Xabier P. Docampo e Paula Carballeira participan na Ludoferia de LIX de Valparaíso

Desde Sermos Galiza:
“O obradoiro O vento que nos trae as palabras será unha das actividades coas que o escritor Xabier P. DoCampo participa na Ludoferia Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, presenza que se suma á da contadora Paula Carballeira que entra no programa do Encontro Internacional de contadores de historias. O festival terá lugar do 23 ao 26 de abril.
A Xabier P. DoCampo preséntano no festival de Valparaíso como Premio Nacional 1995 por A casa da luz e un dos máis importantes autores de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, ademais de promotor da nosa cultura en todos os ámbitos. Destacan tamén a súa presenza internacional no Internationales Literatura Festival de Berlín, así como en feiras do libro de Bos Aires, México ou A Habana ou nos festivais e encontros de narración de Guadalajara, Bos Aires, Beja, Tenerife e agora tamén en Valparaíso.
Co espectáculo Historias de calafríos, Paula Carballeira participa no IV Encontro de Contadores de Historias Valparaíso é un Conto que terá lugar no parque Cultural de Valparaíso con sesións para todos os públicos polas tardes e para maiores de 14 anos a partir das 20 horas. (…)”

Cuestionario Proust: Asun Estévez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Asun Estévez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Entusiasmo e vitalidade. Non me rindo nin rendida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tolerancia e o respecto polo espazo e a intimidade dos demais.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran como son.
4.– A súa principal eiva?
– Hai algunha por aí, a impuntualidade, una batalla constante co tempo. Creo que chegarei tarde ata ao meu enterro…, mais ese día xa non será cousa miña.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, una boa conversa e soñar. E viaxar sempre que é posíbel.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O abrazo do meu fillo. De tódolos xeitos, son moi inconformista e esixente. Sempre á procura.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ese abrazo. E perder a palabra.
8.– Que lle gustaría ser?
– Tan só feliz…, paréceme que non é pedir moito.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame onde vivo, pero non estaría nada mal unha voltiña ou dúas polo mundo.
10.– A súa cor favorita?
– Azul, verde e amarelo que son para min as cores da vida. Agora para vestirme preferentemente de negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Gústanme todas as flores pero as silvestres as que máis.
12.– O paxaro que prefire?
– As gaivotas. Podo pasar horas ollándoas. Envexo a súa liberdade.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son de devocións pero si de preferencias especiais, Neira Vilas, García Márquez, Saramago…, son de lectura necesaria.
14.– E na poesía?
– A poesía en si mesma. Todo aquel poema que me faga vibrar e me obrigue a lelo e relelo unha e outra vez.
15.– Un libro?
– Serían moitos. Non podería escoller. Imposible decantarme por un en particular. Ademais cada etapa da nosa vida necesita de diferentes lecturas, non demandamos sempre o mesmo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes…, pero cando era nena atopaba en Tarzán un aquel…, parecíame fascinante, salvaxe, primitivo, puro e libre.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslargas. Rebelde e auténtica.
18.– A súa música favorita?
– Son totalmente musical. Respiro palabra e respiro música.
19.– Na pintura?
– Dalí e Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera que sexa capaz de saír adiante nas adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Pois o meu. De nena horrorizábame o meu nome. Mais co tempo cheguei a querelo, agora mesmo, encántame. Non podería chamarme doutro xeito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía e a vulgaridade.
23.– O que máis odia?
– Non son de odiar, paréceme un sentimento frustante para quen o sente. Pero si aborrezo algunhas cousas, a inxustiza é a que máis.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Sempre deixan algún pouso turbio atrás.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Confórmome como son aínda que asumo que todo é mellorable.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Gozando plenamente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Contenta. A pesar de tódalas tormentas nacín con esa predisposición. Espero que non me abandone nunca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo e os seus derivados.
30.– Un lema na súa vida?
– Teño dous: “Querer é poder” e “Vive e deixa vivir”.”

Compostela: nova sesión dos Picaversos, co título Convocamos a perda (II)

O martes 22 de abril, a partir das 21:00 horas, na galería da Casa de Europa de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Convocamos a perda (II), coa participación de Berta Dávila, Elvira Riveiro e Le Roi e Martin Wu, músicos de Grampoder.

Vigo: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal

O martes 22 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase o libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Afonso Becerra.

Fran P. Lorenzo, un dos cinco finalistas do Premio AELG á mellor traxectoria de Xornalismo Cultural

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das cinco persoas finalistas do premio á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013 Fran P. Lorenzo.

Yolanda Castaño: “O proceso de produción literaria parece non existir. Un libro non se sabe de onde sae”

Entrevista de Montse Dopico a Yolanda Castaño en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): Polo que saíu publicado, semella que A segunda lingua é unha defensa do galego. Mais se cadra é máis ben unha reflexión sobre as dificultades de enfrontarse á comunicación nun idioma que non é o propio, non si?
– Yolanda Castaño (YC): Si. A segunda lingua é a lingua do outro, a que non é a túa. A lingua é o filtro a través do que nos conectamos co mundo. E ás veces temos que botar man de linguas estranxeiras. Entón aparecen as dificultades, os conflitos que iso entraña. O libro é unha metáfora diso, e das dificultades que supón comunicarse, achegarse aos outros, que ás veces é un quero e non podo… É querer mostrarte como es e non conseguilo porque non tes as ferramentas. Son os malentendidos…
– MD: Aínda que é un libro distinto dos anteriores teus, algunha conexión pode haber. O poema Cousas que comezan por Y lembra O libro da egoísta, a súa achega á propia identidade…
– YC: Ese era un libro sobre a propia identidade, si. Un libro autocrítico tamén. Cando somos novos falamos de nós mesmos porque non sabemos nada do mundo, nin da vida, é normal. Co tempo, supoño que viñeron os cambios. O poema que citas só compila cousas que comezan por y. Se colles un dicionario de galego e buscas a letra y, verás que non deixei fóra do poema moitas palabras que comezasen con ela. Si que hai unha alusión ao tema da miña inicial, mais non é un texto tan autoreferencial como O libro da egoísta.
– MD: Alén das linguas, o libro fala da capacidade humana da linguaxe…
– YC: Si, e mesmo de aspectos filolóxicos concretos: fonoloxía, lexicografía… A idea era explorar desde o punto de vista poético eses aspectos que poden ser máis técnicos e non tan centrais na linguaxe. O sentido xeral é non precisamente emocionarme con cousas grandiosas, senón poñer a mirada no máis pequeno. En lugar de atender a cousas máis tradicionalmente poéticas, ollar un papel, un linguado, un calamar… En vez de mirar tanto a semántica, o significado, ollar para a morfoloxía, a morfosintaxe… (…)”

Celanova: presentación de Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, con poemas de Baldo Ramos e gravados de Carlos González Villar

O sábado 19 de abril, ás 12:00 horas, na Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37), de Celanova, preséntase o libro-catálogo Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, coa presenza dos seus autores, Baldo Ramos e Carlos González Villar.