“A breve historia da literatura de Mercedes Queixas”, por Manuel Bragado

DesdeMercedes Queixas 3 Brétemas, de Manuel Bragado:
“Acompañamos o luns 2 de maio a Mercedes Queixas na presentación do seu libro De pergamiños, follas voandeiras, libros ao punto gal na Feira do libro de Santiago, un evento sempre polémico que este ano coincide na Alameda co balbordo das festas da Ascensión e con outros actos importante da programación cultural compostelá. Mercedes Queixas comezou a súa intervención lembrando que a orixe deste ensaio estivo na Breve historia da literatura galega que publicara en 1999 en Edicións A Nosa Terra. “Aquel foi un punto de partida, un traballo actualizado agora coas novas ferramentas que nos últimos quince anos foron xurdindo na investigación literaria galega”. “Esta obra pretende ser un paseo, apenas un petisco antes de adentrarse na literatura galega. Aquí están esbozados os camiños da nosa literatura nun rexistro propositadamente divulgativo para un lectorado curioso que quere coñecer o seu papel no ámbito da literatura universal”.
Lembrou a autora que escollera un poema de Manuel María no que fala do poema como un ser vivo coa intención de considerar tamén como tal a literatura galega. “Así o quixen expresar no propio título, que expresa diversos momentos históricos dun proceso que se alongou desde hai oito séculos. A miña intención foi ofrecer unha panorámica sintética de cada etapa coas súas pautas. Utilicei ao comezo do libro dous poemas de amor, unha cantiga de amor de Airas Nunes e un poema de Berta Dávila, para expresar este camiño de oitocentos anos”. “A obra constitúe unha panorámica moi aberta e sintética, onde non hai espazo para facer unha relación de datas, nomes e obras. Porén, había que ofrecer un relato da historia literaria galega, o que supuxo un reto”. Referiuse, despois, Queixas as razóns polas que o libro estaba dedicado ao seu alumnado, cando ela mesma entraba na maioría de idade docente. “Era moi importante ter en conta un destinatario para unha obra con este afán didáctivo e divulgativo”.
A seguir, Mercedes Queixas salientou que pretendeu incluír os avances que nos últimos quince anos se produciron na investigación literaria galega,como tamén que aparecesen os nomes silenciados, os que neste relato semellan sempre invisibles. “Hai por iso unha razón propositiva na presenza de mulleres, dende a Idade Media, até as voces máis contemporáneas como a de María do Carme Kruckenberg, a xéneros como a literatura infantil e xuvenil ou a toda a rede de tradución tan importante para a proxección internacional da nosa literatura.”
Rematou Queixas referíndose a fraga de diversidade de xéneros da nosa literatura, metáfora de biodiversidade recollida no booktrailer que para a obra preparara Distrito Xermar. “Esta é unha historia felizmente inconclusa. A historia literaria galega é un proceso vivo no que estamos autoxenerando novas formas de expresión.” Concluíu a autor aconfesando que “a escrita deste libro foi para min un refuxio, un xeito de GPS na procura da raíz, das fortalezas da nosa literatura no medio da campaña que vivimos de ataque ao galego”.”

Publícase na colección iBroLiT Letras Escarlata

DesdeLetras escarlata. Ibrolit o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un conxunto de ensaios sobre os novos xeitos de representación do corpo feminino no imaxinario simbólico, literario e cultural contemporáneo. Teresa Bermúdez Montes é unha das coordinadoras do libro Letras Escarlata. Estudos sobre a representación da menstruación. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Tabela dos Libros de maio de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co comezo do novo mes, a Tabela dos Libros ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

tabela_maio_2016

Compostela: actos destacados do mércores 4 na Feira do Libro

OFeira do Libro Santiago 2016 mércores 4 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

– 18:00 h. Presentación do libro O soño das cores, de Ramón Caride e Jaime Asensi, publicado por Urco Editora.
– 20:00 h. Presentación de Quen dá a quenda?, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o mércores 4

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o mércores 4 de maio:
– 19:00 h. Presentación de Historia do pensamento galego contemporáneo, de Marcelino Agís Villaverde, publicado pola Deputación da Coruña. Stand.
– 20:00 h. Compostela Colateral: Lampíricos, performance poética de Antón Lopo. No Centro Cultural Matienzo (Salón Grande).
– 20:00 h. Presentación de Las aventuras del Capitán Duchesnoy, tradución de O paso do noroeste, de Xavier Queipo, publicado por Ézaro. Presenta o acto Xavier Alcalá. Stand.
– 20:30 h. Presentación de Huinca Loo, de Xavier Alcalá (Ed. Mar Maior), versión en castelán de Nos pagos de Huinca Loo. Presenta o acto María Rosa Lojo. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
– 21:00 h. Proxección de A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Sala Gaumont.

