Actos da Fundación Rosalía para o día 24 de febreiro

“A Fundación Rosalía de Castro pecha o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos celebrando o Día de Rosalía (24 de febreiro, día do nacemento da poeta) cun programa especial do Diario Cultural que servirá de marco para a presentación do proxecto de edición de De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que asumirá a Fundación en colaboración coa Radio Galega. Coa edición en libro-cd culmina o proxecto promovido polo informativo cultural da radio pública que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou no seu libro Cantares Gallegos.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a directora da Radio Galega, Rosa Martínez, presentarán o proxecto no acto co que as dúas entidades conmemoran o Día de Rosalía. Os poemas inéditos lidos por algúns dos autores e autoras que participan en De Cantares Hoxe e a música na voz de Najla Shami forman parte dun programa especial do Diario Cultural aberto ao público e no que se revisará tamén a pegada da obra de Rosalía de Castro na poesía contemporánea. (…)
O acto de presentación desenvolverase o luns 24 de febreiro ás 19:00 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.
Ofrenda floral
Como todos os anos, o presidente da Fundación, Anxo Angueira, fará en colaboración co Concello de Santiago unha ofrenda floral en Compostela. Por mor das obras que se están a realizar no lugar onde naceu Rosalía hai 177 anos, na actual Praza de Vigo, a ofrenda trasládase á Alameda. Será o luns 24 ás 10:30 horas da mañá, cando membros da Fundación e do Concello partan da Porta Faxeira cun grupo de gaiteiros ata a estatua da Alameda, onde se levará a cabo a ofrenda.
#euRosalía, un ‘selfie’ rosaliano
O 24 de febreiro rematan as celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos e desde a Fundación propoñemos unha acción colectiva en Internet que integre á maior xente posible, tanto en Galicia coma no resto do mundo.
Trátase de que o día 24 todos e todas nos fagamos unha autofoto (un ‘selfie’, como se chama agora) con calquera motivo relacionado con Rosalía (cun libro dela, a carón dunha estatua, dunha placa, dunha camisola…) e a comparta nas redes sociais, usando o hashtag #euRosalía, de forma que sexa fácil de atopar para todos/as.”

Luz Pozo gaña o Premio Laxeiro 2014

Desde Sermos Galiza:
“No transcorrer do xantar que cada 23 de febreiro, dia do seu aniversario, se lle tributa ao pintor Laxeiro e no que se dan cita amizades e persoas admiradoras da súa obra foi dado a coñecer o nome da nova gañadora do premio que leva o seu nome. A poeta Luz Pozo, que non puido asistir ao acto de entrega por problemas de saúde, foi a escollida para a edición do premio deste ano en “recoñecemento a toda unha vida dedicada á creación literaria, a edición e o ensino”.
O de Luz Pozo é o segundo nome de muller que recibe o premio Laxeiro, despois de que María do Carme Kruckenberg fora a recoñecida na edición do 2011. Francisco Fernández del Riego inaugurou en 2004 a xeira de gañadores nunha lista na que se ían incorporal Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo, Carlos Oroza, Antón Lamazares, Xosé Neira Vilas, María do Carme Kruckenberg, Luís Mª Caruncho e Jorge Castillo. En só unha ocasión, non foi unha persoa a galardoada senón un organismo. Aconteceu na segunda edición do premio na que a Obra Social Caixanova se fixo co Laxeiro do 2005.”

A Coruña: acto de entrega dos Premios do IV Certame de curtas para Rosalía

Ás 20:00 horas terá lugar unha conferencia de Pilar García Negro e Manuel Ferreiro sobre Rosalía, Cantares Gallegos e Eduardo Pondal.

Convocado o XVII Premio de poesía Miguel González Garcés

“Dando continuidade ao que xa e unha tradición na convocatoria poética en lingua galega, e recollendo tamén o exemplo deste significativo escritor coruñés, a Deputación da Coruña convoca o XVII Premio de poesía Miguel González Garcés, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que non fosen premiados nas tres edicións anteriores, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, que estean escritas en lingua galega.
Segunda.- O premio é único e indivisible, e está dotado coa cantidade de 6.500 €, estando incluídos nesta cantidade todos os impostos que lle sexan aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose, durante un prazo de dezaoito meses, os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemplares.
Terceira.- As obras que serán de tema libre, terán unha extensión non menor de trescentos versos.
A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: XVII Premio de poesía “Miguel González Garcés”, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word ou OpenOffice.
No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademáis deberán estar numerados, grampados ou encadernados.
Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto con un sobre aparte, en cuxo exterior conste: XVII Premio de poesía “Miguel González Garcés”, o título da obra ou o seu lema, así como o seudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, un breve currículum e unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 16 de abril de dous mil catorce.
As solicitudes enviaranse á Deputación Provincial da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre XVII Premio de poesía Miguel González Garcés.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a sra. deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da poesía, que serán nomeados polo sr. presidente da Deputación, actuando como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado será feita pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión, a ser posible, única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución será aplicado o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta Deputación, que é o órgano competente para resolver o premio.
A decisión do xurado terá lugar no primeiro semestre do ano 2014 e será dada a coñecer a través do taboleiro e da páxina web da Deputación, así como dos distintos medios de comunicación.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida ser feito público o nome do finalista.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas, e a partir do día seguinte ao da decisión do xurado serán destruídas.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 12 de febreiro de 2014″

Convocado o XXVI Premio de narrativa Torrente Ballester

“Co ánimo de contribuír a acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza aos nosos escritores, así como de homenaxear ao ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación provincial da Coruña, convoca o XXVI Premio de narrativa €œTorrente Ballester€, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todas aquelas persoas, calquera que sexa a súa nacionalidade, que non obteñan o premio no cinco edicións anteriores a esta, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en castelán ou en galego.
Segunda.- Outorgarase un premio único e indivisible dotado con 25.000 euros, estando suxeita esta cantidade aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, reservándose durante dezaoito meses os dereitos de edición.
Terceira.- As obras serán de tema e extensión libres, podendo presentarse novelas, relatos e conxuntos de relatos.
As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que incluirá na portada: XXVI Premio de narrativa €œTorrente Ballester€, título da obra e unha lema, ou o pseudónimo da persoa que sexa a autora; o tratamento de texto será Word, OpenOffice ou PDF.
No caso de optar pola presentación en papel, os orixinais enviaranse por duplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, polas dúas caras, numerados, grapados ou encadernados.
A obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre á parte en cuxo exterior conste: XXVI Premio de narrativa €œTorrente Ballester€, o título da obra e unha lema, ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, dirección, teléfono de contacto, correo electrónico, breve currículo e unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará ao día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 1 de xullo de 2014.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre: XXVI Premio de narrativa €œTorrente Ballester.
Quinta.- Para a lectura da totalidade das obras presentadas, será nomeada unha comisión de preselección, que estará composta por persoas expertas no campo da literatura; esta comisión seleccionará as obras que, segundo o seu criterio, reúnan a calidade suficiente para que ser valoradas polo xurado do premio.
Sexta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación e formarán parte do mesmo a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, e sete persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que este delegue.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor os recursos legais pertinentes.
Sétima.- O xurado actuará en pleno, en sesión se é posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Aos efectos da validez da súa constitución, será de aplicación o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
O fallo do xurado terá lugar no último cuadrimestre de 2014 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, así como a través dos distintos medios de comunicación.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Oitava.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas e a partir do día seguinte ao do fallo do xurado serán destruídas.
A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte dos autores.
Os participantes teñen a obrigación de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión deste concurso.

A Coruña, 12 de febreiro de 2014″