Desde
Galicia Encantada:
“Este xoves, 5 de marzo, sumamos 10 anos enredando cos encantos de Galicia. Unha década de traballos que serviron para coñecervos a moitos de vós, polo que aproveito esta ocasión para agradecervos tanto agarimo e colaboración.
Sabedes que para celebrar este aniversario editamos o libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías que andamos presentando polo país.
Aquí tes algo de información sobre o libro.”
V Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, coa colaboración da AELG
Inspiraciencia
é un concurso de relatos de inspiración científica, que conta coa colaboración da AELG. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
1. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaro ou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais estarán escritos en catalán, español, éuscaro ou galego. Deberán ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados en ningún outro medio ou blog persoal.
Modalidades e categorías
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva: Relato curto dunha extensión mínima de 800 palabras.
4. Os participantes poderán participar nunha das seguintes categorías: Público adulto (a partir de 18 anos), ou Público mozo (de 12 a 17 anos).
5. Cada participante poderá presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Todos relatos dun mesmo participante deben ser orixinais, é dicir, non se poderá presentar o mesmo relato en linguas distintas.
Presentación dos relatos
6. Os participantes deben rexistrarse nunha das dúas categorías e poden enviar un relato en calquera das linguas do concurso.
7. Os orixinais deberán publicarse no sitio web do concurso. Previamente haberá que rexistrarse a través dun formulario dispoñible no mesmo sitio web.
8. Os participantes poderán acceder á súa conta co nome de usuario e unha contrasinal. O pseudónimo será o nome co que se asinarán os relatos que se queiran publicar.
9. O prazo de presentación de relatos pecharase o 17 de maio de 2015.
Betanzos: presentación de O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval
María Solar fala sobre o seu libro O meu pesadelo favorito
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O programa ZigZag Diario recibe a visita da xornalista, escritora e presentadora da TVG María Solar, gañadora do Premio Lazarillo 2014 polo seu último libro infantil, O meu pesadelo favorito, que ten como protagonista un neno con febre a quen os antitérmicos que lle subministran os seus pais lle provocan o efecto secundario de producir uns soños do máis fantasioso e cheos de personaxes pintorescos. A entrevista completa pode verse aquí.”
Xosé Vázquez Pintor: “Na sala de Urxencias, a literatura permíteche seguir a voar”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Xosé Vázquez Pintor en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Comentou vostede que Antípodas nace cando “estaba baixo mínimos”, logo dun infarto. Cónteme.
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): O libro foi unha luzada de optimismo e forza, da esperanza, das urxencias positivas. Coido eu… Tamén puido ser resultado da ciencia, xa que chegou despois dunha resonancia magnética. Da outra resonancia magnética, a que vai máis alá, cara ao profundo da ensoñación, das liberdades e das luces. Sempre debera ser así: un lóstrego.
– B: Fálase moito da literatura como terapia. É comparable o esforzo mental dunha novela ao esforzo que se require para rehabilitarse dun problema físico?
– XVP: Na miña circunstancia, non houbo esforzo senón a curación por dentro, libertaria ela, unha luminaria de formigas, o ruxe-ruxe coas palabras dende o íntimo. Na sala de urxencias o noso mundo creativo é coma un paspallas que canta e que voa alén das circunstancias adversas. Aparcamos as derrotas físicas e químicas a prol da resistencia. O importante é seguir voando cara ao paraíso da creación, creación literaria, no meu caso. (…)
– B: Antípodas é unha novela na que o soño ten tanto valor coma a realidade. Como concibe vostede o valor da literatura como evasión das dificultades da vida? A pregunta é para o Vázquez Pintor escritor mais tamén para o lector.
– XVP: Un séntese cómodo cando pode facer un sol das liberdades ensoñadas. A poesía é un fulgor. E cando non se pode é un fiasco. Cando imos avanzando chega un momento no que nos sentimos cómodos co que facemos ou ben optamos pola renuncia. Velaí o fulgor ou a caída. Dáse unha pelexa interior: o valor que ten na propia vida a palabra, a escrita e polo tanto a literatura. Aínda que o tempo avanza, o importante é non desesperar, non renunciar á dignidade. A sorte sempre se achega a botar unha man. Do lado de abaixo, nas lameiras da vida, quedou a desesperación. (…)
– B: Vostede é un heterodoxo na literatura galega, apegado ás súas propias obsesións, case nunca en comuñón con modas ou tendencias. Tamén o é nas referencias? Quen son os autores-motores responsables de que vostede decidise pórse a escribir?
– XVP: Aquela música oral da lingua é o fiadeiro das imaxes que eu sempre recibín dos meus: avós, pais, familia labrega na Terra do Medio; e aínda despois o mar de Cangas, Bueu, Moaña. E aínda máis despois: Vigo, Cambados, Pontevedra. O noso mundo en vidas e palabras. Aí sempre cómpre estar. (…)
– B: Nos seus textos xornalísticos hai tamén a pegada do contacto humano directo. É vostede home de agarimos e conversa. Quizais hoxe os escritores e os xornalistas (aínda que pareza estraño) escoitan pouco a xente na rúa?
– XVP: Foron máis de trinta anos de colaborador na maoría dos xornais de Galiza. O sol que nunca se apaga en min. Que sempre soñei. Cadro un chisco nesa apreciación da falta de contacto suficiente dos xornalistas coa xente na rúa. O mundo de hoxe é de amargor en moitas casas nas que só queda ruína e baleiro. E xornalistas e escritores temos que seguir a ser portavoces necesarios e honestos desa realidade.”
