Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”
Pablo Bouza gañou o XXXIX Certame Literario Concello de Vilalba
Pablo Bouza Suárez ven de gañar o primeiro premio do XXXIX Certame Literario Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra por Alvarellos Editora, polo seu poemario Os privilexios dos somnámbulos. O xurado estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, Fidel Fernán Vello, José Jesús Ramos e Xulio Xiz.
O segundo premio foi para o coruñes Rafael Catoira pola súa obra Navegando cara Itaca.
Betanzos: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández
O martes 27 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a nova novela de Miguel Anxo Fernández, Bícame, Frank, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa Raúl Veiga.
Gres, Vila de Cruces: Xosé Neira Vilas, Arraiano Maior 2013, o 7 de setembro
– 11:00 h. Lectura do Manifesto Arraiano.
– 11:30 h. Visita á Fundación Xosé Neira Vilas.
– 12:15 h. Lectura de poemas e textos de Xosé Neira Vilas e música.
– 13:00 h. Nomeamento de Xosé Neira Vilas como Arraiano Maior de 2013, coa entrega do diploma, da pucha e da aguillada por Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior de 2012. Intervencións do Arraiano Maior de 2012 e 2013.
– 14:00 h. Xantar Arraiano en Casa Lodeiro, a de Rafael (22 euros).
A Asociación Cultural, Ecoloxista e de Desenvolvemento Rural Arraianos nomea Arraiano Maior de 2013 a Xosé Neira Vilas.
Na última asemblea de Arraianos, celebrada en Celanova o pasado día 16 de agosto, acordouse por unanimidade distinguir co recoñecemento de Arraiano Maior de 2013 a Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) pola súa traxectoria vital e literaria. A obra e a vida deste autor, que estivo emigrado na Arxentina e Cuba, transita entre a Galicia interior e a exterior, entre o mundo rural e o urbano, entre o pasado e o futuro dunha Galicia real e soñada, por iso entendemos que é merecedor desta distinción, que recoñece a obra literaria e o compromiso intelectual deste autor.
O acto de nomeamento do Arraiano Maior deste ano vai ser en Gres (Vila de Cruces), no salón de actos Fundación Xosé Neira Vilas, o sábado, 7 de setembro de 2013, ás 11 da mañá. O feito de facerse o acto de recoñecemento neste lugar responde a unha vontade de destacar o valor do rural e de trascender as fronteiras políticas, administrativas, físicas e mesmo mentais, nun espazo que é lindeiro entre concellos, cuncas fluviais e provincias.
Ao remate do acto, no que vai estar presente o Arraiano Maior de 2012, Xesús Alonso Montero, quen vai facer entrega da aguillada arraiana a Xosé Neira Vilas, haberá un xantar popular no restaurante Casa Lodeiro, a de Rafael, onde imos degustar un menú típico da zona. Aínda que o acto vai ser público e a asistencia é libre, para anotarse no xantar popular haberá que porse en contacto cos membros do colectivo a través do correo electrónico xesusdiaz@gmail.com ou no teléfono 657425080, antes do martes, 3 de setembro de 2013.
Con este acto en Gres, no que colaboran a Fundación Xosé Neira Vilas e o concello de Vila de Cruces, o colectivo Arraianos continúa coa entrega das distincións anuais de Arraiano Maior, que comezaron no ano 2009, con Xosé Luís Méndez Ferrín, e continuaron cos nomeamentos do Padre Antonio Lourenço Fontes (2010), Bento da Cruz (2011), Xesús Alonso Montero (2012) e agora, con Xosé Neira Vilas (2013).
Carballo: actividades do sábado 24 e domingo 25 na Praza dos Libros
Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos destacamos os seguintes para cada día:
Sábado 24
– 19:30 h. Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Miguel Toval, Xosé Manuel Varela e Evaristo Domínguez
– 20:30 h. Presentación, recital poético e concerto musical de Versus, coa participación, entre outros, de Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto.
Domingo 25
– 12:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas e do resto das súas obras.
– 18:00 h. Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e Miguel Toval.
– 20:00 h. Presentación e concerto de Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado en Galaxia, coa participación, xunto á súa autora, de Samira Remuiñán, Xan Remuiñán e Rosalía Fernández Rial.
Betanzos: Unha viaxe por Irán, por Cesáreo Sánchez Iglesias
O luns 26 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, Cesáreo Sánchez Iglesias pronunciará a conferencia Unha viaxe por Irán.
Previamente, o sábado 24, ás 12:30 horas, Tucho Calvo protagonizará un contacontos arredor do seu libro Paxaro de mar e vento, publicado en Biblos.
Manuscritos: Francisco Fernández del Riego (V)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Monforte: presentacións do sábado 24 na Feira do Libro
O sábado 24 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos programados, destacan as seguintes presentacións:
– 20:00 h. Presentación de As pontes do Ego Sum, de José Manuel Ledo Santiso, publicado por Ir Indo.
– 21:00 h. Presentación de libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.