Lugo: presentación de O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira

OAnselmo López Carreira venres 27 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), dentro dos actos organizados no Festival da Biosfera, Anselmo López Carreira falará do seu libro O Miño. Un caudal de historia, publicado en Xerais.

Fran Alonso e os hiperversos

DesdeFran Alonso Cultura Galega:
“A pasada semana abría o web Poetic@.gal. Un estraño remexido de textos, con versións en galego, portugués e castelán, con ligazóns e todo tipo de agregados no que, organizados nas seccións Teoría do banal, Ciberpoesía, Epitafio e Postdata, Fran Alonso daba renda solta á súa creatividade multimedia. Segundo explica no texto de presentación do proxecto, “múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa”. A proposta non busca unicamente complementar o texto literario, senón explorar a interrelación de todos os elementos. “Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías”, sinala a presentación do proxecto.
Os elementos multimedia modifican en moitos casos a lectura ou a percepción dos poemas polos usuarios, e mesmo chegaron a condicionar a escrita de determinados versos. “As linguaxes máis iconográficas ían modificando moitas veces o propio discurso do poema. Achegaban novos significados e mesmo mudaban completamente o texto mediante a contradición e a ironía. Isto ao comezo desconcertábame, pero logo vin que era unha marabilla e que lle daba novas dimensións á obra”, explica o autor. Canda a isto, “tiven que mudar frases e palabras ou buscar disposicións gráficas máis axeitadas para cada poema. Algo que semella unha parvada é que o feito de que cada páxina teña que ter unha URL implicou que lle tivese que pór título a todos os poemas, cando nun comezo moitos non o tiñan. Isto tamén me permitiu afondar no xogo da ironía”.
A iniciativa supón un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía electrónica en Galicia. “O proxecto naceu sobre o papel” recoñece Alonso. “Na primeira fase escribino de xeito convencional entre 2008 e 2010, pero xa tiña unha estrutura pensada para a rede. A idea das ligazóns internas xa estaba aí”. Malia á decidida aposta polo dixital a pegada analóxica está presente na obra, por exemplo nos números de páxina que acompañan os diferentes poemas. “Foi algo que fixemos para darlle aspecto de libro. Tamén empregamos un branco roto para dar certa textura de papel e un sombreado que insinúa esas páxinas”. Para alén desa aparencia, e de introducir elementos como a capa, o índice ou o limiar, a experiencia Poétic@ transcende en moito o concepto de volume, e o propio autor chega a definir a obra como unha “instalación poética”. Vídeo, fotografías, audio de recitados, ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns externas son algúns dos recursos cos que se vai atopar o lector. Segundo segura Alonso “quería meter un pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín eran os que ía pedindo o texto”. Así, segundo asegura, a procura e creación de elementos multimedia para este proxecto ocuparon boa parte do proceso de elaboración. “O último ano traballei exclusivamente en liña e foi moi intenso, mesmo acabei cunha inflamación ocular de tanto ollar a pantalla”. (…)”

Con María Canosa, no club de lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares)

DesdeMaría Canosa o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Visitou a escritora María Canosa o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” por mor da lectura do seu libro Druídas, que ocupou a atención de quen o conformamos nas últimas semanas. Foi esta novela a que centrou boa parte do encontro, desvelándose a dinámica interna da súa xestación, quer dicir, o proceso -ao que parece abondoso- de documentación e a súa plasmación na obra escrita de maneira que en boa parte o que hai nese libro se articulou, conscientemente, como unha porta aberta para acceder a outros espazos e coñecementos, suxerindo camiños, ofrecendo fíos para os que poder tirar. Un orixinal -confesou- que levaba tempo nunha gaveta e que, tras ese distanciamento, se decidiu a puír e de aí a dar o salto á editorial e ás mans do lectorado. Un libro pragado, por outra parte, de vivencias, de lecturas previas e do pouso de persoas que estiveron coa autora, algo que cifrou no feito de que “en todos os libros que escribo hai unha parte de min, do que son e do que non son”.
O diálogo, moi rico nesta ocasión, discorreu tamén pola presenza da mitoloxía no libro, do respecto á natureza e abriuse a outras obras da autora como Acuario ou Rubicundo, finalista do premio Merlín de literatura infantil. Tempo houbo tamén para que nos relatase a peripecia da publicación do seu primeiro libro (Bramido maino) no que algo tivo que ver Manuel Beiras, o que pode haber do avó de Druídas no propio avó da autora ou da concepción que posúe sobre a literatura infantil como reto persoal entre outros asuntos. Grazas á autora pola súa visita, tamén polo consello de non perder nunca a capacidade de se sorprender. No Club de Lectura nesas andamos. (…)”

A Coruña: actividades destacadas do sábado 28 de marzo en CoruñaMayúscula

OFrancisco Castro sábadoXabier López 28 de marzo, no Centro Ágora da Coruña, terán lugar estes actos destacados dentro do festival CoruñaMayúscula:
– A partir das 12:00 horas e de 18:00 a 20:00 h. Aula 7. Obradoiro de poesía a cargo de Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:00 h. Mesa redonda sobre a novela negra e de intriga, coa participación de Francisco Castro, Xabier López e Manuel Rodríguez.