Mercedes Queixas: “A forza da nosa literatura non deixa de abraiarme”

Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Ademais de filóloga, investigadora e profesora -imparte clases no colexio Xosé Pichel de Coristanco- Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que ten de particular a web da AELG?
– Mercedes Queixas (MQ): É unha páxina moi potente e hoxe en día é o maior centro de documentación e de coñecemento sobre os escritores e escritoras actuais. É unha ágora, unha porta de entrada á súa vida e á súa obra que conta con máis de 420 socios e socias, a inmensa maioría da xente que está a crear na literatura galega.
– LVG: ¿Superouse xa o receo dalgúns escritores cara Internet?
– MQ: Eu penso que todo pode convivir. De feito segue a haber unha produción dinámica en papel, pero ao mesmo tempo os autores e autoras xa se están incorporando ás edicións dixitais. Estamos dando mostras de vivir canda o tempo actual e de buscar plataformas para achegarnos a todo tipo de públicos, porque haberá lectores que preferirán sentir o papel e outros que prefiran manexarse noutro soporte. A literatura non ten barreiras de seu e non imos ser nós os que llas poñamos.
– LVG: ¿E no seu caso é dos que prefiren o papel ou emprega o ordenador a cotío?
– MQ: Eu tiven o meu tempo de transición porque son gutemberiana, unha recén chegada ás novas tecnoloxías; non son diso que xa se chama nativo dixital, pero moi recentemente me decatei de que cada vez emprego menos o papel, polo menos para unha escrita máis elaborada. Aínda o preciso para tomar notas, para recoller ideas que xorden no tempo menos pensado e no lugar menos acaído, pero cando xa me dispoño a elaborar iso fágoo directamente sobre o teclado.
– LVG: ¿En que está a traballar agora?
– MQ: Estou elaborando unha nova historia xeral da literatura galega. Será nun formato divulgativo para intentar que calquera persoa, independentemente da súa formación se achegue a unha literatura que leva en activo desde finais do século XII, que tivo épocas brillantísimas así como outras de sombras provocadas sempre por axentes externos, e que agora segue a dar unhas mostras de vitalidade, de forza, de capacidade de creación e renovación que a min non deixa de abraiarme.”

A Coruña: presentación de Ningún precipicio, de Olalla Cociña

A sexta feira 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase Ningún precipicio, de Olalla Cociña, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participan Iago Martínez e Dores Tembrás.

O Grove: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, no espazo da Galería Besada (Rúa Concepción Arenal, 18) do Grove, preséntase Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Álvarez e Dunia Álvarez.

Noia: mesa redonda Francisco Fernández del Riego. Camiño (ben) andado

O venres 15 de novembro, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Noia, terá lugar unha mesa redonda cos seguintes participantes:
– Mª Dolores Cabrera, padroeira da Fundación Penzol. Presentación e coordinación.
– Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol. Relatorio: Francisco Fernández del Riego e a Penzol e outras institucións.
Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia. Relatorio: Francisco Fernández del Riego, Galaxia e a revista Grial.
– Xurxo Martínez, escritor e investigador. Relatorio: Don Paco e a mocidade.
Ao longo do acto proxectarase o vídeo Francisco Fernández del Riego. No río do tempo (1913-2010) de Félix Vidal.

Betanzos: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, Manel Cráneo presentará a súa obra de banda deseñada A Torre dos Mouros publicado por Demo Editorial. Participan Antón Malde, Manuel Gago e Manel Cráneo.

Yolanda Castaño gaña o XI Premio de Poesía Novacaixagalicia

Desde Sermos Galiza:
“A undécima edición do Premio Novacaixagalicia de Poesía xa ten nome e é o de Yolanda Castaño, escritora e dinamizadora cultural e cunha sólida e dilatada traxectoria poética. A súa obra A segunda lingua resultou gañadora entre 52 obras presentadas, elixida por un xurado composto polo presidente do PEN de Galicia, Luís González Tosar ademais de Fina Casalderrey, Armando Requeixo, Óscar Javier Castro e Luís Pousa. O premio está dotado con 6000 euros mais a edición da obra na colección na que xa se publicaron os anteriores libros gañadores.”