Cuestionario Proust: Vítor Vaqueiro

Desde Vítor Vaqueiroo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Vítor Vaqueiro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constáncia, a paciência, a pontualidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– Por vezes, uma atitude amoladora, por mor da repetição de cousas já ditas.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita, a leitura e a conversa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O que vivo no momento presente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte da minha companheira.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que sou.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza, com menos chuva.
10.– A súa cor favorita?
– Azul marinha, preta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Não tenho grandes preferências florais.
12.– O paxaro que prefire?
– Tampouco não tenho grandes preferências ornitológicas, embora estarem agora os abutres na crista da onda.
13.– A súa devoción na prosa?
– Por ordem alfabética: Bernhard, Borges, Cunqueiro, Faulkner, Sebald, Valle.
14.– E na poesía?
– Com o mesmo critério: Hölderlin, Pessoa, Rosalía, Valente, Vallejo.
15.– Un libro?
A morte de Virgílio, de Hermann Broch; Tirano Banderas, de Valle.
16.– Un heroe de ficción?
– Long John Silver, bucaneiro; Queequeg, arpoador.
17.– Unha heroína?
– Mãe Coragem.
18.– A súa música favorita?
– A do barroco, Bach sobre todo; também o blues: John Lee Hooker, B. B. King…
19.– Na pintura?
– Brueghel e Cézanne.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Maria da Fonte, “com as pistolas na mão, para matar os Cabrais que são falsos à nação”.
21.– O seu nome favorito?
– Não me desagrada Vítor.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impaciência.
23.– O que máis odia?
– O arribismo, o oportunismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Difícil: Francisco Franco? Augusto Pinochet? Richard Nixon? Há tantas!!
25.– Un feito militar que admire?
– Sem ser, nem de longe, um admirador do feito militar, diria que as batalhas da Pontesampaio e Dien Bien Phu polo seu caráter emancipador.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Não aspiro a possuir grandes dons. Fico satisfeito com o que tenho. Sou austero, não, obviamente, no sentido “popular” do termo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sem dor e numas poucas horas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O que deriva do otimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Qualquer que não seja consequência da premeditação ou da ruindade.
30.– Un lema na súa vida?
– “Delimitação precisa de objetivos, decisão e confiança nas próprias forças.””

Bos Aires: charla sobre O soño galego de Julio Cortázar, por Francisco X. Fernández Naval

OFrancisco X. Fernández Naval sábado 4 de abril, ás 17:00 horas, na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (Rúa Chacabuco, 955, 1º andar) de Bos Aires, Francisco X. Fernández Naval ofrece a charla, acompañada de imaxes, moitas delas inéditas, sobre O soño galego de Julio Cortázar. Esta actividade será complementaria ao XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos.

Poétic@.gal, o poemario dixital que presenta Fran Alonso no Zig-zag

DesdeFran Alonso o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Fran Alonso, escritor e poeta de xa longo percorrido, presenta o seu poemario dixital Poétic@.gal, onde ofrece todo un abano de sentimentos e diferentes estados vitais. A entrevista completa pode verse aquí.”

O vello e o minotauro, de Xesús Castro Yáñez, gaña o primeiro premio de relato breve Nélida Piñón

Desde Pontevedra Viva, Diario Cultural da Radio Galega e Criticalia, de Armando Requeixo:
“Xesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.
A súa obra, O vello e o Minotauro, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. O vello e o Minotauro é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga. (…)”

Celso Emilio Ferreiro en francés

DesdeCelso Emilio Ferreiro Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Os fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro atesouran diversa documentación, ao meu entender, moi valiosa. Unha parte nada desprezable está constituída por un corpus de traducións, moitas delas inéditas, da obra de Celso Emilio a diversas linguas. Por cortesía da Fundación incorpóranse aquí catro traducións de diversos poemas ao francés a cargo de Cynthia Leborne, profesora que coñeceu ao poeta de Celanova en 1978. Os textos encerran, asemade, suxestivas posibilidades didácticas. (…)” Pódense consultar aquí.

