Xurxo Souto: “Quixen atopar unha parte de nós mesmos que navega polos mares do norte”
Entrevista a Xurxo Souto en Radiofusión:
“Con tanto mar como temos, é posible que vivamos de costas a el? É. “Non é un problema individual, é un problema estrutural: vivimos no Estado de Europa no que temos a capital máis lonxe da ribeira. Madrid está moi lonxe… Até Viena, un país central, está máis preto do mar”, reflexiona Xurxo Souto. Ao autor coruñés non lle foi preciso embarcar para o Gran Sol (“non tiña corpiño para iso”, chancea), para fascinarse con esa parte do noso país que é flotante, que viaxa nos barcos desafiando o mar. “Na vida social, na vida oficial, o mar non existe”, engade, até o punto de que agora “en todas as cidades as portas do porto están pechadas”. Por iso Souto quixo “abrir a orella ao mar” e comezou a preguntarlle aos mariñeiros por todo aquilo que non lle explicaban nas aulas, nos medios de comunicación. Así foi como puido “atopar unha parte de nós mesmos que navega polos mares do norte”. Ese achado conforma as historias de Contos do mar de Irlanda, un volume editado por Xerais, e a obra de ficción máis vendida das letras galegas nos últimos meses e que este serán ofrece ao océano na Coruña. (…)”
A entrevista pódese escoitar aquí.
Entrevista a Nélida Piñón
Literarte: recoñecementos brasileiros á cultura galega
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Literarte é unha asociación internacional de escritores e artistas que posúe sede oficial en Cabo Frio, no estado de Rio de Janeiro. Representada por Mauro Jorge Silva e Sousa, conselleiro da asociación, e mais por Isabelle Valladares, presidenta da mesma, Literarte articulou un desembarco europeo onde contemplan a realización dunha serie de actos que están xa a desenvolver en Lisboa e proximamente no Porto, Viana do Castelo e Frankfurt.
Neste percorrido, o vindeiro venres día 10 de outubro celebrarán unha “tomada de posse”, que acollerá o Hostal dos Reis Católicos, ás 20:30 h., no que a entidade dará a coñecer as súas actividades e propósitos ademais de recoñecer diversas achegas á cultura galega realizadas tanto por algunhas institucións, plataformas ou empresas culturais como por un grupo de diverso de persoas que traballan en ámbitos como a creación literaria, o activismo social, a edición, a música, as artes plásticas, a divulgación ou a comunicación, como son Uxía, Leandro Lamas, David Pintor, a Academia Galega da Língua Portuguesa, Teresa Moure, María Reimóndez, a Livraria Ciranda, Manuel Bragado, Ramón Nicolás, Carme Vidal, A Sega, o sección de Cultura de El Correo Galego, a Libraria Pedreira, a Real Academia Galega, Guadi Galego e Clave de Fado. (…)
Pontevedra: Presentación de Ás voltas coa diversidade cultural
O venres 10 de outubro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 22), preséntase Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO, tradución publicada por Edicións da Curuxa. No acto, organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), participan o coordinador do libro, o profesor da USC José M. Álvarez-Castro, e o presidente da SAGA, Rafael Quintía.
Cambre: Remol dun ar de Outono, recital de poesía e música
Lugo: Letra das Festas: Historias de tolos, chalados e traslidos, o mércores 8 de outubro
O mércores 8 de outubro, ás 18:00 horas, no Círculo de las Artes de Lugo (Praza Maior, 23), a Sección de Literatura Oral da AELG, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, dentro do San Froilán 2014, terá lugar a Letra das Festas. Historias de tolos, chalados e traslidos, onde se recollerá a memoria de personaxes singulares de Lugo e arredores. A entrada é de balde.
Interveñen: Ángel Martínez Fernández de la Vega, Paco Nieto, Isidro Novo, Lourdes Abuíde, Lois Pérez e Marica Campo.
Música: Abraham Cupeiro e Héctor Barro.
Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (Sección de Literatura Oral da AELG).