Carlos Callón presenta o poemario Atravesar o fantasma
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Carlos Callón fai unha peneira da poesía que escribiu desde a súa adolescencia ata os 35 anos, debruzándose sobre dous temas centrais na vida de calquera ser humano: o eros e o tánatos. A ausencia do pai, a pegada na infancia, a descuberta da sexualidade, o tabú da morte e a homosexualidade constrúen unha obra que é finalista dos Premios Ánxel Casal, Atravesar o fantasma. A entrevista completa pode verse aquí.”
Xosé Neira Vilas fálanos de Lar, Nai, Pan
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Neira Vilas fálanos de Lar, Nai, Pan, volume que reúne tres libros dos anos setenta e oitenta, que acaba de publicar Galaxia. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
I Convocatoria Mundial do Pensamento Galaico Contemporáneo
“M. P. Literary Edition de Seattle, U. S., convoca a pensadores, intelectuais, docentes e escritores a participar na I Convocatoria para unha Antoloxía do Pensamento Contemporáneo, que se rexerá polas seguintes bases:
1. Poderán participar todas as persoas maiores de 18 a anos de calquera lugar do mundo. Non se aceptarán obras pertencentes a autores falecidos antes de presentar a súa obra á presente convocatoria.
2. As obras, que serán de contido libre e en forma de ensaio ou narración curta, terán unha extensión máxima de 450 palabras (uns 1690 caracteres aproximadamente), presentándose en formato word, letra New Roman, tamaño 12.
3. Aceptaranse igual obras inéditas como publicadas, sempre que os dereitos sexan titularidade do autor, non se achen comprometidos e non participen ó mesmo tempo noutras convocatorias.
4. As obras enviaranse exclusivamente por email ó enderezo de correo electrónico: literaryedition@gmail.com, indicando no asunto “Pensamento Galaico Contemporáneo”.
5. O prazo de presentación iníciase coa publicación das presentes bases e remata o día 23 de abril de 2015, hora de Galicia.
6. É imprescindible que os participantes revisen ben o texto antes do seu envío, de maneira que non exista erro ningún, omisión ou falta.
7. Poderán presentarse obras escritas na Fala do extremeño val de Jálama, en Buecés de Bembibre, en Toreniense de Toreno, no de Fornela e o Ancarés, en charro de Villafranca, na Fala do Val de Finolledo e as do Val de Valcarce e a Merindade de Aguiar; en galego normativo, reintegracionista, Barallete, o de Sanabria (A Seabra), Eonaviego e Asturiano occidental, en galego do Bierzo, nas distintas variantes de non normativo incluíndo as da rexión Norte de Portugal e de Arxentina, así como en español, sempre que o autor acredite ser de orixe galega.
8. Cada participante enviará a súa obra nun arquivo anexo, que incluirá o texto, título, nome do autor e versión lingüística na que participa.
9. O Xurado é soberano, o seu xuízo é inapelable e goza da prerrogativa de determinar calquera suposto, así como a facultade de interpretar as bases que rexen a convocatoria, e en ningún caso manterá comunicación cos participantes. Se a estimación de xurado non se cumpren as expectativas, a convocatoria poderá declararse deserta.
10. A participación neste Concurso implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases e condicións (en diante, as Bases) e/ou de calquera aclaración e/ou modificación das mesmas. As decisións do Organizador verbo de todos e cada un dos aspectos da Convocatoria e/ou selección notificadas serán definitivas e irrecurribles. O xurado é soberano para dirimir calquera cuestión que se puidese suscitar.
11. As persoas que interveñan neste Concurso, pola súa soa participación aceptan sen reservas e de pleno dereito todas e cada unha das disposicións previstas nas presentes bases e condicións. O incumprimento de calquera das bases supón a descalificación automática e inmediata.
12. A mera participación supón que o autor certifica os seguintes aspectos:
o seu consentimento á divulgación da obra presentada, permitindo o uso e difusión do seu nome,
a garantía, por parte do candidato, a total indemnidade para os convocantes, da autoría e orixinalidade da obra presentada, e de que esta non é copia nin modificación total ou parcial de ningunha outra obra propia ou allea,
o aval por parte do candidato, da total indemnidade para os convocantes da natureza inédita en todo o mundo da obra presentada e da titularidade en exclusiva e sen carga nin limitación algunha de todos os dereitos de explotación en col da mesma e fronte a terceiros, sen acharse sometida a ningunha outra convocatoria pendente de resolución.
Unha vez incurso no certame, o autor comprométese a non retirar a obra ata a comunicación do fallo.
13. Aínda que M. P. Literary Edition traballará arreo pro abranguer todas as obras presentadas, só garantirá a participación na antoloxía das seiscentas primeiras recibidas, polo que insta aos participantes a ser dilixentes no envío.
14. Todas as persoas que concorran na presente convocatoria, pola súa soa participación aceptan sen reserva e de pleno dereito, todas e cada unha das disposicións previstas nas presentes bases e condiciós.
15. Non se devolverán os traballos presentados, sendo destruídos logo do prazo en caso de non ser seleccionados.
16. Os resultados comunicaranse persoalmente aos interesados e polas canles habituais, polo que se aconsella encarecidamente que revisen a exactitude dos datos, e que periodicamente repasen o correo spam.
17. Os titulares das obras seleccionadas ceden á organización os dereitos de uso e patrimoniais, podendo o autor publicar libremente o traballo en calquera outro medio.
18. O premio consistirá na publicación do traballo presentado baixo o nome do autor, incluíndose na Antoloxía do Pensamento Galaico Contemporáneo.”
Entrevista a Rosalía Fernández Rial no Diario Cultural sobre o Proxecto Elo
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A poeta Rosalía Fernández Rial e o músico Serxio Moreira presentan Elo, un proxecto poético musical. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez
O
mércores 4 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Montse Dopico e Manuel Bragado.



