Santiago: Da idea á acción. Conversa con Ana María Llopis

O mércores 16 de outubro, a partir das 10:00 horas, na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, dentro do Ciclo Economía e Cultura, terá lugar unha conversa con Ana María Llopis, baixo o título Da idea á acción. O acto, para o que a inscrición, gratuíta, se pode facer aquí, ten o seguinte programa:
10:00-10:15 h. Presentación.
10:15-11:15 h. Que é unha idea, e que se podería considerar unha “boa” idea.
11:15-12:00 h. Obradoiro de ideas!
12:30-13:30 h. Como se pasa á acción. E despois de compartir ideas… que facemos?
13:30-14:00 h. Debate final.

Gondomar: Vermú literario con Dolores Redondo en Espazo Lectura

O domingo 6 de outubro, ás 12:00 horas, na Xamonería Catro Camiños de Gondomar, o Club de Lectura Sete Vidas de Espazo Lectura abre a súa tempada cunha sesión moi especial: un vermú literario con Dolores Redondo acompañado de polbo á feira. A escritora vasca Dolores Redondo é autora do thriller de éxito internacional O gardián invisible, traducido a numerosas linguas en todo o mundo e estará connosco en Gondomar para acompañar os seus lectores e lectoras. Neste acto poderanse compartir coa autora uns atractivos momentos de charla e intercambio de impresións.

Rianxo: presentación de Iria, de Anxo Angueira

O venres 4 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira- Parque de Galicia), terá lugar a presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello de Rianxo e a editora, participan, xunto ao autor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e Manuel Bragado.

Pontevedra: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A sexta feira 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (Avenida Santa María) de Pontevedra, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola Fundación Alexandre Bóveda e a editora.

Goián (Tomiño): presentación da mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos, comisariada por Carlos L. Bernárdez

A sexta feira 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Goianés, en Goián (Tomiño), preséntase a mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos: Brasil, Italia e Galiza, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e que poderá ser visitada até o 20 de outubro. Aquí pode descargase o folleto da exposición: Antonio Fernández. Pintor de tres mundos.

Santa Comba: presentación de Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema

O venres 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Ler de Santa Comba (Rosalía de Castro, 32), preséntase o libro Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, editado pola Consellería de Cultura e o Concello de Negreira, e que recibira o primeiro premio Xosé Manuel López Ardeiro.

Camilo Franco deixa La Voz de Galicia

Desde Sermos Galiza:
“A saída de Camilo Franco da redacción de La Voz de Galicia produciu conmoción no mundo da cultura, para o que desde hai décadas é un xornalista respectado e coñecido. Delegado en Arousa, Camilo trasladouse a Compostela para desenvolver o seu labor na área de Cultura na que se convertera nunha voz de referencia, en especial, en artes plásticas en primeiro lugar e despois en teatro. (…)
Camilo Franco destacou no xornalismo cultural facéndose eco xa da emerxencia cultural producida nos anos oitenta e era coñecedor das tendencias artísticas e creativas do momento. Despois dunha etapa na que se significou como crítico e estudoso das artes plásticas contemporáneas, aos poucos foise convertendo nun crítico “atrevido” no mundo das artes escénicas, dos poucos de pluma afiada que tanto consagraba unha obra como botaba lume sobre a súa calidade. Como crítico teatral ofrece tamén a súa colaboración semanal no programa Diario Cultural da Radio Galega dirixido por Ana Romaní. (…)
Camilo Franco informou do seu abandono da Voz a través do seu facebook e, de inmediato, coñecidas figuras do mundo cultural e xornalístico se apuraron a lamentar a marcha dun xornalista que era quen mantiña a presenza da cultura galega nas páxinas do xornal de Sabón.”

Convocado o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

BASES

“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, convocan o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio nace en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada.
Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre, mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicar no sobre XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 15 de novembro do ano 2013 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio, e na cuberta salientará, ao par da editorial, o logotipo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia e de Gas Natural Fenosa.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos
membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.

En Santiago de Compostela, 2013.”

Pódense descargar tamén aquí: XIII Premio Piñeiro 2013.

Compostela: conferencias no ciclo Escrita(s) 2013, o venres 4 de outubro

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 4 de outubro:

18:00 h. Estética e emancipación, por Cristina López Parga. Usurpamos o concepto de reparto do sensíbel (Rancière) como condición material dun pensamento de resistencia, de emancipación e de abolición da intelectualidade. A estética é política, un modo de distribución de tempos e lugares, e a emancipación ten lugar participando nese reparto do sensíbel, como movemento resistente ao reparto excluínte dun tempo e dun espazo dado e inamovíbel.
20:30 h. Eskizotribo. Precísanse antropólogxs para entrevista en profundidade semiestruturada, por Paula Tomé Espiñeira. A tribo eskizo habitamos por eiquí tamén. Só recentemente empezamos a comunicarnos, a saír do armario nalgúns casos, a facer públicas costumes, historias, astronomía e tradición musical, entre outros rasgos de interese. Precísanse antropológxs con ou sen titulación para entrevista en profundidade semiestruturada. Prégase traer algunha pregunta da casa. Advertencia: Será un falso “ver desde fóra”.