Raúl Dans: “Parece que non es escritor se escribes teatro”

EntrevistaRaúl Dans de Carlos Loureiro a Raúl Dans en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti mesmo nesta última década de século decides dar un paso fundamental para o teu teatro: pasar de actor a autor. Foi dura esta decisión? E por que ter que emigrar (?) na procura dun maior afondamento na escrita deste xénero literario?
– Raúl Dans (RD): Daquela, no ano 1990, en Galicia non había onde formarse no eido da escritura teatral e cinematográfica. E case tampouco no resto do estado, a verdade. As publicacións tamén eran moi escasas. Os primeiros ensaios de David Mamet editáronse en España por eses anos. Merquei o volume Escrito en restaurantes estando en Barcelona, onde asistía ao Seminario de Dramaturxia Textual que impartía Sanchis Sinisterra na Sala Beckett e no que coincidín con Lluïsa Cunillé. Tamén asistín ao primeiro curso que Robert McKee impartía en España sobre guión cinematográfico. Aínda non sabía ben que ía facer coa miña vida nese momento, porque os papeis que me ofrecían para actuar no teatro non acababan de convencerme e eu necesitaba comprometerme de verdade cos personaxes que interpretaba. Por outro lado, había uns anos que me integrara no colectivo de profesionais da dobraxe na Coruña e aquel oficio apaixonábame. A dobraxe de películas e series satisfacía dalgunha forma os meus anceios de actuar e procurábame estabilidade económica. Entón Manolo Lourenzo faloume dunha convocatoria de bolsas para estudos artísticos da Deputación da Coruña e do seminario de Sanchis Sinisterra e… En fin. Máis ou menos, así foi a cousa.
– NG: E incidindo neste cambio, será que te decataches de que o que realmente perdura no tempo é especialmente o texto?
– RD: Si. Había tamén algo diso. Era desolador pensar en ter que actuar cada noite para que ao final todo esvaecese e cunha pouca de sorte quedase algo na memoria dos espectadores. Tamén había algo de vaidade, a vaidade da sinatura. E tamén desa vaidade que fai que penses que hai cousas por facer e que ti podes facelas. Pero sobre todo había, cada día máis, un medo incontrolable a subir ao escenario e enfrontarme ao público. Sabía que o teatro era a miña vida e necesitaba atopar unha forma de manter o meu vínculo coa escena. Escribir textos teatrais pareceume unha boa opción. (…)
– NG: Se a calidade dos textos teatrais en galego nada ten que envexar á existente noutros idiomas, que falta, que ten que ocorrer, para que esta calidade se vexa enriba dos escenarios?
– RD: Estréanse bos textos galegos, aínda que na meirande parte das ocasións teña que ser o propio autor quen monte a obra no seo da súa compañía teatral. Tamén ocasionalmente un autor sen compañía chega aos escenarios, pero non é o habitual. Cómpre máis apoio institucional, máis compromiso por parte das compañías subvencionadas. Aínda que está claro que non lle podes obrigar a ninguén a montar un texto que non lle gusta, tampouco se pode permitir que un dos piares fundamentais de calquera sistema teatral –o autor- permaneza na invisibilidade. (…)
– NG: A túa forte irrupción na autoría temos que situala na obra Matalobos. Espazo galego, temática puramente galega… e unha boa cantidade de personaxes… e premiada. Sentiches que a pasaxe de actor a autor estaba máis que xustificada? Por que esta temática, este espazo…?
– RD: Con Matalobos quixen escribir un western. A idea xurdiu en Barcelona, vendo unha reportaxe sobre caseiros galegos, unha xente que non tiña nada, nin a terra que traballaran durante décadas e mesmo xeracións. Pensei que alguén pode chegar a morrer e a matar loitando contra unha inxustiza tan grande. Así naceu Pedro Matalobos, o protagonista da obra. Seica durante a reunión do fallo do Rafael Dieste daquel ano -refírome a 1993, o ano que Matalobos recibiu o galardón-, un membro do xurado dixo que se notaba que o autor da obra mamara a vida no campo. Trabucábase. Pero ese comentario fíxome sentir verdadeiro orgullo, fíxome pensar que realmente si podía converterme en escritor, porque conseguira dar vida a un mundo que non era o meu. Pasados eses primeiros momentos empezaron as dúbidas. Por iso escribín a miña seguinte obra, Lugar: para disipar as dúbidas sobre as miñas capacidades como dramaturgo. E así sucesivamente. Con cada nova obra trato de quitarme da cabeza a idea de que en realidade non sirvo para isto. (…)”

Bos Aires: programa do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, os 6, 7 e 8 de abril

XICongresoIntAIEGDesdeAIEG a Asociación Internacional de Estudos Galegos:
“A realización do XI Congreso da AIEG na cidade de Bos Aires, os 6, 7 e 8 de abril de 2015, construirá un ámbito privilexiado no que poderán achegarse ás socias e socios da entidade tanto todos estes novos traballos desenvolvidos nas universidades, coma tamén os que rexorden no seo da propia colectividade, que quere volver a participar da reflexión e do debate dos grandes temas que interesan ao presente e ao futuro da Galiza. Este é o programa completo.”