De como acontece a fin do mundo, por Rosa Enríquez

ArtigoRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pareceume que escribir sobre un libro de poemas, aínda pendente de publicación, podería ser ben interesante. Estamos afeitas a ler reseñas de textos que xa saíron á luz. O obxectivo destas reseñas, fundamentalmente, é crear un interese na comunidade lectora, que, de o desexar, adquirirá o libro en bibliotecas ou librarías. No entanto, ao tratar de nos achegar a un poemario aínda inédito, a pregunta aparece no aire. Ten sentido escribir sobre algo que non pode ser ler lido polas lectoras ou lectores? Ao meu ver, si. É posíbel xerar expectativas igualmente. Neste caso en concreto, a miña pretensión, alén do interese que, modestamente, puidese suscitar con esta lectura persoal, é, por riba de todo, dar conta do diálogo interno que os poemas de Charo Lopes provocaron en min. Daquela, poño en valor, as reflexións que os seus versos inspiran, que, por outra banda, non teñen por que ser partillados, a posteriori, polas persoas que, no momento da publicación, decidan achegarse ao libro. Unha vez aclarado isto procederei a expor a miña visión sobre o poemario. Para iso, comezarei, non tanto polo título, De como acontece a fin do mundo, mais sobre as citas elixidas, alén de facer visíbeis os eixos nos que Lopes sustenta o seu discurso poético.
Desas citas iniciais, parécenme interesantes, por riba de todo dúas. A de Tjiske Jansen (1971), unha poeta holandesa, que eu descoñecía, tamén escritora de contos e actriz. A cita que Charo Lopes escolleu, é ben acaída, xa que nela se cuestionan esas verdades asumidas, transcritas en contos populares, ou mitos, que conforman o noso imaxinario. Selecciono pois, entre os versos citados, o seguinte: “Gosto de Ícaro que sabía que a cera iría derreter e no entanto voou en dirección ao sol”. Creo que, normalmente, poñemos o foco na imprudencia de Ícaro, nesa actitude temeraria de pretender voar cunhas ás domésticas, que derreterían ao achegárense ao sol provocando unha caída en picado. Directa ao abismo. Que significa ese sol contra o que se dirixe o protagonista deste mito? Podería ser interpretado coma un territorio de plenitude? En certo xeito si poderiamos velo así, na medida en que a luz é vista, no mundo occidental, como un espazo de boa enerxía, que favorece a realización persoal, que nos dispensa alegría. Entendemos entón, de maneira implícita, que a “cantidade de sol” que consigamos introducir nas nosas vidas servirá como medidor desa ledicia arelada, asociábel ás conquistas humanas como a solidariedade, a capacidade de loita, a defensa do propio. Porén, esta luz solar, tan vigorosa, non garante a plenitude, porque non existe tal luz, sen o seu contrario, a sombra. A pertinencia desta sombra é algo que fica pois no aire e que, dalgunha forma, cumpriría poñer en valor. Penso que Tjiske contempla a posibilidade da sombra, non só como contraste, mais como factor imprescindíbel no feito de querermos dar un salto. Digamos que esa sombra, na súa condición de ausente no voo de Ícaro cara a luz, constitúe o verdairo interese de Tjiske Jansen. Isto, consciente, ou inconscientemente, é recollido pola poeta galega, que, en todo o que escribe, retrata, fundamentalmente, eses espazos de grisalla ocultos, mais reveladores do noso estado de cómoda indiferenza. Interesa entón ter conta deles para sabermos que camiños habería que trazar, de querermos algunha mudanza política. Unha desas sombras é a presunta inhabitabilidade do presente, que se traduce nun deserto inhóspito, nun camiño, en apariencia, intransitábel, pero necesario. Neste punto, cómpre pararse noutra das citas que Charo nos propón, a da poeta María do Cebreiro. Velaquí a mesma: “O límite é o verdadeiro protagonista do espazo. O presente, outro limite, é o verdadeiro protagonista do tempo”. Nestes dous versos de María, volvemos ver a existencia da sombra, que, se nos fixamos ben, constitúe a visibilización do presente como único tempo posíbel. O que debemos é adentrármonos nel, habitalo, porque se algo somos é presente. A luz viría representada pola consciencia que si temos de que o límite é o protagonista do espazo. Isto é así, na medida en que, para nós, resulta obvia a existencia dun espazo físico, material, que podemos apalpar e que, evidentemente, coutamos coas ideas preconcibidas, que se reflicten nunha praxe política cartesiana, carente de imaxinación e vontade real de nos afacer a prácticas políticas máis creativas. Menos posibilisitas talvez? Podería ser. Non coñezo a reposta a esa cuestión, mais si vexo pertinente poñer a pregunta sobre a mesa, na medida en que é esa pregunta a que se infire dos textos de Charo. (…)”