Convocado o VIII Certame Literario Terras de Chamoso

Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo:
“(…) A Asociación Cultural Arumes do Corgo, en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo, puxo en marcha a oitava edición do certame literario Terras de Chamoso. (…)
A temática das obras é libre, xa que como recordou Mario Outeiro “a organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores, polo que a única norma é que a obra se redacte en lingua galega”, apuntou, ao tempo que explicou que os participantes dividiranse en tres categorías. Na infantil encadraranse as creacións de nenos e nenas dos 10 aos 14 anos, na xuvenil os que teñen entre 14 e 18, mentres que na de adultos competirán todos os maiores de 18 anos. Igualmente, tamén se establecen dúas modalidades. Por unha banda está a poesía, de 30 a 60 versos, e, pola outra, o relato curto, de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo. A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
O prazo para presentar os traballos rematará o 5 de decembro e cada participante poderá presentar varios traballos que non foran premiados noutros certames literarios. Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo. Achegarán nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo, s/n, 27163 O Corgo (Lugo), ou ao enderezo electrónico arumescorgo@gmail.com
En cada categoría establécese un primeiro e un segundo premio, tanto na modalidade de poesía como na de relato curto. Os galardóns son unhas figuriñas de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma. O xurado estará composto por membros da xunta directiva do colectivo organizador, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras. “Animamos a todos os amantes da literatura a participar nesta nova edición enviando os seus textos ata o 5 de decembro e a participar na cerimonia de premios que se levará a cabo o 20 de decembro no centro sociocultural do Concello do Corgo”, concluíu Mario Outeiro.
A organización destruirá no prazo dun mes despois do fallo, se os autores non o solicitan, os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas. Igualmente, a Asociación Cultural Arumes do Corgo resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante Internet). (…)”

Compostela: encontro artístico diverso Vozes contra a violência

O10330404_810265319015850_2535388123386598346_n sábado 22 de novembro, ás 22:00 horas, no Pub Ultramarinos (Casas Reais, 34), en Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza e o Pub Ultramarinos organizan un novo encontro de voces poéticas, musicais e artísticas en xeral, arredor do Día Internacional contra a violencia machista. Participan, entre outras persoas, 2naFronteira, Alejandro Nuricumbo, Miguel Alonso, Luz Fandiño, Alexandre Brea, Teresa Moure, Cruz Martínez, Xurxo Nóvoa Martins, José Goris, Dores Asorei e Concha Rousia.

Compostela: presentación de Letras nómades, coordinado por Ana Acuña, e homenaxe a Begoña Caamaño

O Ana Acuña Letras nómadesvenres 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega, coordinado por Ana Acuña, e editado por Frank & Timme. O acto, que contará coa presenza da coordinadora do volume, así como das colaboradoras Manuela Palacios, Olivia Rodríguez, María Xesús Nogueira e Susana Sánchez Arins, finalizará cunha lectura colectiva do texto Viaxar para ler o mundo. Viaxar para lerme, de Begoña Caamaño, incluído no volume.

Marica Campo: “Quero que as mulleres falen por elas mesmas, xa que sempre os homes falaron, como ventrílocuos, por elas. Por nós”

EntrevistaMarica Campo de Montse Dopico a Marica Campo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Concedéronche o premio Facer País polo teu traballo “a prol do ensino contribuíndo á dignificación do galego”, así como pola túa traxectoria como escritora e a “loita e militancia en favor da presenza da muller na vida social, laboral e cultural”. Con cal destas definicións te identificas máis?
– Marica Campo (MC): Non hai por que separalas. Agora xa non dou aulas; mais cando escribo, naturalmente en galego, defendo a lingua. E, na miña escrita hai unha forte presenza das mulleres. Alén da escrita, coido que hai unha militancia activa nestas causas. (…)
– MD: Seguindo coa poesía, en Sextinario (2007), volves experimentar cunha estrutura fixa: a sextina. Neste libro, vas desde o colectivo ao eu que escribe. Falas de formas de violencia, de opresión, de manipulación…. Tamén tes poemas máis intimistas, reflexión metapoética…
– MC: O uso das sextinas partiu dun reto do catedrático da UDC, Carlos Paulo Martínez Pereiro. Malia a dificultade deste tipo de composicións, eu dixen o que quería dicir: ese é o desafío. O curioso é que, se experimentar con este tipo de cousas é innovador para o grupo do OULIPO (Ouvroir de littérature potentielle), aquí se considere arcaico. E si, dalgún xeito nese sextinario aparecen as miñas teimas literarias.
– MD: En canto á túa narrativa, Confusión e morte de María Balteira, Memoria para Xoana e Onde houbo lume teñen en común as historias de mulleres que tentan ser libres, malia os atrancos que atopan por seren mulleres. É iso o que teñen en común os tres libros?
– MC: María Balteira sérvese de mitos, recreados literariamente, para expresar conflitos centrais na vida das mulleres. Memoria para Xoana, realista, simboliza en realidade a Galiza desde finais do XIX até comezos do XXI. Xoana sería o país que soña a voz narradora. Onde houbo lume, realista tamén, é unha noveliña coral na que se denuncia o destino de moitas mulleres nunha época relativamente recente, alleas ás decisións que marcaron as súas vidas. (…)”

Compostela: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga

OXabier Quiroga xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Xavier Senín.