O venres 20 de marzo, ás 19:00 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Pazo da Cultura), preséntase Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán, publicado por Apiario. No acto terá lugar tamén un contacontos a cargo da autora.
Arteixo: Versos no Pentagrama, con César Morán
Cristina Pavón fala do seu libro A busca da orixe perdida das especies
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Coa novela A busca da orixe perdida das especies, a escritora viguesa Cristina Pavón gañou o Premio Carvalho Calero de Ferrol na modalidade de creación literaria. A obra é un conxunto de relatos que falan da memoria desde diferentes puntos de vista e con elementos de ficción científica nalgúns deles.” A entrevista pode verse completa aquí.
Alberte Momán: “Á maioría das novelas galegas sóbranlles moitas páxinas”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Alberte Momán en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nesa busca de novos formatos, vostede é un dos escasos (coido que o único) cultivadores do xénero da micronovela. Fáleme dela.
– Alberte Momán (AM): Cando inicio o proceso de reflexión sobre a literatura actual encóntrome con que determinados modelos tradicionais de narrativa xa non son útiles para determinados momentos de lectura. En Galicia, incluso en España, non é común o que si o é, por exemplo, no Reino Unido, onde ves como triunfan best-sellers de baixo prezo, de tapa branda, fáciles de dobrar, co tamaño axeitado para meter no peto ou ler cunha man… Son libros pensados para ler “en tránsito”, son libros para ler mentres se agarda… na parada do transporte público, a que te atenda o médico… Neses momentos se un quere ler non parece o máis indicado pórse co Ulises, de James Joyce; a lectura compite co whatsapp, ten que ser concisa, sinxela, ir ao importante da historia pero ao mesmo tempo debe ter intensidade, forza suficiente para engancharte. Cada palabra, cada adxectivo, cada diálogo, teñen unha importancia fundamental. Os argumentos non poden reducirse a simples repeticións pero tampouco a elucubracións intranscendentes ou aburridas. Deben ser historias con referencias populares, se for necesario alleas á propia literatura, en harmonía cos gustos e hábitos da xente común, con gran peso da imaxinación.
Ese formato alixeira os textos, reduce páxinas, libra o lector de toda a palla, favorece que o diálogo entre creador e lector sexa máis equilibrado, permítelle a quen le acabar de construír o discurso coa imaxinación. É un xénero máis maduro, pensado para lectores adultos que non queren todo o texto mastigado. Estou canso de ler novelas galegas que teñen un exceso de páxinas, que se nota que se constrúen coa intención de conseguir determinada extensión custe o que custe. A micronovela afórralles iso, tanto ao escritor coma ao lector: non hai espazo para o recreo porque en realidade non fai falta. (…)
– B: As súas micronovelas seguro que teñen engádegas a este modelo.
– AM: Loxicamente, as miñas propias ideas sobre a literatura. A primeira que escribín foi Vattene! (Q de Vian Cadernos), onde quixen amosar o surreal. É un texto influído polo dadaísmo que investiga sobre as persoas atormentadas. Hoxe vivimos nunha gran frustración que se converte en moitas veces en violencia; non falo só da violencia física, que aparece ás veces, senón nunha violencia habitual, que recibimos e exercemos constantemente na rúa, cando un coche non para nun semáforo, cando alguén se coa na fila do supermercado. Quixen mostrar ese estado á miña maneira, de aí que utilice determinados recursos coma o xénero fantástico ou de aventuras. N’O legado extraterrestre (El Círculo Rojo) esa relación amplíase aos relatos de superheroes. Superman e Robin son protagonistas, ou mellor dito, antagonistas de Circe e Penélope, que se encargarán de pór ao descuberto esa masculinidade parcial que os frustra. En todos os meus libros a expresión ten unha función política, non pedagóxica pero si cunhas pegadas ideolóxicas que procuran servir para a transformación social a través do discurso cultural. (…)
– B: Dicíame que está canso de certa novelística galega, só polo exceso de páxinas?
– AM: Estou farto da meirande parte do que se publica porque estou farto dun sistema literario que promove unha forma de escribir pensada para alumnos de secundaria cunha perversión engadida: trata eses lectores adolescentes coma se non fosen ben de xeito que ao final practicamente todo o que se publica trata os lectores coma se non fosen ben. Cómpre reaccionar, encontrar unha alternativa ou quedaremos sen xente que lea en galego porque a ninguén lle gusta que o tomen por parvo. E con isto non digo que eu encontrara a fórmula perfecta pero coido que hai que experimentar, buscar novos xeitos. Aínda que fracasemos, aínda que teñamos que volver empezar. O que non podemos permitirnos é seguir a perder lectores. (…)
– B: Vostede é responsable de dúas editoriais, O Figurante e Emerxente. Cales son as diferenzas? Por que precisou crear dúas plataformas?
– AM: No Figurante publico aquilo que me dá a gana. Podería inventar algunha teoría para explicar un suposto programa editorial pero esoutra é a pura verdade. É un selo tremendamente persoal.
Emerxente nace logo de decatarme de que había determinados textos que me chegaban que non tiñan oco no Figurante. Quería darlles saída a libros que me parecían de certo interese. A relación do editor cos escritores coido que pode lograr a longo prazo obras de valía. (…)”
A Coruña: Escoito cisnes, recital con poesía, música e pintura
O venres 20 de marzo, ás 20:00 horas, en Maquinaria Pesada (Avenida Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar un recital con poesía, pintura e música, baixo o nome Escoito cisnes, No acto, presentado e conducido por Óscar de Souto, participan Claudia Castro, Teresa Ramiro, Miguel Melero, Mar Veres e María Xestal.
Bases do II Certame de canción de autor en galego ‘Concello de Teo’
“O Concello de Teo, desde a Concellaría de Cultura e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e de Gadis, organiza un certame para promover a creación de canción de autor/autora en galego e poñela en valor.
Os obxectivos principais son:
– Presentar unha mostra das creacións galegas de autoría propia.
– Ofrecer aos/ás cantautoras oportunidades para se daren a coñecer e desenvolveren así a súa carreira artística.
– Contribuír á normalización da lingua galega nun ámbito importante para a difusión do idioma.
O certame consiste nun proceso ao que se presentarán todas as persoas autoras e intérpretes de cancións en lingua galega que o desexen e que cumpran as bases esixidas na presente convocatoria. Posteriormente, farase un certame no que oito persoas finalistas (seleccionadas por un xurado cualificado) presentarán os seus temas.
O xurado concederá o premio principal, mentres que o público asistente votará e concederá dous accésits: un, á mellor canción; outro, á/ao mellor artista.
As bases completas poden descargarse aquí: Bases do II Certame de canción de autor en galego do Concello de Teo.”
Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 14 de marzo, con Manuel Rivas
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria da man de Manuel Rivas, que tivo lugar o pasado 14 de marzo. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
Entrevista a Antonio Reigosa
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Antonio Reigosa, escritor, fundador e coordinador de Galicia encantada“. Pódese ver completa aquí.