Vigo: IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Teatro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade. Como escribir o futuro?, finaliza coa seguinte actividade, que terá lugar entre as 13:00 a 14:30 h. no Salón de actos Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario):
8 de outubro – Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira.
Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Armando Requeixo en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): Vostede desenvolve o seu labor como crítico nos medios de comunicación. Que diferenzas encontra a respecto da crítica académica ou en publicacións moi especializadas?
– Armando Requeixo (AR): O crítico literario é un lector autorizado, cunha competencia lectora superior grazas á súa experiencia ou coñecementos na materia. A súa misión é valorar dun xeito máis ou menos subxectivo un texto, unha crítica que sirva para informar o público potencial dunha obra literaria. O analista ou investigador literario estuda os textos dun xeito académico. Fai unha valoración obxectiva. En troques de valorar, enuncia hipóteses de traballo. Resumindo, ambas figuras comparten o seu labor de mediadores. No primeiro caso entre os produtores literarios e os lectores; no segundo caso entre os autores e o canon literario que todo sistema debe ter.
Teño analizado este tema en diferentes foros. Para quen queira profundar, recoméndolle que lean o texto que escribín (“Crítica galega. Problemática e actitudes”) sobre este asunto no número 168 da revista Grial, publicado no cuarto trimestre do 2005. (…)
– B: Que cambios notou na súa propia maneira de facer crítica desde primeiros da década do 1990, cando empezou?
– AR: Fun aprendendo, non tanto o que cómpre facer coma o que nunca debe facerse. Para min un ensino fundamental foi decatarme de que dun bo libro ten de se falar sempre para dálo a coñecer, dunha obra con luces e sombras convén ocuparse tamén para amosar a perspectiva propia sobre os acertos e as melloras posibles, pero dun texto ruín non debe dicirse palabra, pois non hai crítica máis feroz que o silencio. O espazo público que se nos dá aos críticos é demasiado precioso como para desperdicialo ocupándose de subprodutos. (…)
– B: Falemos de literatura: É vostede dos que pensa que vivimos unha Idade de Ouro, unha Idade de Alcatrán ou unha Idade de Miseria, con poucas obras publicadas. Pode engadir outra idade?
– AR: Nin unha cousa nin a outra nin todo o contrario. Vivimos na Idade da Fronteira, cun sistema que se está redefinindo constantemente nun mundo moi cambiante, con sistemas extraliterarios que interseccionan con este e fan que se reconfigure a gran velocidade: o político, económico, social, cultural, lingüístico ou o mediático en xeral e o “internetiano” en particular, por exemplo. Por tanto, nalgunhas cousas estamos peor que noutros tempos outras xa as perdemos e noutras máis progresamos francamente ben. O presente é complexo, o futuro incerto. Se hai vontade de sermos e de avanzarmos, andaremos o camiño. (…)
– B: Os premios literarios son vistos arestora como a maneira máis doada de publicar; xa nin importa tanto o gaño monetario dos certames. É entre os aspirantes aos diferentes galardóns que está o magma máis substancioso das nosas letras?
– AR: A miña experiencia dime que todo segue importando: o prestixio do galardón –é fácil que bos orixinais concursen en premios con longa tradición– pero tamén o premio en metálico (isto é matemático: a maior dotación, maior participación) ou o nome da casa que publicará a obra distinguida e se esta é comercial ou institucional. Os premios seguen a ser un viveiro de novas voces e, sobre todo os que se convocan para xente moza, un espello bastante fiel de por onde poden ir os vieiros futuros da nosa escrita. (…)”
Radiocrítica do 06-10-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 6 de outubro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva da tradución de A volta do xove príncipe, de Alejandro Roemmers, realizada por Luís González Tosar (I, 0:10); a tradución de John Rutherford dos Halos, de Xosé María Díaz Castro (I, 7: 27; II); tamén sobre De como Chispo, o esquío, puido co frío, de Toño Núñez, ilustrado por Xosé Tomás (II, 4:09) e, finalmente, sobre Crónica do chan, de Alberto Lema (III), do que recito un poema.“