosos/as Xosé María García Palmeiro, Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao e Tareixa Navaza.
A Gala das Letras contou coa actuación musical “Os sons esquecidos”, a cargo de Abraham Cupeiro e Iago González.
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
Co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes.