O venres 13 de marzo, ás 19:00 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Pazo da Cultura), terá lugar unha mesa redonda sobre Alimarias, estrelas e clons, organizada polo Consello da Cultura Galega, baixo a coordinación de Marilar Aleixandre. As ciencias son unha forma de contar o mundo, unha narración argumentada. Parte do traballo científico é comunicar estas narracións ou cambiar as que foron contadas. Por que chamar “alimarias” ao lagarto ou ao lobo? Que nos contan as estrelas? Existen os clons, fóra das novelas?
Entrevista a Baldo Ramos en Palavra Comum
Entrevista a Baldo Ramos na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Baldo Ramos (BR): Para min a literatura é un xeito de ver, máis ca un xeito de escribir. Esta visión da literatura leva emparellada unha actitude persoal, non pretendida, pero inevitábel. Unha actitude de certa distancia coa maquinaria comercial da produción literaria. Por iso o meu territorio literario non o concibo fóra da poesía. Nel un está bastante a salvo das ambicións de chegar a un público masivo, compracente e consumista de literatura. Aínda que está moi ben que exista este tipo de produción literaria, que é a que permite que o negocio da literatura sexa rendíbel, o meu traballo nunca sufriu as tentacións deste reclamo.
– P: Como entendes o processo de criação artística (num sentido amplo)?
– BR: Poda e enxerto, iso é a creación, escribín nun libro-catálogo que editara a galería Sargadelos de Ferrol hai agora sete anos. Contención e equilibrio, por un lado, e experimentación, por outro. Non crear para, senón crear por. Por pura necesidade de dar coas portas de acceso a una casa que pretendemos, por todos os medios, facer habitábel. Esa casa que nos acolle da intemperie do tempo e das cicatrices que deixa en nós.
– P: Qual consideras que é -ou para onde deveria caminhar- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Como é a tua -relevante- experiência nestes âmbitos?
– BR: Coido que nos últimos tempos se teñen dado moitas experiencias, e moi interesantes, a partir de diferentes diálogos e confluencias entre artes, aínda que, quizais pola excesiva especialización e certa miopía na recepción, non sempre se valoran de xeito integral e por iso a súa consideración tende a ser parcial e reducionista. Pero penso que, aos poucos, con achegas que, aínda resultando minoritarias, resulten atractivas, o público irá progresivamente tendo maior cantidade de referentes para poder xulgar estes diálogos que, de primeiras, non sempre resulta doado descodificar ou valoralos sen prexuízos.
No meu caso, a pintura é unha experiencia que ten enriquecido a miña escrita. Xa non podería entender os dous traballos de xeito disociado. Pero nos últimos tempos, a pintura proporcióname uns espazos de maior liberdade á hora de experimentar que a poesía non me ofrece de partida. De aí que moitos dos meus proxectos literarios, ultimamente, nazan ou se desenvolvan, dalgún xeito, superpostos á plástica. Porque é aí onde sinto que a experiencia poética se abre a espazos novos de maior interese para min nestes momentos. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– BR: É obvio que a literatura galega na actualidade ten unha vitalidade que seguramente non tivo nunca. Pero a sociedade non termina de conectar con ela, unhas veces por descoñecemento e outras por desconfianza. Imaxino que entre todos teremos que ir aproximando eses espazos de contacto, tan distantes en moitos casos. E aí todos temos cousas que aportar, non só os poderes públicos, que neste sentido deberían ser os primeiros en dar exemplo e planificar todo tipo de iniciativas de normalización cultural, indo ás necesidades de raíz, intervindo a pé de rúa e, dende logo, dende a idade primeira, na que os nenos deberían formarse sen prexuízos sobre o seu patrimonio lingüístico e cultural. E neste ámbito, dende logo, eu, que son pai de dous pequenos, vexo que as carencias son enormes. (…)”
Entrevista a Francisco Castro sobre Tes ata as 10
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Castro arredor da súa última novela, Tes ata as 10, publicada por Galaxia. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Compostela: recital de Lucía Aldao e María Lado no Pub Ultramarinos
O xoves 12 de marzo, ás 22:00 horas, no Pub Ultramarinos (Rúa Casas Reais, 34) de Santiago de Compostela, María Lado e Lucía Aldao farán un recital con poesía e música.
Compostela: presentación de A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci
Entrevista a Anselmo López Carreira sobre O Miño. Un caudal de historia
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Entrevista a Anselmo López Carreira sobre O Miño. Un caudal de hjstoria, publicado en Xerais. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: presentación de Crónicas de Embora, de Manrique Fernández
Betanzos: presentación de Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos
Compostela: presentación de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón
O xoves 12 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, que contará, xunto ao autor, coa participación de Fran Conde, Montse Dopico e Manuel Bragado, estrearase o videopoema O desexo está na pantalla, dirixido por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, coas actuacións de Antón Blanco Casás e Luís Miguel Giménez Grende.
Forza e control, por María Reimóndez
Artigo de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Se algunha vez alguén tivo dúbida da conexión entre os mundos da fantasía, no literario e fóra, e aqueles que denominamos “o real” (deixarei a crítica da Matrix para outro día) achegarse a O Gran Reino [de Eduardo Santiago] acabará de disipar esas incertezas. Non é novidade ningunha ler a ficción científica ou a literatura denominada “fantástica” como glosas sobre o que existe, pero neste caso o tema vólvese a materia da propia narración. Unha materia que toma forma corpórea nunha adolescente, Galadriel, que anda, na miña lectura, á procura dun espazo onde poidan convivir a forza e o (auto)control.
Aínda que as capas de lectura deste Gran Reino poden ser moitas, vou ficar nesta concreta. Porque rara vez atopamos na literatura protagonizada por adolescentes unha personaxe como Gala. Certo é que o estereotipo masculino do heroe que ten poderes e non sabe que facer con eles pode ecoar como referencia, mais precisamente o interesante de Gala é que foxe e se arrepón ao discurso adquirido. Para empezar, o único poder que ten Gala é a súa intelixencia, a súa creatividade. Algo ao alcance de calquera moza. Algo fanado socialmente en calquera moza. Como ben nos recorda Carlos Negro en Penúltimas tendencias, o mundo do rosa ao que nos vimos sometidas as que fomos adolescentes e ao que se vén sometidas as que o son agora implica tamén unha asunción da parvicie e da superficialidade por defecto para definir o feminino. As mozas poden ser calquera cousa, mais nunca intelixentes. E moito menos intelixentes de máis. Esa é unha chata incomprensible que fai que unha non saiba que facer con ela.
Porén, Gala atopa unha maneira, controvertida e por veces maléfica (e aló vai outro estereotipo, o da adolescente riquiña, o da muller que ten que agradar a toda costa). Unha moza que sabe aproveitar moi ben as feblezas alleas para o seu propio beneficio. Que sabe usar o estereotipo para o ben propio. Dubido que ningunha adolescente a quixese inicialmente como amiga ante esta descrición, mais a astucia desta novela fica en que malia todo isto Gala é alguén a quen queremos emular porque na súa perfidia está tamén unha creatividade sen límites, aquela da que agroma O Gran Reino. (…)”