Vigo: Paseos polo Vigo literario

Paseos polo Vigo literario Paseos polo Vigo literario 2015é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Todos os paseos con saída ás 11:30 horas.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán).
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50.

Sábado, 9 de maio: Pedro Feijoo
Saída: A Oliveira.
No Paseo de Afonso XII, no número 2, ten o seu estudio o inefable Simón Varela, desde onde podemos baixar até a Porta do Sol, perdéndonos polo caso vello da cidade, tras os pasos de Daniel e León Beiroa. Desde a Porta do Sol e o teatro García Barbón até o calexo dos Caños, onde a Simón e a Mariña case lle parten os fociños os secuaces de herr Wessler, para descubrir a historia da vella rede de túneles esquecidos da cidade. A continuación baixariamos até a Alameda e desde aí ao Náutico, para, na compaña do mesmísimo Verne, botar un ollo ao noso redor, á procura da cidade case desaparecida…
Unha cidade chea de historia aínda visible para uns ollos atentos…

Sábado, 16 de maio: María Reimóndez
Saída: Praza de Independencia – Parada de taxis de Álvaro Cunqueiro.
Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos. (Prégase traer calzado cómodo. Cans benvidos).

Sábado, 23 de maio: Francisco Castro
Saída: Praza da Constitución.
Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela Tes ata as 10.

Entrevista a Antonio Reigosa

EntrevistaAntonio Reigosa a Antonio Reigosa na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a oralidade, a literatura popular?
– Antonio Reigosa (AR): O que denominamos oralidade é moito máis ca voz e palabras máis ou menos coordenadas ou organizadas nun discurso. A oralidade é un sistema integral de comunicación no que, ademais da voz, interveñen os nosos hábitos e costumes, a liguaxe xestual, ritos, as crenzas… A literatura popular tradicional é unha parte fundamental dese sistema, nútreo de sentido espiritual, organízao en códigos simbólicos e establece as regras que permiten a comunicación entre os individuos que usan eses códigos sen sequera necesidade de racionalizalos. (…)
– P: Que perspectiva tens sobre o processo de criação artística, num sentido amplo, e especialmente no referente à oralidade?
– AR: Somos, en xeral, por natureza, individuos creadores de arte. Temos tendencia innata a procurar e compartir beleza a través da fabricación de obxectos ou da ensoñación de fantasías. A linguaxe é unha creación humana que combina maxistralmente a necesidade de dar satisfacción á comunicación entre individuos coa vontade estética. As palabras son “obxectos” sonoros capaces de singularizar a un tempo un obxecto e un sentimento, e de formar parte de conxuntos (versos, frases…) capaces de influír no noso estado de ánimo. As linguas, por exemplo, son, por enriba de calquera outra consideración, obras de arte construídas colectivamente ao longo do tempo.
– P: Que características próprias tem, do teu ponto de vista, a oralidade e literatura popular galegas, e com que outros sistemas culturais achas que se vincula (nomeadamente, com a Lusofonia)?
– AR: Desde o punto de vista lingüístico, somos irmáns dos sistemas culturais que se expresan na mesma lingua ca nós. Pero tamén somos irmáns da maioría dos sistemas culturais do mundo, na medida en que construímos o noso, igual ca os demais, para dar resposta ás mesmas cuestións básicas: De onde vimos, que hai despois…
Mirando o mundo desde a óptica das culturas populares, decatámonos de contado de que nos preocupan as mesmas cousas. Somos os mesmos, a mesma idea construída con matices secundarios.
– P: Fala-nos da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías, etc.)…
– AR: Canto máis profundizamos no saber popular, máis nos decatamos de que nos guía un pouso atávico, unha ideoloxía que prioriza o comunitario. Nas Polafías (un proxecto que se promove desde a AELG para representar a cultura popular) conflúe a necesidade de encontrarse e relacionarse, de expresarse e entenderse fronte a propostas alleas, case sempre espurias, moitas veces corrosivas, que se administran a través dos medios de masas. Unha Polafía é unha oportunidade para re-coñecerse, por tanto, unha oportunidade para a catarse liberadora.
– P: Consideras que tem o reconhecimento que precisa a oralidade nos sistemas culturais contemporâneos?
– AR: Fálase moito da oralidade, do patrimonio oral, da literatura de tradición oral pero, en realidade, o que se está a pensar é que forma parte do pasado e que a modernidade, o futuro, son ou deben ser outra cousa. Todos apreciamos, e usamos, as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para relacionármonos pero non deberamos esquecer que somos debedores do inmediato. O que sostén o noso armazón cultural son os afectos dos máis próximos, non só as gabanzas dos máis afíns.
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?
– AR: Sempre é recomendable non perder as referencias do que somos sen deixar de pensar en mudar o que non nos gusta. Construír sobre o experimentado é sempre garantía de solidez, e sobre esa firmeza calquera aposta, mesmo revolucionaria, ten alguna garantía de futuro. Aínda que ás veces poidamos pensar que os cambios radicais son cousa de heroes, a realidade parece demostrar que é a necesidade a que fabrica eses heroes. Ninguén pode cambiar nada, se unha maioría non desexa ese cambio. (…)”

Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10

OFeira do Libro de Santiago 2015 domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 9
18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.

Domingo 10
19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.

Aveiro: presentación de Fisterras, antoloxía de poesía galega e portuguesa

O Fisterrassábado 9 de maio, ás 18:00 horas, no Café Biscoito (Rua Dom Jorge Lencastre, 7), de Aveiro (Portugal), preséntanse as antoloxías Fisterras, de poesía galega e portuguesa, coordinada por Xavier Frías Conde e Rafa Yáñez, e Mare Omnium, bilingüe catalán-portugués, editadas por Lastura.

O Couto, Ponteceso: actos destacados no Festiletras o domingo 10 de maio

OFestiletras 2015 domingo 10 de maio bota a andar a edición de 2015 do Festiletras, cos seguintes actos literarios destacados:
12:35 h. Pregón inaugural, por Víctor F. Freixanes.
18:30 h. Os Quinquilláns representan, na Fundación Eduardo Pondal, a súa xa famosa adaptación do Espantallo amigo de Xosé Neira Vilas, en dous pases que contarán coa participación do escritor e académico da lingua crucense e mais cun obradoiro a cargo de Xosé Vizoso, ilustrador do libro.