Desde
Que pasa na Costa:
“Ata o 15 de xuño estará aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición O desexo. Esta mostra conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro estrea así o Fondo Lugrís, no novo espazo expositivo do segundo andar do Centro Cívico. Unha sala circular pensada para albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro.
O desexo é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición O desexo é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para O desexo, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas.”
As flores, de Helena Salgueiro, gaña o II Premio de poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón
Desde
El Correo Gallego:
“A segunda edición do premio de poesía Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón para honrar a figura da autora de Cantares Gallegos suma xa unha nova gañadora. Trátase da compostelá Helena Salgueiro Golán. A súa obra poética, presentada baixo o lema Lilith e que leva por título As flores, logrou o favor do xurado tanto polo tema que afronta como polas referencias literarias que manexa a autora no poemario gañador.
O xurado, presidido por Lorena Couso, reuniuse para valorar a trintena de traballos poéticos que se presentaron este ano ao certame literario. Entre os membros do xurado encontrábanse Anxo Angueira, Dores Tembrás, María Xesús Senín Fernández, María López Sández e Elvira Ribeiro Tubío.”
Pontevedra: presentación do Caderno e Audiovisual Manuel María
O
luns 23 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, o Ateneo desta cidade organiza a presentación do Caderno e Audiovisual Manuel María, realizado por Manuel Anxo Méndez Fraguas, e editado e producido pola Agrupación Cultural Nós, coa colaboración do Concello de Moaña. No acto interveñen, xunto ao autor, Xaime Toxo e Xesús Cancelas. A obra contén unha presentación sobre a relación de Manuel María coa vila de Moaña na que realizou dous recitais de poesía e na que ten un paseo co seu nome por acordo unánime da Corporación Municipal.
A Coruña: representación de A noite vai como un río, de Álvaro Cunqueiro, o venres 3 e sábado 4 de xuño
Ramil (Melide): Día da Diversidade Natural e Cultural 2016, adicado a Manuel María
Bases do XVIII Premio de Poesía Miguel González Garcés
Bases do XLII Certame Literario Concello de Vilalba
O Temple, Cambre: encontro coa escritora Andrea Maceiras
Entrevista a Mercedes Queixas
Desde
o blogue Bolboretas no bandullo:
“(…) – P: Manuel María é sen dúbida a figura literaria do ano, mais nós estamos convencidos de que tamén está no cumio de relevancia histórica da nosa literatura. Por que podemos estar tan orgullosos de honramos este ano polas Letras Galegas un autor como o Manuel?
– R: Manuel María é o referente intelectual galego da segunda metade do século XX. Así o constata o seu perfil poliédrico como escritor, erudito, conferenciante, dinamizador sociocultural, activista político, editor, libreiro, froito dun auténtico amor a Galiza, ao idioma, ao pobo, asentado nunha inesgotábel vocación de escritor, nomeadamente poeta, desde a firme vontade de partillar a palabra como esencia máxima da construcción do ser individual e da nación colectiva.
Agradecemento e orgullo coido que son dous trazos que definen o intenso calendario de actividades que se espallan sen descanso polo país, mesmo desde comezos de ano.
Manuel María foi inmensamente xeneroso. Traballou para construír un país no que acreditaba e ao que amaba. Agora tócanos volverlle tanto cariño como nos aprendeu desde a súa sabedoría e autoestima como galego.
– P: Ti tiveches o pracer e a sorte de o coñecer. Son moit@s @s que falan del como unha persoa directa e que tiña moi claras as cousas e o camiño para loitar por elas. Cal é a primeira imaxe que che vén á cabeza del?
– R: A primeira imaxe de Manuel e Saleta trasládame a Monforte, á libraría Xistral, a comezos dos anos 90. Acudín alí xunto cun compañeiro de promoción, Anxo Gómez, recén licenciados como filólogos, para lle pedirmos información sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para preparar a edición da súa obra La Galiciana, que máis adiante vería a luz nos Cadernos de Teatro Galego, baixo a dirección de Francisco Pillado.
O noso nerviosismo era patente, pois eramos conscientes da persoa e do escritor que iamos visitar. Manuel María, co que combinaramos o encontro telefonicamente, e Saleta recibíronnos con toda a amabilidade, como se fósemos coñecidos. Manuel atendeu todas as nosas preguntas, foi unha conversa moi produtiva e enriquecedora para nós, tiña documentación canda el preparada para mostrarnos. Aquela tarde volvemos para A Coruña nunha nube, sabendo que viviramos unha experiencia única e irrepetíbel.
A partir de aí chegaron encontros diferentes en xornadas de formación da AS-PG, ás que acudía puntualmente todos os anos, recitais ou presentación de libros seus e, xa a partir de 1998 en que se instalan definitivamente na Coruña, os encontros foron algo máis periódicos. Algúns sábados á mañá procuraba achegarme á cafetaría xa desaparecida Kirss, na rúa Real da Coruña, para escoitalo no faladoiro de amigos que alí se reunían. Era unha delicia escoitalo, a súa voz grave e expresiva, a súa xenialidade e fino humor, o seu idiolecto particular e o seu saber de todo era impresionante.
É unha fortuna telo coñecido, así é. Admíroo como persoa e adóroo como poeta. (…)”
Vila Nova de Gaia: conferencia O crânio de Castelao e outras incursões galegas de Miguel Miranda, por Carlos Quiroga
O
sábado 21 de maio, ás 15:30 horas, na Casa-Museu Teixeira Lopes (Rúa Teixeira Lopes, 32), de Vila Nova de Gaia (Portugal), Carlos Quiroga pronunciará a conferencia O crânio de Castelão e outras incursões galegas de Miguel Miranda. Posteriormente haberá outra conferencia de Pierre-Michel Pranville, co título Um dos mais expressivos representantes do romance policial português – Miguel Miranda, participando como moderadora Isabel Rio Novo.









